Empate con sabor a vitoria do Cidade de Narón ante o campión da liga regular

web Guardo2

  • Os de Javi Albes gozaron de máis ocasións que o Deporcyl Guardo para dominar o marcador aínda que sen acerto no remate
  • Malia ao bo tramo final de liga, o equipo amarelo non poido evitar o descenso á Terceira División Nacional, na que militará a próxima tempada
  • Iván anotou as dúas dianas da última xornada de xogo

8 de maio de 2022.- O Cidade de Narón despídese da Segunda División B cun empate que sabe a vitoria ante o campión da liga regular, o Deporcyl Guardo. E é que pese ao bo tramo final de liga realizado polos pupilos de Javi Albes, os malos resultados cultivados na primeira volta pesaron demasiado e condenaron aos naroneses a xogalo todo a unha carta. As últimas vitorias fronte ao Esteo, Ribeira e Universidade de Valladolid non foron suficientes para manter a categoría e a próxima tempada o Narón deberá de loitar na Terceira División Nacional.

Pero polo momento, o Cidade márchase cun empate ante o gañador da liga, ao que os naroneses recibiron co tradicional paseíllo co que se recibe aos campións. Bo partido o que se puido ver esta xornada na Gándara que remataba con empate a dous tantos. Iván foi o encargado de anotar os goles do equipo local.

O partido arrincou cun Cidade máis enchufado e con posesións máis longas, mentres que ao Guardo custoulle entrar en xogo. De feito, as primeiras ocasións claras foron dos xogadores naroneses. Pero co paso dos minutos, o equipo visitante foise desperezando e comezou a perfilar o seu xogo con pivot. Unha estratexia que lle permitiu dispoñer das primeiras oportunidades para achegarse con claridade á portería naronesa ben defendida por Fer Combarro.

E chegou o primeiro tanto do encontro. Tras varias xogadas perigosas dos naroneses, Iván convertía un rexeite a un tiro de Jacobo no primeiro tanto local. Facíase xustiza ao bo xogo despregado nestes primeiros minutos de xogo por parte do Cidade de Narón.

Co 1-0 no luminoso da Gándara o choque igualouse un pouco tras subir liñas os de Guardo. O Cidade saía ben de presión e tentaba gañar as costas dos guardenses co propósito de incrementar a distancia no marcador pero non habería oportunidade de facelo neste primeiro tempo e así se chegou ao descanso.

A segunda parte empezou cunha tónica similar pero cun Deporcyl con algo máis de posesión de balón que favorecería, tras unha perda do Cidade en media pista, o empate a 1 grazas ao tanto de Kiki.

O partido colleu entón máis ritmo, con moitas transicións ofensivas e cun Cidade que o tentou por medio de Brais, Rober e Jacobo sen acerto. Mentres, o Guardo fiouno todo aos tiros exteriores. Ata que nunha boa acción de pivot de Iván, este puxo o 2-1 tras bater por baixo ao porteiro visitante.

Con vantaxe no marcador, o equipo naronés mantívose firme e con bo nivel de xogo, mentres que os actuais líderes do campionato tentárono de todas as maneiras. E así chegou o gol de Corral, tras un saque de esquina que entrou por baixo das pernas de Fer.

O Cidade decidiu ir a por os tres puntos sacando porteiro xogador. Unha estratexia que xerou unha ocasión clarísima de Jacobo que, lamentablemente, non conseguiu materializar. E con empate a dous tantos no marcador finalizou o último encontro da tempada para o Narón.

Ao termo do choque, Albes recoñecía o bo xogo desenvolvido polos seus xogadores no último tramo de liga onde “o Cidade foi de menos a máis” e lamentaba que “esta melloría da segunda volta non chegase para alcanzar aos postos de salvación”.

O Cidade de Narón comezará a traballar de inmediato no asalto á Terceira División Nacional.

O Cidade de Narón tráese os tres puntos do derby contra O Esteo

web 4

  • Os de Javi Albes, que foron sempre por diante no marcador, venceron por 1-4 con goles de Guille, Diego, Jacobo e Pablo

1 de maio de 2022.- Os tres puntos do derby contra O Esteo viñeron para Narón. O Cidade sumou unha nova vitoria tras o choque que o enfrontou esta xornada ao equipo pontés que dirixe Marcos Leal. Un encontro que se disputou no Pavillón Municipal das Somozas e que finalizou co marcador final de 1-4 para os pupilos de Javi Albes grazas aos tantos anotados por Guille, Diego, Jacobo e Pablo.

O partido arrincou cun Narón que puxo a presión, o traballo e as ocasións, e un Esteo que unicamente xerou perigo en dúas accións á contra mentres mantiña unha defensa pechada en 15 metros.

Así transcorreron os dez primeiros minutos de encontro e cando se alcanzou o ecuador da primeira parte, o Cidade intensificou aínda máis o asedio contra a meta naronesa buscando adiantarse no marcador. Unha formulación que puxo en serios apertos ao equipo local, que non era capaz de saír da presión mentres que os amarelos tentaban finalizar todas as xogadas sen cometer erros que puidesen dar opcións claras ao equipo pontés para poñerse por diante.

O Cidade, co partido controlado e cun Buxía que desbaratou as dúas únicas opcións coas que contaron os das Pontes neste primeiro tempo, conseguiu o primeiro tanto do partido no minuto 18 grazas ao gol anotado por Guille.

O 0-1 fixo que o Cidade reforzase aínda máis a súa forma de xogo e seguise tendo máis posesión e máis iniciativa no partido. Pola contra, o Esteo baixou o ritmo de partido e a pesar de buscar o empate con xogadas de estratexia, non conseguiu materializar. E a falta de dous segundos para o descanso e tras un tempo morto pedido polo adestrador naronés, os amarelos executaron unha xogada de estratexia que Diego converteu ao segundo pau sobre a bucina. 0-2 para o Cidade e descanso no Municipal das Somozas.

O segundo tempo arrincou cun Esteo con algo máis de iniciativa tentando subir liñas e un Cidade que continuou co dominio do balón e unha boa presión en ¾ de pista, o que dificultaba o xogo dos locais. Con todo, a pesar da boa dinámica de xogo dos naroneses, no minuto 21, Troncho poñía o 1-2 no marcador.
Cidade non perdeu a calma e seguiu traballando sen pasar grandes apuros, mentres que O Esteo fiouno todo aos ataques capitaneados por Cokito, que foi quen o tentou con maior intensidade.

O partido foise cargando de faltas por parte dos dous equipos. A pesar de que o Cidade chegaba con certa claridade ante a meta pontesa, non conseguía materializar as oportunidades xeradas por Iván e Jacobo, que estrelaban os seus tiros aos paus. Ata que no minuto 33 Pablo conseguiu bater a Failde tras recibir un bo pase de Brais. Un tanto que deu certa tranquilidade aos de Javi Albes e que obrigou a Esteo a subir liñas e a recorrer á figura do porteiro-xogador.

Co 5 para 4, o equipo das Pontes tentou voltear o marcador pero Cidade defendeuse á perfección cedendo moi poucas ocasións, ata que no minuto 37 Jacobo sentenciou o encontro tras anotar a porta baleira o cuarto tanto naronés.

O adestrador do Cidade recoñeceu ao finalizar o encontro o bo traballo realizado por todo o persoal ante un equipo situado na parte alta da táboa á vez que subliñou o bo nivel de xogo exhibido polo equipo naronés na recta final de liga “con catro vitorias no últimos catro encontros que a pesar do complicado da situación deixa un bo sabor de boca”. A próxima fin de semana o Cidade de Narón xogará o último encontro desta tempada fronte ao líder do campionato, o Deporcyl Guardo.

 

Ficha técnica:

O Esteo FS: Marcos Failde, Cokito, Guillán, Héctor e Troncho. Tamén xogaron Eloy e Javi Failde.

Cidade de Narón: Buxía, Diego, Brais, Rubén e Jacobo. Tamén xogaron Guille, Rober, Iván e Pablo.

Goles: (0-1) min. 18, Guille; (0-2) min. 19, Diego; (1-2) min. 21, Troncho; (1-3) min. 33, Pablo; (1-4) min. 37, Jacobo.

Árbitros: Lidia Crespo Pardo e Daniel Dacal Deza (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM As Somozas (As Somozas).

Vitoria do Cidade de Narón ante Ribeira FS

web Ribeira 4

  • Os naroneses xogaron un partido moi completo para facerse cun resultado final de 4-1 con goles de Iván, Jacobo e Pablo

24 de abril de 2022.- O Cidade de Narón sumou tres novos puntos tras a vitoria conseguida esta xornada en casa ante o Ribeira FS. Os naroneses venceron 4-1 logo de corenta minutos de xogo moi intensos e disputados pero nos que os de Javi Albes estiveron máis acertados en ataque grazas aos goles de Jacobo, Pablo e Iván, que marcou ata en dúas ocasións, e a un traballo defensivo moi serio de todos xogadores amarelos.

O encontro comezou con moita intensidade por parte dos dous equipos pero se cadra foi o Ribeira o que imprimiu un maior ritmo de xogo a través dunha presión moi alta na cancha. Mentres, aos de Narón lles custaba entrar en partido.

Pero co paso dos minutos, o Cidade se asentou na pista e comezou a chegar cada vez máis con maior perigo á portería do Ribeira, que o tentou con tiros exteriores. Aínda así, os primeiros vinte minutos remataban con empate a cero. Unha primeira parte na que as defensas prevaleceron fronte aos ataques e que deixaba como nota negativa a lesión de Fer Combarro, que tiña que ser substituído por Buxía tras recibir un golpe na súa perna dereita.

O segundo tempo arrancou coa mesma intensidade de xogo. Pero se ben o Cidade subiu un peldaño no aspecto físico, o Ribeira baixouno, o que permitiu aos de Narón dispoñer de máis opcións en ataque, de ter maior posesión de balón e de pasar a controlar o partido.

E no ecuador da segunda parte chegou o primeiro tanto do encontro. Un gol que anotou Christian no minuto 29 tras dous rexeites na área naronesa e que poñía aos de Lugo por diante no marcador.

O Cidade redobrou entón a intensidade do xogo e a penas dous minutos despois comezaron a chegar os froitos para os xogadores que adestra Javi Albes. No minuto 31, Iván anotou o empate cun certeiro tiro exterior logo dun bo contraataque. E malia que o Ribeira tentou defender o maior ritmo de xogo dos naroneses, un minuto despois chegou o segundo gol local: boa xogada individual por banda de Rober, que meteu balón ao medio, e Iván anotou de segundas.

Cun Cidade moito máis asentado no partido e un Ribeira que a penas conseguiu xerar ocasións, chegou o terceiro. Corría o minuto 25 de partido e tras unha xogada de estratexia, Jacobo xutaba dende fora e poñía o 3-1 no marcador da Gándara.

Este terceiro tanto obrigou aos de Ribeira a reformular o partido e tras un tempo morto decidiu recorrer ao porteiro-xogador. Unha estratexia que o Narón defendeu ben grazas, entre outros, ao bo facer de Pablo en primeira liña. E malia que o Ribeira tivo as súas para acercarse no marcador, unha vez máis, o acerto de Buxía baixo paos desbaratou as posibilidades dos de Lugo de anotar.

E a falta de catro minutos para finalizar o partido chegou o cuarto e definitivo tanto para os naroneses. Un gol que anotou Pablo desde 30 metros logo dunha recuperación de balón. Ao remate do partido Albes louvou o excelente traballo realizado por todos os xogadores “nun partido moi serio, no que xogamos ben as nosas bazas”.

O vindeiro fin de semana o Cidade se desprazará ata As Somozas para xogar contra O Esteo.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Rober, Iván e Diego. Tamén xogaron Buxía, Brais, Rubén, Pablo e Jacobo.

Ribeira FS: Areñas, Fucho, Quintela, Christian e Jhordan. Tamén xogaron Regueiro, Iker, Rubén, Cisco e Pablo.

Goles: (0-1) min. 29, Quintela; (1-1) min. 31, Iván; (2-1) min. 32, Iván; (3-1) min. 35, Jacobo; (4-1) min. 36, Pablo.

Árbitros: Olivier Cardero Rodríguez e Pablo Guntín Garrido (C.T.A. Galego).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

O Cidade volve con tres puntos de Valladolid

web Valladolid 1

  • Os xogadores que adestra Javi Albes realizaron un completísimo encontro para facerse cunha merecida vitoria na que anotaron Jacobo, Guille e Diego

10 de abril de 2022.- O Cidade de Narón volveu de Valladolid con tres puntos de ouro logo de vencer ao equipo local por 2-3. O encontro entre naroneses e valisoletanos foi intenso e disputado de principio a fin pero os pupilos que adestra Javi Albes estiveron máis acertados de cara a portería e souberon manter a intensidade en defensa necesaria para puntuar. O marcador final foi de 2- 3 con goles de Jacobo, Guille e Diego e un Buxía que volveu a resultar fundamental na portería.

O encontro arrancaba do peor xeito posible para os naroneses xa que cando a penas se levaba medio minuto de xogo, Armand anotaba o primeiro tanto para os locais tras aproveitar un rexeite a un tiro de Brais e montar unha contra que finalizaba no fondo das mallas defendidas por Buxía.

Pero lonxe de virse abaixo, os de Albes comezaron a facerse co control do xogo e a ganduxar xogadas de perigo mentres que o equipo local o fiaba todo ao xogo á contra. E nunha desas accións dos de Narón, Jacobo empataba o partido nunha gran xogada individual tras un saque de esquina.

O empate no luminoso do Lalo García deu tranquilidade ao Cidade, que incrementou a súa posesión de balón e xerou moitas máis ocasións de gol. Ata que tras un saque de esquina, Armand, de volea, volveu a bater a Buxía.

Os seguintes minutos de xogo foron para os locais, que gozaron de varias boas oportunidades para anotar ben desbaratadas polo meta naronés. Ata que no minuto 14, Buxía meteu un bo balón en longo ben controlado por Guille que enviou ao fondo da rede local.

O empate a dous goles foi un bo reflexo do vivido na cancha do Lalo García ate ese momento. Sen embargo, antes do tempo de descanso Jacobo aínda dispuxo dunha oportunidade clara para ampliar a distancia no marcador tras un tiro que se espetou no longueiro.

O segundo tiempo comezou cun Cidade dominando o xogo, con moita posesión de balón e maiores opcións en ataque, mentres que o Valladolid defendía o empate e especulaba co resultado baixando a defensa a media cancha. E nesas chegaba o tercero tanto dos naroneses por medio dun tiro de Diego tras unha boa combinación dos xogadores amarelos.

Co 2-3 no marcador, o UVA subiu liñas e incrementou a presión, buscando máis accións de un para un coas que dispuxeron dalgunha oportunidade de perigo. Mentres, o Cidade aumentou o xogo co pivot para gañar profundidade no ataque. Unha estratexia que propiciou dúas boas oportunidades para Rober e Brais que non foron quen de anotar ao segundo pao.

Os valisoletanos apostaron entón por sacar porteiro-xogador, o que lles facilitou varias oportunidades de empatar o partido que Buxía, de novo, desbaratou. E tamén dispuxo das súas o Narón, que tampouco gozou de acerto para distanciarse no marcador. Ao final, 2-3 para os de Javi Albes. Un resultado que mantén vivas as posibilidades dos naroneses para conservar a categoría.

O vindeiro fin de semana non haberá xornada ligueira na Segunda División B. O Cidade volverá ás canchas de xogo o sábado 23 contra o Ribeira. Un partido que se disputará na Gándara a partir das cinco da tarde.

 

Ficha técnica:

Universidad Valladolid: Rubén, Álvaro, Víctor, Armand e Alfonso. Tamén xogaron Javier, Iván, Ignacio, Carlos, David e Pablo.

Cidade de Narón: Buxía, Guille, Diego, Brais e Jacobo. Tamén xogaron Eric, Rober, Rubén e Pablo.

Goles: (1-0) min. 1, Armand; (1-1) min. 3, Jacobo; (2-1) min. 8, Armand; (2-2) min. 14, Guille; (2-3) min. 21, Diego.

Árbitros: José Javier Gutiérrez e David Llorente (C.T.A. Castelán Leonés).

Pavillón: Lalo García (Valladolid)

O Cidade suma un punto na Gándara no choque contra o Rácing Mieres

web Mieres

  • Os naroneses empataron a catro tantos no encontro adiado correspondente á xornada 16, con goles de Rubén, Iván e Rober

3 de abril de 2022.- O Cidade de Narón disputou esta fin de semana o encontro adiado correspondente á xornada 16 contra o Rácing Mieres. Un partido que se xogou no polideportivo da Gándara e que rematou con reparto de puntos. E iso malia que a tan só cinco minutos do remate do encontro, os naroneses gañaban por 3-1. Ao final, empate a catro con goles de Rubén, Iván e Rober e dous puntos de ouro que se quedaron no pavillón naronés.

O primeiro tempo comezou con moita igualdade. Mentres que o Rácing Mieres baseou o seu xogo na defensa en media cancha e os ataques á contra, os naroneses alternaron o xogo de pivot co de catro o que lles permitiu dispoñer dunha morea de ocasións que o meta visitante desbaratou unha e outra vez, impedindo aos locais chegar ao descanso cunha renda de goles.

O primeiro en inaugurar o marcador foi o Mieres, logo dun tanto anotado por Jesús como consecuencia dun rexeite dentro da área naronesa. Malia este revés, o Cidade seguiu traballando ben, xerando moitas opcións en ataque que lle proporcionaron bastantes accións na estratexia tanto de córner como de banda. Ata que no minuto 15, Rubén empatou o partido tras un bo remate de cabeza.

Os últimos minutos da primeira parte foron un toma e daca, no que o Cidade seguiuno intentando pero sen acerto na finalización e o Mieres mantivo a súa idea de fiar todas as súas cartas á contra.

O segundo tempo comezou cun Cidade moito máis enchufado logo do seu paso por vestiarios, coas ideas máis claras e subindo a intensidade do xogo. Esta mellora propiciou no minuto 31 o segundo tanto local obra de Iván e, segundos despois, o 3-1 grazas ao gol anotado novamente por Rubén.

O partido semellaba poñerse de cara para os intereses locais polo que o Mieres decidiu recorrer ao porteiro-xogador. Foi entón cando o Cidade dispuxo de dúas boas ocasións. A primeira delas nos pés de Rubén, que non conseguiu definir no seu pase a Iván. E a segunda, nunha bola recuperada por Buxía que non foi quen de marcar a porta baleira.

Sen embargo, a falta de cinco minutos para rematar o choque, un erro na saída de balón do Cidade provocou que o Mieres entrase de novo no partido anotando o 3-2 por medio de Jesús. E segundos despois, outra perda en media cancha facilitou o empate dos asturianos a través de Josué, o que cambiou totalmente o ritmo e o sino do encontro.

O Rácing Mieres, tan necesitado de puntos coma o Narón, decidiu seguir arriscando con porteiro xogador e nunha perda de balón dos visitantes, Rober anotou dende o seu propio campo o 4-3 no minuto 36.

Pero a alegría dos naroneses durou ben pouco xa que, instantes despois, un erro na defensa local nun saque de banda propiciou o empate. Unha circunstancia que obrigou aos amarelos a ir a por todas e sacar porteiro-xogador. E a piques estiveron os de Narón de facerse cos tres puntos, xa que Rubén dispuxo dunha boa ocasión ao segundo pao que non conseguiu materializar e Jacobo disfrutou dun tiro exterior que salvou o porteiro visitante. Ao final, empate a catro tantos e reparto de puntos.

O vindeiro sábado, o Cidade de Narón viaxará a terras valisoletanas para enfrontarse ao UVA Valladolid. Un partido que arrancará ás 16:30 horas e que será vital na loita pola permanencia na categoría.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Guille, Iván, Brais e Rubén. Tamén xogaron Rober, Diego, Pablo e Jacobo.

Rácing Mieres: Hugo, Manel, Izán, Roberto e Josué. Tamén xogaron Manuel, Jesús e Mario.

Goles: (0-1) min. 8, Jesús; (1-1) min. 15, Rubén; (2-1) min. 31, Iván; (3-1) min. 32, Rubén; (3-2) min. 35, Jesús; (3-3) min. 35, Josué; (4-3) min. 36, Rober; (4-4) min. 36, Jesús.

Árbitros: Marcos Pérez e Francisco Javier Roldán (C.T.A. Galego).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

01_concello_naron.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpgFutgal.pngpadroado.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg09_autos_camilo.jpg18_logo_error_ferrol.jpgFundacin Terra de Trasancos.jpgLogo O Paso nuevo.jpgVILNAR logo 1.jpgauman.jpg