O Cidade suma +3 na Gándara

 

DSC 0900

  • O equipo naronés xogou o seu partido máis completo dende que arrancou a liga dobregando a un Coruxo invicto ata hoxe
  • Diego Vázquez, con tres tantos; Jacobo, con dous; e Iván, con un, foron os encargados de anotar os goles da xornada
  • Narón, 10 de outubro de 2021.- O Cidade de Narón sumou esta xornada os tres primeiros puntos da temporada ante un IES Coruxo que chegaba á Gándara coa condición de invicto, logo de colleitar dúas vitorias e un empate. Os naroneses, que xogaron un partido moi completo tanto en defensa como en ataque, foron sempre por diante no marcador grazas aos tantos anotados por Diego Vázquez (3), Jacobo (2) e Iván. Ao final, 6-2 no luminoso naronés, un resultado que permite ao Cidade estrear o seu casilleiro de vitorias.

    Os primeiros vinte minutos de xogo resultaron moi activos, cun Cidade de Narón que aproveitou as súas primeiras ocasións para poñer distancia no marcador. Así, Jacobo era o encargado de anotar o primeiro tanto logo dunha xogada individual que arrancaba en medio campo e que remataba batendo ao porteiro visitante. Corría o minuto 9 e lonxe de baixar a garda, os amarelos mantiñan a presión e lograban anotar en menos dun minuto o segundo gol. Un tanto que saía das botas de Iván.

    Malia o resultado de 2-0 a favor dos locais, o Coruxo seguiu traballando para remontar o encontro, mentres que un Cidade moi concentrado no seu xogo apenas concedeu espazos aos de Lucas Fernández. E froito dese traballo chegaba o terceiro tanto naronés. E o encargado non era outro que Diego Vázquez, que no minuto 15 facía o 3-0 para os locais.

    O partido continuou con alternancia na posesión de balón, cun Narón que non cometía erros e dispoñía de numerosas oportunidades para incrementar a vantaxe e un Coruxo que contaba con varias ocasións de estratexia en transicións ofensivas. E, precisamente, nunha desas chegaba o primeiro tanto visitante, logo dunha falta ao borde do área que Alberto convertía dun forte disparo. Con ese resultado de 3-1 se chegaba ao descanso.

    A segunda parte non podía arrancar mellor para o Cidade cun gol tempraneiro aos 10 segundos de soar o asubío inicial logo dunha gran xogada que rematou Diego ao segundo pao. Era o cuarto tanto para o Cidade e o segundo na conta particular do 10 naronés.

    O Cidade decidía baixar entón a defensa a media pista e xestionar o encontro con tranquilidade e sen precipitacións. Mentres, o Coruxo buscaba ataques longos e situacións de un para un, xogando co pivot, unha estratexia que lles brindou algunha que outra ocasión. Sen embargo, foi o Cidade o que aumentou a brecha no marcador cun novo gol de Jacobo.

    A partir dese momento, o partido se volveu un ir e vir de ambos equipos ata que un dos poucos erros que cometeron os de Javi Albes propiciou o 5-2.

    E cando a penas quedaban cinco minutos para o remate do encontro, o adestrador visitante decidiu arriscar sacando porteiro-xogador. Un risco que propiciaba no minuto 38 o último e derradeiro gol dos naroneses logo dunha perda de balón do Coruxo que Diego Vázquez convertía dende a súa cancha. Con 6-2 no marcador se pechaba o partido e deixaba dous minutos finais cun bo traballo defensivo do Cidade e un Coruxo que o tentou ate o último segundo.

    Ao remate do partido, Javi Albes destacou a concentración e motivación do todos os seus xogadores “o que permitiu mostrar un gran nivel defensivo e deixarlle poucas ocasións ao Coruxo para anotar”.

    Ficha técnica:

    Cidade de Narón: Nice, Rober, Diego V, Brais e Rubén. Tamén xogaron Luis, Oly, Iván, Pablo e Jacobo.

    IES Coruxo FS: Antonio, Bruno, Pablo, Iago e Quique. Tamén xogaron Cristian, Rodrigo, Camilo, Alberto, Jorge, Alexis e Alejandro.

    Goles: (1-0) min. 9, Jacobo; (2-0) min 9, Iván; (3-0) min. 15, Diego V.; (3-1) min. 16, Alberto; (4-1) min. 21, Diego V.; (5-1) min. 31, Jacobo; (5-2) min. 33, Rodrigo; (6-2), min. 38, Diego V.

    Árbitros: José Enrique Rodríguez Rendal e Andrés Felipe Vanegas Betancur (C.T.A.F.S. Principado de Asturias).

    Pavillón: CMD A Gándara.

 

Un mal arranque de partido condiciona ao Cidade en Segovia

Segosala 7 web

 

  • Os amarelos caeron por 6-2 no Municipal Pedro Delgado fronte a un Segosala moito máis rodado neste inicio de Liga
  • Jacobo e Diego Vázquez foron os encargados de anotar os tantos dos naroneses

 

Narón,  3 de outubro de 2021.-  O Cidade de Narón veu de baleiro de Segovia logo de caer por 6-2 no municipal Pedro Delgado. Un partido que os amarelos comezaban con boas sensacións pero que varios erros encadeados no primeiro tempo en apenas catro minutos condenaron aos de Javi Albes a remar a contracorrente durante o resto do encontro. Os encargados de anotar os tantos do Cidade foron Jacobo e Diego Vázquez.

O choque entre segovianos e naroneses arrancaba  cun Narón coas ideas ben claras e que callaba boas xogadas saíndo da presión alta de Segosala. Coas primeiras rotacións chegaron tamén os primeiros atrancos e tras un mal despexe do porteiro naronés chegaba o primeiro tanto dos locais. Corría o minuto catro de partido.

O gol do Segosala provocaba que o Cidade perdese de vista o plan de xogo que tiña establecido e que, pola contra, os locais foran collendo confianza. E no minuto 6 caía o segundo tanto dos segovianos. Un gol que sacaba ao Cidade do partido malia as rotacións introducidas polo técnico naronés para tentar frear as acometidas dos de casa.

Pasaban os minutos e o Cidade seguía sen atopar o seu sitio na pista mentres que o Segosala se plantaba no ecuador do primeiro tempo cun 4-0 a favor. Un punto de inflexión para o equipo de Javi Albes, que resolvía mudar de estratexia e sacar porteiro-xogador. Unha decisión que carrexou a alternancia de posesións con finalizacións, e que facilitou que os xogadores amarelos volvesen a coller confianza e a dispoñer de varias ocasións para inaugurar o marcador. Así se chegaba ao descanso no Municipal Pedro Delgado.

No  segundo tempo,  o Cidade saíu con outra faciana, tentando cambiar o sino do partido a través dunha presión alta, moitas rotacións e maior intensidade no xogo. Unha estratexia que dificultou a saída de balón do Segosala e que ofreceu aos naroneses novas oportunidades para anotar. Ata que a falla de 11 minutos, Albes volveu a recorrer á figura do porteiro xogador e dous minutos despois chegaba o primeiro gol dos de Narón logo dun penalti sobre Rober que convertía Jacobo.  

Ese primeiro tanto conseguido no minuto 33 espoleou aos do Cidade para loitar polo partido e a penas un minuto despois Diego Vázquez  culminaba un ataque cun golpeo dende fóra que poñía o 4-2 no luminoso segoviano. Aínda desfrutaría o equipo de Narón de varias oportunidades para anotar, como o tiro exterior de Jacobo que non chegou a entrar. Pero cando máis preto estaba o Cidade de recortar distancias, chegaba o quinto do Segosala tras un mal pase no xogo de porteiro-xogador. E un minuto despois, no 39, os segovianos facían o último e definitivo tanto.  

Logo de rematar o encontro, o técnico naronés lamentaba que “ un mal arranque condicionase o resto do encontro e nos obrigase a ir a remolque”. O vindeiro fin de semana o Cidade de Narón se medirá na Gándara ao IES Coruxo FS na cuarta xornada de liga.

 

Ficha técnica:

Segosala Segobús: Ángel, Guille, Edu, Óscar e Pablo Portal.Tamén xogaron Unai, Monir, Javito, Marcos, Pedro Bayón e Álex Rincón.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Diego Vázquez, Brais, Oli e Pablo. Tamén xogaron Diego Rey, Luis, Rober, Rubén e Jacobo.

Goles: (1-0) min. 4, Edu; (2-0) min 6, Monir; (3-0) min. 9, Monir; (4-0) min. 10, Monir; (4-1) min. 33, Jacobo; (4-2) min. 34, Diego V.; (5-2) min. 38, Edu; (6-2), min. 39, Monir.

Árbitros: David Franco e Rubén Pascual (C.T.A.Castellano-Leonés).

Pavillón: PM Pedro Delgado (Segovia)

A falta de acerto priva ao Cidade dos primeiros tres puntos da tempada 

Mieres 1

  • Malia crear un sinfín de ocasións, os xogadores que adestra Javi Albes non foron quen de facerse coa victoria
  • Iván (2), Rubén e Jacobo foron os encargados de anotar os tantos naroneses

 

Narón, 19 de setembro de 2021.- O Cidade de Narón viaxaba a Mieres coas miras postas nos primeiros tres puntos da tempada. Sen embargo, a falta de acerto cara a portería privou aos naroneses dunha victoria que mereceron por xogo e ocasións pero que deixaron escapar porque non foron quen de atravesar as mallas do Rácing de Mieres.

Arrancaba o encontro da primeira xornada de Liga da Segunda División B con Fernado Combarro baixo os paos, Rober, Diego, Brais e Rubén. Os primeiros minutos de encontro foron de tanteo entre os dous equipos, cun Cidade que arrancaba algo teimudo pero que pouco a pouco se foi facendo co partido ata que no minuto 7 Iván abría o marcador e adiantaba ao Narón. A alegría duraría pouco xa que un erro nunha marcaxe dunha falta permitu aos locais empatar o encontro cando apenas tiña pasado un minuto dende o tanto anotado polo 9 naronés. O Cidade seguía dominando o xogo ante un Mieres ao que lle costaba saír da súa parcela ata que no minuto 14 o porteiro local decidía saír xogando o balón e disparaba ao segundo pao poñendo aos locais por diante.

O Cidade conseguiu refacerse deste atranco e logo dunha gran xogada individual de Rober que poñía o balón ao segundo pao, Rubén anotaba o o 2-2 para o Narón ante de irse ao descanso.

A segunda metade do encontro foi de dominio claramente naronés que, sen embargo, acusou os poucos erros cometidos durante o encontro. O primerio deles custaríalle o 3-2 logo dunha perda de Diego na saída de balón. Os de Narón comezaron entón a xerar ocasións que non se materializaban en goles ata o tanto de Iván no minuto 29, o segundo da súa conta e o terceiro dos de Javi Albes. Un gol que volvía a poñer o empate no luminoso do Polideportivo Mieres Sur.

O Cidade de Narón continuou coa súa ofensiva, xerando xogo e ocasións ate o minuto 34, no que os locais volvían a adiantarse no marcador logo de ganduxar unha boa xogada de pivot.

O crono corría en contra do equipo de Narón que incrementou a presión sobre os de Mieres e dispuxo de numerosas oportunidades para facerse co partido ata que chegou o tanto de Jacobo de doble penalti. Faltaban dous minutos para o remate do encontro e chegaba logo de que os árbitros sinalasen a sexta falta dos asturianos.

Con empate no marcador a 4 goles e 30 segundos despois do tanto amarelo, unha perda de último de Brais foi ben aproveitada polo Mieres para anotar o quinto e definitivo gol. O tanto que lles daría a victoria. Malia os intentos dos xogadores de Narón por empatar o encontro, o resultado final foi de 5-4 a favor dos locais. Ao remate do partido, Javi Albes lamentaba a falta de acerto do seu equipo e felicitaba ao Rácing de Mieres que “foi quen de rendabilizar as poucas ocasións das que dispuxo”.

O vindeiro fin de semana o Cidade de Narón se estreará na casa frente ao Santiago Futsal. Un encontro que comezará ás sete do serán.

 

Ficha técnica:

Rácing de Mieres “A”: Alfredo, Jairo, Izán, Roberto e Hugo. Tamén xogaron Edgar, Manel, Adrián, Jesús, José Manuel e Josué.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Diego Vázquez, Brais, Rubén e Rober. Tamén xogaron Diego Rey, Iván, Oli, Pablo e Jacobo.

Goles: (0-1) min. 7, Iván; (1-1) min 8, Izan; (2-1) min. 14, Josué; (2-2) min. 19, Rubén; (3-2) min. 22, Izan; (3-3) min. 29, Iván; (4-3) min. 35, Edgar; (4-4), min. 38, Jacobo; (5-4) min. 39, Roberto.

Árbitros: Casimiro Miguel Lucas e Juan Haedo Gago (C.T.A.Castellano-Leonés).

Pabellón: Polideportivo Mieres Sur (Mieres)

Primeiro destino:Mieres

O Cidade de Narón volve ás canchas

Post J1 web

  • O equipo naronés agarda sumar os tres primeiros puntos da campaña ante o Rácing Mieres A, recén ascendido á Segunda División B  
  • Narón, 18 de setembro de 2021.- O Cidade de Narón viaxará na xornada de hoxe a terras asturianas para disputar o primeiro partido da tempada 21-22. O Polideportivo Mieres Sur acollerá o encontro entre o Rácing Mieres A e o equipo que dirixe Javi Albes. Un partido que comezará ás cinco da tarde e para o que o adestrador naronés desprazará a12 xogadores. Causan baixa para este choque Guille, que resultaba mancado nun pé durante o encontro amistoso de pretempada ante o Xove FS, e Luis por decisión técnica.

    Así as cousas, os naronese viaxan co firme propósito de sumar os tres primeiros puntos da tempada ante un equipo asturiano inédito nesta categoría. Para iso, Albes poderá contar co mesmo bloque do ano pasado agás Iago Quintas e Sergio Buján, que abandonaban a disciplina amarela. Pola contra, o equipo naronés conta con tres reforzos importantes para facer fronte á actual tempada: os xogadores Rober e Jacobo, que volven á casa; e o ex -xuvenil Pablo Cotelo, que afronta o seu estreo co primeiro equipo logo de pasar por todas as categorías inferiores do Cidade.

    Coincidindo co arranque ligueiro, o Cidade de Narón quere lembrar a todos os abonados que poden renovar os seus carnets nas oficinas do club, os martes e xoves, de 19 a 21 horas, así como os días de partido en casa.

 

 

Arrancamos!

Brais Leis

 

  • O primeiro equipo do Cidade de Narón inicia este luns a pretempada nas instalacións do Pavillón Campo da Serra
  • Javi Albes disporá de 13 xogadores para esta campaña, logo das baixas de Iago Quintas e Sergio Buján e as incorporacións do xuvenil Pablo Cotelo, Bertito e Rober, que volve a casa
  • O Cidade de Narón arrancará este luns a pretempada no Pavillón Municipal Campo da Serra. Ás oito do serán está convocado o plantel do equipo naronés que baixo a batuta de Javier Albes volverá a loitar polo liderado do Grupo I da Segunda División B do Fútbol Sala Nacional.

    O técnico naronés contará para esta campaña con 13 xogadores, un equipo que mantén a estructura do ano pasado pero ao que hai que sumar a incorporación do xuvenil Pablo Cotelo, a volta á competición de Bertito e o regreso á casa de Rober, logo da súa estadía en terras castelán-leonesas. Ao tempo, Jaime Díaz incoporase ao cadro técnico. Causan baixa na escuadra amarela Iago Quintas e Sergio Buján, aos que o club lles desexa moita sorte nos seus novos destinos. Non entanto arranca a liga, o adestrador naronés non descarta novas incorporacións.

    O Cidade de Narón iniciará a competición fóra da casa o vindeiro 18 de setembro, contra o recén ascendido Mieres.

 

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg