O Cidade cae pola mínima na Estrada

web A Estrada

  • Os naroneses fixeron méritos dabondo para puntuar pero o último minuto volveu a penalizar  o bo traballo realizado  ao longo do encontro
  • Rober foi o encargado de anotar o tanto do Narón

 

Narón, 14 de novembro de 2021.- O Cidade de Narón semella ter a sorte de costas nestes primeiros compases da liga. Malia xogar un bo encontro, os pupilos de Javi Albes volveron sen carga do choque disputado onte á tarde no Pavillón Coto Ferreiro fronte ao Inversia Seguros-A Estrada Futsal. Naroneses e estradenses disputaron un partido moi intenso, con moitas ocasións e moi aberto, no que os dous equipos buscaron a portería contraria cun xogo moi directo. Pero mentres que o Narón dispoñía de posesións un pouco máis longas, A Estrada intentaba xogar ás costas da defensa naronesa por riba de media pista e buscando accións de un para un en banda. O encontro remataba con vitoria dos locais por 2-1 logo de que no último minuto Brais anotara en propia porta nunha xogada desafortunada. O tanto dos naroneses foi obra de Rober.

Así as cousas, a primeira parte permitiu ás dúas escuadras dispoñer de abondosas ocasións para inaugurar o luminoso do pavillón local. Ate que nunha acción de rebote dentro da área naronesa o balón acabou nos pés de Jorge Bello, quen non tivo máis que empurralo contra da portería defendida por Niceto.

Malia isto, o Cidade non perdeu a cara dun encontro que ía collendo ritmo. E no minuto 18, Rober roubaba un balón en media pista e se plantaba diante do porteiro estradense para batelo e poñer o empate no marcador. O xogador naronés facía así xustiza ao xogo despregado polo seu equipo nestes primeiros vinte minutos de xogo. Unha primeira parte que o Cidade remataou apertando a portería do equipo local e dando unhas inmellorables sensacións.

O segundo tempo foi de claro dominio naronés. O equipo amarelo foi o encargado de levar o peso do encontro, dispuxo dunha maior posesión de balón e xerou as ocasións máis claras para desfacer o empate do luminoso. De feito, o segundo período arrancaba con dúas claras ocasións de Rubén, a primeira logo dun pase de Jacobo dentro da área que non foi quen de converter, e a segunda, minutos despois, nun man a man co porteiro local.

Ata que xa avanzada a segunda parte, o cadro local decidiu avanzar algo máis as súas liñas e presionar a saída de balón do Narón que, pola contra, xogaba ben con pivot e xeraba outras dúas boas ocasións nas botas de Rober e Jacobo, que o porteiro local conseguiu desbaratar mantendo ao seu equipo en partido. Pola súa banda, A Estrada dispuxo tamén dunha boa acción en banda que atallou sen dificultades Niceto.

E nesas se chegaba aos últimos tres minutos de encontro, momento no que o equipo local decidiu apostar por porteiro-xogador. Unha estratexia da que o Cidade saíu inicialmente reforzado grazas á efectividade da súa defensa pero que no último minuto penalizou ao equipo naronés logo de que nunha acción desafortunada Brais empurrara o balón ao fondo da portería defendida por Niceto. Un xerro de auga fría para os naroneses que aínda así tentaron ir a polo partido con varios tiros exteriores, logo do tempo morto solicitado por Albes para refacer o seu equipo.

Ao remate do encontro, o adestrador naronés lamentaba o punto que se escapou nos últimos segundos ao tempo que recoñecía que o resultado “nos deixa nunha situación difícil e lastrados polos últimos finais de partido que nos impediron puntuar”.

O vindeiro fin de semana o equipo naronés xogará na casa contra o Albense. Un encontro que se adiantará unha hora con respecto ao horario de xogo habitual ao comezar contra das 18 horas.

 

 

Ficha técnica:

Inversia Seguros-A Estrada Futsal: Roberto Míguez, Pablo, Jorge Bello, Xosé Rey e Pablo Lozano. Tamén xogaron Joaquín, Marcos Sesar, Samu e Alex.

Cidade de Narón: Nice, Rober, Brais, Rubén e Jacobo. Tamén xogaron Luis, Eric, Iván, Diego Vázquez e Pablo.

Goles: (1-0) min. 12, Jorge Bello; (1-1) min 18, Rober; (2-1) min. 39, Brais (pp).

Árbitros: Manuel Dans e Borja Moreira (C.T.A.F.S. Galicia).

Pavillón: PM Coto Ferreiro (A Estrada).

O Cidade non consegue puntuar no derby ante o Parrulo B

DSC 0186

  • Os naroneses, que disfrutaron de numerosas ocasións ao longo de todo o encontro, non viron recompensado o bo xogo despregado
  • Diego Vázquez foi o encargado de anotar o tanto do encontro

Narón, 07 de novembro de 2021.- Derrota amarga a colleitada onte no polideportivo da Gándara polo Cidade de Narón no derby que o enfrontaba ao Café Candelas O Parrulo na oitava xornada de liga. Malia que os naroneses fixeron méritos dabondo para levarse a vitoria, sobre todo na segunda metade do encontro na que dispuxeron de máis dunha vintena de ocasións para anotar, foron finalmente os ferrolás os que se levaron os tres puntos. Ao final, 1-3 no marcador con gol de Diego Vázquez para o equipo que dirixe Javi Albes.

O choque arrancaba cos dous equipos agardando con defensas en media pista e con pouco ritmo de xogo, o que provocaba que tanto Cidade coma O Parrulo dispuxesen de numerosas ocasións a balón parado. O partido mudou cando os árbitros sinalaron un penalti máis que dubidoso na área do Cidade que Chesky converteu logo de bater a Niceto.

Con 0-1 no luminoso da Gándara o partido gañou en intensidade, cun Cidade que traballaba ben con pivot e con varias ocasións xeradas na banda por Jacobo que non se materializaron.

A segunda parte amosou outra faciana ben distinta xa que os naroneses dispuxeron de maior posesión de balón o que lles permitiu dispoñer de numerosas ocasións para empatar o encontro. Como a que tivo Rubén nos primeiros minutos de xogo, quen tras un roubo de balón se plantaba diante da portería de Regueira, que desbarataba unha boa oportunidade de gol para os de Narón.

O Cidade continuou co acoso á portería visitante, mentres que O Parrulo intentou sacar o balón con xogo de pivot, poñendo en algunha que outra dificultade aos naroneses. E nesas chegaba a segunda ocasión clara do Cidade, logo dunha contra na que Pablo se quedaba só ante a portería visitante sen conseguir anotar.

Javi Albes decidiu entón subir liñas, unha presión da que O Parrulo saía con pouca eficacia e que permitiu aos naroneses volver a dispoñer de claras ocasións de gol, como o balón que Iván estrelou ao traveseiro ou o tiro que Jacobo bateu á escuadra.

O Cidade o intentaba unha e outra vez e cando semellaba que os de Albes estaban máis preto de acadar o empate, O Parrulo aproveitaba un rebote para ganduxar unha contra coa que anotaban o segundo tanto.

Con 0-2 no marcador, os de Narón sacaron porteiro-xogador e no minuto 37 Diego recortaba distancias. Seguiu o Cidade xerando ocasións ate que nun roubo O Parrulo anotaba o terceiro e definitivo tanto a porta baleira.

Ao remate do encontro, Javi Albes lamentaba que “a falta de acerto cara o gol e a sobreexposición da segunda parte para levarnos o partido fixo que ao final o bo xogo despregado non tivese premio”.

O vindeiro fin de semana o equipo naronés se desprazará ate a provincia de Pontevedra para xogar contra o Inversia Seguros-A Estrada.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Nice, Rober, Diego V, Brais e Rubén. Tamén xogaron Oly, Iván, Pablo e Jacobo.

O Parrulo B: Regueira, Naveira, Diego, Muri e Alonso. Tamén xogaron Dani, Caio, Renato, Chesky, Mario e Iván.

Goles: (0-1) min. 15, Chesky; (0-2) min 34, Caio; (1-2) min. 37, Diego; (1-3) min. 38, Dani.

Árbitros: Pablo Guntín e Jorge Mira (C.T.A.F.S. Galicia).

Pavillón: CMD A Gándara.

O Cidade cae a un segundo do final

web Vento

  • Os naroneses viron como se lles escapaban os tres puntos en a penas vinte segundos, logo de dominar o xogo durante boa parte do encontro
  • Rubén e Iván foron os goleadores da xornada

Narón, 31 de outubro de 2021.- A sétima xornada do Grupo 1 da Segunda División B Nacional deparou un desenlace inesperado para o Cidade de Narón logo de xogar un partido competido de inicio a fin. Ate en tres ocasións se puxeron por diante os xogadores de Javi Albes e ate tres veces conseguiu empatar o equipo local, ata que a falta de un segundo para o asubío final, o Ventorrillo anotaba o gol que lle daba os tres puntos. Ao final 4-3 a favor dos locais con goles de Rubén e Iván por parte dos naroneses.

O partido comezaba con máis posesión do equipo local e cun Cidade plantado en media pista que xogaba ben con pivot e creaba abondosas xogadas de perigo. Se as mellores ocasións nos primeiros 10 minutos de xogo foron para o Ventorrillo logo de accións individuais por banda que Niceto conseguiu desbaratar, os dez seguintes foron de claro dominio visitante. De feito, froito dese bo xogo despregado polos amarelos, chegaba o primeiro tanto do encontro. Corría o minuto 18 logo dunha xogada de estratexia que Aitor empurraba en propia porta. Con 0-1 no luminoso do Municipal de Ventorrillo remataba a primeira parte.

O segundo tempo comezaba do mesmo xeito, con boas ocasións para os dous equipos, pero un balón ás costas da defensa naronesa se transformou no primeiro tanto dos locais. Con empate no marcador o Cidade de Narón seguiu traballando a prol da vitoria e no minuto 32 chegaba o segundo tanto naronés, logo dunha boa xogada individual de Rubén. Con vantaxe visitante, o encontro se abriu aínda máis, con boas actuacións dos dous equipos. Como a que trouxo o segundo tanto local, tras unha acción individual en banda de Xavi que conseguía bater a Niceto.

Con empate a dous tantos, o Cidade fíxose coa posesión do balón, metendo a Ventorrillo en 12 metros e xerando varias ocasións claras de gol: un man a man de Brais co porteiro local; unha xogada de conxunto do equipo naronés que bate no pao, se pasea pola liña de gol e sae fóra; unha acción clara dende o fondo de Jacobo e varios tiros exteriores que non entran.

E cando so faltaban 30 segundos para o remate do encontro, Albes solicitou un tempo morto para marcar unha xogada de estratexia de banda que Iván converteu poñendo o 2-3 no marcador. Non sería esta a última acción do partido xa que Ventorrillo ía a por todas e sacaba porteiro-xogador. Unha manobra que lles daría o tanto do empate logo dun gran traballo colectivo que Xavi se encargaba de culminar a falta tan só de 19 segundos para o final. Aínda quedaba tempo para unha última xogada e cando o Cidade ía a pola vitoria unha perda a media cancha propiciaba unha superioridade do Ventorrillo que anotaba a falta dun segundo para o asubío final.

Ao remate do encontro, Javi Albes destacaba o bo partido disputado polos xogadores do Cidade malia o resultado final onde “os últimos trinta segundos foron de puro fútbol sala”. O vindeiro fin de semana o equipo naronés xogará en casa contra o Parrulo B, un encontro terá lugar o sábado, a partir das sete do serán.

 

Ficha técnica:

Distrito Ventorrillo: Oscar, Matos, Xavi, Víctor e Hugo. Tamén xogaron Alberto, Aitor, Martos, Kevin, Marcos e Pablo.

Cidade de Narón: Nice, Rober, Iván, Diego V e Brais. Tamén xogaron Luis, Rubén, Pablo e Jacobo.


Goles: (0-1) min. 18, Aitor (PP); (1-1) min 26, Pablo; (1-2) min. 32, Rubén; (2-2) min. 32, Xavi; (2-3) min. 39 Iván; (3-3) min. 39, Xavi; (4-3) min. 39, Matos.

Árbitros: Pablo Coello e Daniel López (C.T.A.F.S. Galicia).

Pavillón: PM Ventorrillo.

A falta de pegada castiga ao Cidade

DSC 0045

  • O encontro, que remataba cun 2-4 a favor do Sala Ourense, arrancaba cun minuto de silencio na memoria de Manuel Sánchez, histórico dirixente do deporte naronés
  • Rober e Rubén foron os encargados de anotar os goles da xornada

Narón, 24 de outubro de 2021.- O Cidade de Narón se enfrontaba esta xornada ao Sala Ourense confiado en volver á senda da vitoria. Sen embargo, a falta de pegada dos naroneses, sobre todo no primeiro tempo, castigábaos para rematar cun marcador de 2-4 a favor dos visitantes. Os tantos dos amarelos foron obra de Rober e Rubén. Antes do inicio do choque entre naroneses e ourensás se gardou un minuto de silencio na memoria de Manuel Sánchez, histórico dirixente do deporte naronés que falecía esta semana.

O Cidade arrancaba o partido imprimíndolle moita intensidade ao xogo a través dunha presión moi alta, o que provocaba que cando aínda nos se levaba xogado o primeiro minuto Oly estrelase un balón ao traveseiro tras un pase de Fer Combarro, hoxe baixo os paos .

Logo deste primeiro aviso e lonxe de baixar os brazos, os de Albes mantiveron unha defensa alta o que dificultaba a saída do equipo visitante que, neses primeiros minutos, non eran quen de ganduxar unha boa xogada. Uns atrancos que obrigaron aos de Óscar Álvarez a subir a defensa para intentar dificultar o avance do Cidade. Neses intres chegaron as oportunidades más claras para os de Narón: dous man a man de Iván ante o gardamallas visitante, un tiro exterior de Jacobo e unha xogada de Rubén, que ben puideron poñer por diante ao Cidade no luminoso da Gándara.

Pero cando xa se superaba o ecuador do primeiro tempo, o Ourense anotaba o primeiro tanto do partido, logo dunha paralela coa que Raúl conseguiu bater a Fernando Combarro. Corría o minuto 12 de partido.

A partir de entón, Ourense comezou a amosarse máis cómodo na cancha, gracias a posesións máis longas de balón, mentres que o Cidade buscaba resarcirse dese tanto subindo liñas. Ese risco permitiu aos visitantes xerar dúas boas accións que a piques estiveron de rematar en gol senón fose polo acerto do porteiro naronés.

Así remataba o primeiro tempo: cun Ourense máis metido no xogo logo de anotar o tanto, e un Cidade que non recollía os froitos da súa insistencia para marcar.

A segunda parte comezaba cun partido moi aberto, con contras para os dous equipos. Ata que no minuto 22 Rober, en xogada individual de pivot, se volveu e anotou o primeiro tanto para os locais.

Semellaba que os de Albes se metían no encontro acosando a meta do Ourense pero unha boa saída de presión dos visitantes, creaba un 2 para 1 que finalizaba con gol de David. Foron minutos de acoso dos ourensás sobre a meta de Fer Combarro, que o naronés repeleu con excelentes actuacións baixo os paos. Ate que un erro de marcaxe deixou só a Igor diante da portería naronesa e bateu a pracer a un Fer que nada poido facer.

O Cidade seguiu tentándoo con tiros exteriores ben atallados polo porteiro visitante ate que Albes decidiu ir a polo encontro sacando 5 para 4. O Narón dispuxo entón de orde en ataque, encadeando xogadas con perigo ata que nunha desas, Rubén rematou de cabeza poñendo o 2-3 no marcador.

Mentres que o equipo naronés apostaba por seguir con porteiro-xogador, o Sala Ourense tentaba saír desa presión que non o deixaba xogar con comodidade. E nesas chegaba a xogada polémica do partido: un tiro exterior dos naroneses era despexado coa man por un xogador ourensán para, de seguido, anotar a porta baleira o cuarto e definitivo tanto dos visitantes.

Aínda lle tocaría aos naroneses enfrontarse á lesión de Fer Combarro, que recibía un golpe na súa man esquerda, e á expulsión de Jacobo por dobre amarela, tendo que xogar durante os dous seguintes minutos en inferioridade numérica. Ao final do encontro, o adestrador naronés lamentaba que “a falla de acerto do primeiro tempo embace o bo traballo feito polos xogadores en boa parte do partido”.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer, Oly, Rober, Diego V e Brais. Tamén xogaron Iván, Rubén, Pablo, Jacobo e Nice.

Sala Ourense: Raúl, Iván, David, Daniel e Alexander. Tamén xogaron Gustavo, Igor e Fernando.

Goles: (0-1) min. 12, Raúl; (1-1) min 22, Rober; (1-2) min. 31, David; (1-3) min. 32, Igor; (2-3) min. 36 Rubén; (2-4) min. 36, David.

Árbitros: José Enrique Rodríguez Rendal e Daniel Eduardo Muñoz García (C.T.A.F.S. Principado de Asturias).

Pavillón: CMD A Gándara.

 

Derrota amarga do Cidade contra o Unión Arroyo

DSC 0137

 

  • Os naroneses caeron no polideportivo Antonio Garnacho por 6-3 malia a comezar o encontro dominando o xogo e adiantándose no marcador
  • Rubén, con dous tantos e Brais cun gol, foron os encargados de anotar para o Cidade

Narón, 17 de outubro de 2021.- O Cidade de Narón caeu derrotado esta xornada no seu desprazamento a terras castelán-leonesas ante o Unión Arroyo. Un partido que os naroneses comezaban por diante no marcador pero que non foron quen de rematar. Tres puntos que se quedan en Arroyo de la Encomienda logo de que o resultado final no luminoso do Antonio Garnacho-La Flecha reflectise 6-3 a favor dos locais. Os encargados de anotar os tantos amarelos nesta ocasión foron Rubén, en dúas ocasión, e Brais.

 

Así as cousas, o Cidade comezaba o choque cunha estratexia ben definida, buscando as costas da defensa local e presionando en primeira liña. O Arroyo se atopaba cun Cidade en media pista que concedía poucas oportunidades para atacar con perigo. De feito, cando a penas se levaban dous minutos de xogo, Rubén adiantaba ao Cidade no marcador cun control de costas que finalizaba á perfección.

 

Os naroneses se sentían cómodos en pista pero nunha boa xogada dos de Unión Arroyo, que conseguen salvar a presión naronesa, chegaba o empate ao marcador. A partir dese momento o partido entrou nunha fase de control por parte dos locais, que disfrutaban de maior posesión de balón pero que a penas inquietaban a portería defendida por Niceto. De feito, neses intres o Cidade dispoñía de varias boas ocasións para adiantarse. Unha das máis claras chegaba logo dunha xogada combinativa entre Diego e Brais que Rober finalmente erraba ao segundo pao. Tamén o man a man de Diego contra o gardamallas local. O Arroyo tamén tería as súas, con varios disparos ao segundo pao que tampouco converteron.

 

Nun momento no que o partido estaba tan aberto, con ocasións para os dous equipos, un despexe en longo do porteiro local que collía por sorpresa a Niceto adiantaba ao Arroyo no marcador. Era o 2-1 para os locais e aínda sen tempo para repoñerse, o Cidade encaixaría o terceiro tanto, logo dun gran tiro exterior de Josué. Así se chegaba ao descanso.

 

O segundo tempo comezaba coa mesma dinámica: o Cidade agardando a media cancha e un Arroyo con maior posesión de balón pero sen profundidade. Pero nunha saída de balón con presión do equipo da casa, os naroneses perdían o balón e Diego Sanz anotaba o 4-1 logo dun gran tiro exterior á escuadra.

 

Sen tempo que perder e lonxe de baixar os brazos, os de Javi Albes subían liñas e metían intensidade ao xogo ate que chegaba o tanto naronés nas botas do capi do equipo: Brais era o encargado de anotar o 4-2 no minuto 22 e de meter novamente ao Cidade no partido. Pero os erros volveron a condenar aos naroneses unha vez máis e cando parecía que o 4-3 para o Narón estaba máis preto no marcador, chegaría o quinto tanto dos valisoletanos, logo de aproveitar un balón morto na área naronesa.

 

Cinco minutos despois do tanto local e cun Cidade metido no partido, chegaba o último e definitivo gol para os amarelos: o seu autor volvía a ser Rubén e servía para manter a tensión do choque, xa que o Narón volvía a dispoñer de máis posesións con ataques directos. Pero a sorte estaba de costas para os xogadores naroneses xa que cando máis preto estaban de anotar, chegaba o sexto tanto local logo dun erro defensivo no que Cristóbal marcaba a pracer.

 

Con 6-3 no luminoso do Antonio Garnacho, Albes decidía sacar porteiro-xogador xerando varias ocasións ao segundo pao que non se conseguiron materializar. Por iso, o adestrador naronés lamentaba ao remate do partido “as oportunidades erradas, cun Cidade que cedeu a posibilidade de sumar na casa do Arroyo logo de numerosos erros defensivos”.

 

Ficha técnica:

 

Unión Arroyo: Alvaro, Diego, Virgilio, Mario e Josué. Tamén xogaron Jaime, Daniel, David, Adrián, Javier e Cristóbal.

 

Cidade de Narón: Nice, Rober, Diego V, Brais e Rubén. Tamén xogaron Luis, Oly, Pablo e Jacobo.

 


Goles: (0-1) min. 2, Rubén; (1-1) min 3, Cristóbal; (2-1) min. 17, Mario Puertas; (3-1) min. 17, Josué; (4-1) min.22, Diego Sanz.; (4-2) min. 22, Brais; (5-2) min. 25, Adrián; (5-3), min. 30, Rubén; (6-3) min. 31, Cristóbal.

 

Árbitros: Freddy Alexander Molina Muños e Ricardo Prieto González (C.T.A.F.S. Castelán-Leonés).

 

Pavillón: PM Antonio Garnacho-La Flecha.


01_concello_naron.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpgFutgal.pngpadroado.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg09_autos_camilo.jpg18_logo_error_ferrol.jpgFundacin Terra de Trasancos.jpgLogo O Paso nuevo.jpgVILNAR logo 1.jpgauman.jpg