O Cidade de Narón colleita un importante triunfo fronte ao Leis Pontevedra

Leis web

  • O acerto dos naroneses en ataque e a boa actuación de Buxía baixo paos forxaron unha vitoria merecida de principio a fin
  • Os tantos locais foron obra de Guille, Rober, Rubén, Iván e Pablo

Narón, 27 de marzo de 2022.- O Cidade de Narón sumou tres valiosísimos puntos no seu caixón logo da vitoria colleitada esta fin de semana contra o Leis Pontevedra. Os naroneses, que mandaron sempre no marcador, fixeron fronte a un equipo visitante cunha gran intensidade de xogo grazas á boa actuación de Buxía baixo paos e ao acerto dos xogadores naroneses en ataque. O resultado final foi de 5 tantos a 3 para os locais con goles de Guille, Rober, Rubén, Iván e Pablo.

Os primeiros minutos de partido foron de claro acoso do Cidade sobre o equipo pontevedrés a través das xogadas de estratexia. Unha proposta de xogo que pronto deu os seus froitos, xa que no minuto dous Guille anotou o primeiro tanto do partido. Un gol que serviu para que os naroneses xestionaran o partido en media cancha e sen pasar moitos apuros. De feito, dous minutos despois, no catro, Rober fixo o segundo do partido.

Comezou entón o Leis a ter máis posesión de balón mentres o tentaba con traballo en dualidades e con tiros desde banda que o meta naronés atallou sen dificultade. Co 2-0 no luminoso referendouse o traballo dos locais que aínda dispuxeron dalgunha que outra boa ocasión para agrandar a vantaxe. Mentres que a oportunidade máis clara do Leis chegou cun bo tiro ao pao antes do tempo do descanso.

O segundo tempo arrancou coa mesma tónica. O Cidade apertaba nos primeiros minutos de xogo e tras un roubo en primeira liña de Rubén, este anotou o terceiro tanto para os de Narón. Non podían empezar mellor as cousas para o Cidade que se poñía cun 3-0 no marcador e amosaba moita seguridade tanto en defensa como en ataque. Entrementres o Leis ofrecía unha moi boa cara colectiva en xogadas coordinadas, o Cidade baixaba a súa defensa ata os 15 metros para neutralizar as xogadas do pivot pontevedrés, conseguindo que estes dispuxeran de posesión pero de pouca profundidade. Ata que no minuto 25, Adrián conseguiu materializar unha falta sinalada preto da portería do Cidade de Narón.

A partir dese momento o partido entrou nunha fase de descontrol, cun Cidade que non arriscou sacando xogadas ás costas do Leis para evitar a súa defensa asfixiante e que no minuto 27 conseguiu anotar o cuarto nos pés de Iván, que aproveitou un rexeite para xutar dende fóra da área e marcar.

Con 4-1 no marcador, o encontro entre naroneses e pontevedreses se abriu de novo. No minuto 28, nunha xogada de fortuna nun balón que rebotou nun xogador local, o Leis puxo o 4-2. E, a penas tres minutos despois, Mario aproveitou a posesión de 4 para 3 xerada tras a expulsión por dobre amoestación de Rubén, para subir o terceiro e recortar distancias.

Os naroneses dispuxeron despois do terceiro tanto dos visitantes de dúas boas oportunidades para abrir brecha no marcador grazas a dous balóns enviados en longo que Diego non poido controlar. E nos minutos finais foi Buxía que tivo dúas boas intervencións dentro do área que impediron o empate visitante.

Ata que nos últimos lances do encontro, Pablo fixo o quinto e definitivo tanto logo dunha segunda xogada e dun tiro exterior coa súa perna esquerda pegada ao pao. O gol da tranquilidade para un Cidade que afrontou os últimos minutos de partido cunha férrea defensa sobre a estratexia de porteiro-xogador elixida polo Leis para tentar recortar distancias.

Co marcador final de 5-3 a favor do Cidade, os naroneses conseguen tres puntos de ouro. O vindeiro fin de semana, o Narón xogará o encontro aprazado correspondente á xornada 16 contra o Rácing Mieres. Será a partir das sete da tarde.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Guille, Iván, Diego e Rubén. Tamén xogaron Luis, Rober, Brais, Pablo e Jacobo.

Leis Pontevedra: Álvaro, Simón, Cley, Arturo e Saúl. Tamén xogaron Nico, Adrián, Raúl, Mario e Johny.

Goles: (1-0) min. 2, Guille; (2-0) min. 4, Rober; (3-0) min. 21, Rubén; (3-1) min. 25, Adrián; (4-1) min. 27, Iván; (4-2) min. 28, Johny; (4-3) min. 31, Mario; (5-3) min. 37, Pablo.

Árbitros: Daniel Dacal Deza e Andrés Pinilla Boullosa (C.T.A. Galego).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

Paso atrás do Cidade de Narón na súa loita pola permanencia

albenseweb

  • Varias decisións arbitrais máis que polémicas condicionaron un partido que os de Narón tiñan controlado ao descanso

Narón, 21 de marzo de 2022.- O Cidade de Narón caeu derrotado no encontro que os enfrontou esta fin de semana ao Piensos Durán Albense nun choque condicionado polas polémicas decisións da parella arbitral. Os naroneses, que chegaban ao descanso do encontro co partido controlado, sufriron ate tres expulsións, dous do corpo técnico máis un xogador, e acabaron arriscando coa estratexia do porteiro-xogador para tentar enderezar un resultado que se poñía moi costa arriba coas exclusións. Ao final, 10-3 para os da casa, un resultado excesivamente avultado para o xogo que se poido ver sobre a pista salmantina e que lamentablemente quedou nun segundo plano por mor do excesivo afán de protagonismo do conxunto arbitral.

O choque arrancou cun Albense que se fixo co control do xogo nos primeiros minutos, nos que gozou de varias boas ocasións. De feito, o primeiro tanto dos locais chegaba cando a penas se levaba un minuto de partido logo dun erro na saída de balón dos naroneses e foi obra de Sergio. E o segundo tanto, no minuto 10, sucedía tras un rexeite dentro da área naronesa que Jaime empurraba para bater ao meta naronés.

E é que aos de Narón custoulles adaptarse ao pavimento da pista salmantina e ganduxar xogadas efectivas. Ata que o partido entrou nunha fase de maior control por parte dos dous equipos. O Cidade comezou entón a crear perigo e estirar liñas con boas ocasións para anotar a través de Brais e Iván. Faltaba reordenar a defensa naronesa e para iso Albes acordou solicitar un tempo morto que pronto deu os seus froitos, xa que no minuto 15 Iván batía ao porteiro local poñendo o 2-1 no luminoso.

O Cidade seguiu xerando novas ocasións de gol, mentres que o Albense o fiaba todo á contra e poñía o 3-1 logo dun aciago despexe dos de Narón que acababa entrando na súa portería. O encontro entre salmantinos e naroneses foi de ida e volta nestes intres e antes de que os dous equipos se retirasen aos vestiarios, Iván, nunha xogada de estratexia, golpeaba a pelota e Sergio non podía máis que empurrala para anotar en propia porta.

Pero se cómpre destacar unha acción deste primeiro tempo é a polémica actuación do equipo arbitral na xogada que propiciou o terceiro tanto do Albense e que veu precedida dunha clarísima man e dunha falta que non ofrecía dúbidas, pero que os colexiados obviaron. O que representaría a sexta falta do Albense e a oportunidade do Narón para empatar o encontro, se converteu nun rosario de tarxetas para os narones, que protestaron polo inxusto da decisión arbitral, e nun novo tanto para o equipo local.

O segundo tempo comezou cun Albense que, como na primeira metade, tentaba saír á contra, e un Narón máis cómodo co xogo, que levaba o peso do encontro e que tras unha boa combinación do equipo, a piques estivo de finalizala Iván para poñer o empate no marcador. Pero de novo un erro na saída de balón do Cidade puxo o 4-2 no marcador.

Malia o mazazo, os naroneses recompuxeron o seu xogo e comezaron a crear accións perigosas contra a portería local. E foi neste momento cando os árbitros volveron a converterse en protagonistas do partido sinalando a segunda amarela a Iván por ir ao chan para cortar un balón que non tocou nin xogador nin balón, pero que deixou aos de Narón sen o seu referente en ataque e en inferioridade numérica.

O partido mudou totalmente a súa faciana e malia que os naroneses defenderon dun xeito incrible o 4 para 3, outra polémica decisión arbitral condicionou o xogo dos de Albes. A falta de 30 segundos para recuperar a igualdade, o xogador naronés Rober recibiu unha durísima entrada á altura do seu xeonllo que levantou ao banco naronés. E lonxe de penalizar a dita acción máis que con un cartón amarelo, os colexiados amosaron unha ristra de tarxetas a xogadores e corpo técnico visitante que rematou coa expulsión do técnico e do delegado naronés.

Non lles quedaba outra aos do Cidade que arriscar coa estratexia de porteiro xogador. Pero de pouco valeu xa que nos preto de quince minutos que aínda quedaban de encontro, a penas se puideron anotar un tanto no minuto 31 logo dun fallo no despexe do xogador local Sergio que anotou en propia porta, e encaixar cinco tantos máis para acabar cun avultado 10-3 a favor dos locais. Un resultado que para nada representa o xogo que se viu no Pavillón Alba de Tormes por parte dun e doutro equipo pero no que si influíu a controvertida actuación arbitral.

Este sábado, o Cidade xogará na casa contra o Leis de Pontevedra.

 

Ficha técnica:

Piensos Durán Albense: Durán, Sergio, Jorge, Juan Diego e Álvaro. Tamén xogaron Sergio Sánchez, Pinto, Jaime, Roberto, Marcos, Alejandro e Carlos.

Cidade de Narón: Buxía, Rober, Iván, Diego e Brais. Tamén xogaron Guille e Rubén.

Goles: (1-0) min. 1, Sergio; (2-0) min. 10, Jaime; (2-1) min. 11, Iván; (3-1) min. 15, Rubén (PP); (3-2) min. 20, Sergio (PP); (4-2) min. 23, Jorge; (5-2) min. 26, Jorge; (6-2) min. 27, Juan Diego; (7-2) min. 28, Juan Diego; (7-3) min. 31, Sergio (PP); (8-3) min. 32, Jorge; (9-3) min. 35, Alvaro; (10-3) min. 39, Jaime.

Árbitros: Alberto Macías e Alberto Torres (C.T.A. Castelá-Leonés).

Pavillón: PM Alba de Tormes (Alba de Tormes- Salamanca).

O Cidade logra unha importante vitoria na casa ante o Inversia Seguros A Estrada FS

web A Estrada 120322

  • Os naroneses, que foron sempre por diante no marcador, acabaron gañando o encontro por 6-3 con goles de Rubén, Jacobo, Brais, Guille e Rober, que marcou dous tantos

Narón, 13 de marzo de 2022.- O Cidade de Narón venceu esta xornada por 6 tantos a 3 ao Inversia Seguros A Estada Futsal, nun encontro que se celebrou no polideportivo da Gándara ante preto dun centenar de afeccionados. Os naroneses se adiantaron no marcador no minuto 6 grazas a un gol de Rubén e levaron as rendas do encontro durante os 40 minutos de xogo. Ademais do tanto anotado polo 14 naronés tamén marcaron Jacobo, Brais, Guille e Rober, que o fixo por partida dobre.

A primeira parte arrancaba con moitas rotacións por parte dos dous equipos para poder manter a forte intensidade dos primeiros minutos de xogo. Así, mentres que os visitantes gozaban de maior posesión de balón nos primeiros compases do enfrontamento, xerando abondosas situacións combinativas e de estratexia, o Narón apertaba ao seu rival para facerse co control do partido. E nunha desas chegaba o primeiro tanto dos locais obra de Rubén, que recibía un balón ás costas filtrado por Jacobo e non fallaba.

O Cidade, con defensa a media cancha, se mantivo co mesmo patrón de xogo pero gañou posesión de balón, mentres que A Estrada tentouno con accións combinativas colectivas e xogadas de estratexia coas que dispuxeron de varias boas ocasións para bater a Buxía. Sen embargo, o porteiro naronés volveu a ser un seguro para o seu equipo desbaratando as xogadas visitantes e manténdoo dentro do partido e con vantaxe no marcador. Ata que nunha das poucas accións nas que colleron á defensa naronesa descolocada, o equipo pontevedrés, a través de Moro, colocou o empate no luminoso da Gándara.

Tras o tanto visitante, o Cidade volveu a subir liñas e minutos despois Jacobo puxo o 2-1 logo dun bo tiro exterior. O equipo naronés se atopaba cómodo na cancha e ganduxaba boas xogadas coas que se achegaba con perigo á meta visitante ate que no minuto 18 e tras unha gran combinación colectiva, Brais regateaba por banda e xutaba o balón ao segundo pao poñendo o 3-1 no marcador. Resultado a favor dos locais co que se chegaba ao descanso.

Logo dun primeiro tempo no que o Cidade armou o seu xogo sen conceder demasiadas oportunidades á Estrada para inquietar a portería do meta naronés,   o segundo tempo arrancou cunha xogada de tiraliñas: balón en longo para Rubén que o baixou, pasouno por riba do seu defensor cun sombreriño e Guille aproveitou para recoller a bola e bater a Míguez.

Con 4-1 no marcador o xogo naronés gañou en tranquilidade, mentres que os visitantes subiron o ritmo de xogo, deixaron o xogo combinativo e recorreron a ataques directos e á estratexia de porteiro-xogador. Unha proposta que o Cidade defendeu ben. Tanto foi así que dúas perdas consecutivas de balón serviron para que Rober anotase o quinto e sexto tanto do Cidade.

O Narón se centrou entón en non cometer erros na defensa de 5 para 4 que os da Estrada alternaron co xogo tradicional de 4 para 4. E ben que o conseguiron malia encaixar dous tantos nos minutos 27 e 35. Dous tantos que lles permitiron recortar distancias pero que non incomodaron o xogo naronés.

Logo da vitoria colleitada esta semana fronte ao Inversia Seguros A Estrada Futsal, o Cidade suma tres valiosos puntos no seu casilleiro. A vindeira semana o equipo naronés se desprazará á localidade salmantina de Alba de Tormes para xogar contra o Albense.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Guille, Rober, Brais e Rubén. Tamén xogaron Iván, Diego, Pablo e Jacobo.

Inversia Seguros A Estrada Futsal: Yago, Pablo, Jorge, Moro e Marcos.Tamén xogaron Xosé Rey, Alexandre, Míguez, Lozano e Caínzos.

Goles: (1-0) min. 6, Rubén; (1-1) min. 12, Moro; (2-1) min. 16, Jacobo; (3-1) min. 18, Brais; (4-1) min. 21, Guille; (5-1) min. 24, Rober; (6-1) min. 26, Rober; (6-2) min. 27, Jorge; (6-3) min. 35, Lozano.

Árbitros: Pablo Guntín Garrido e Jorge Otero Mira (C.T.A.F.S. Gallego).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

Derrota do Cidade de Narón na Malata

web Parrulo 060322

  • Malia adiantarse no marcador no minuto 4 de partido, os naroneses desaproveitaron numerosas ocasións para ampliar a vantaxe no primeiro tempo e acabaron recibindo un duro castigo no treito final
  • Rubén foi o encargado de anotar o único tanto dos de Narón

Narón, 7 de marzo de 2022.- O Cidade de Narón caeu derrotado no encontro correspondente á xornada 23 ante O Parrulo Ferrol FS “B”. Os naroneses, que se adiantaron no marcador a través dun gol de Rubén no minuto 4, non souberon rematar a faena e acabaron recibindo un duro castigo no último treito de partido. Ao final 6-1 a favor dos locais e tres valiosos puntos que non suben ao casilleiro do Narón.

O encontro arrancaba con dous equipos moi parellos. Mentres que os xogadores amarelos gozaban de varias ocasións claras para anotar nos primeiros compases do xogo e mesmo desbarataron unha falta no borde da área, os locais parecían non atoparse cómodos na cancha. E nesas chegaba o primeiro tanto do partido. O seu autor era Rubén, que aproveitaba un saque de falta botado por Jacobo para anotar ao segundo pao.

A partir dese momento o choque entrou nun control defensivo por parte dos dous equipos e moitas ocasións en ataque . Pero unha perda dos naroneses na saída de balón facilitou o empate do Parrulo a penas un minuto despois do tanto naronés.

Con igualdade no luminoso da Malata, o Cidade dispuxo de varias ocasións claras, como a aproximación de Jacobo que non definiu ou a oportunidade de Guille dentro da área. E mentres os de Narón desaproveitaban as ocasións coas que contaron nos últimos minutos do primeiro período, o Parrulo, pola súa contra, aproveita unha xogada individual con varios rexeites dentro da área para poñer o 2-1.

Aínda terían os de Javi Albes a ocasión de empatar o encontro cun penalti que Jacobo tirou alto. Sen embargo, hoxe non era o día e con ese resultado no marcador a favor dos locais se chegaba ao descanso.

O segundo tempo arrancou cun Cidade co control do partido mentres que os locais baseaban o seu xogo nos ataques directos.

Ata que se produciu unha nova perda de balón nas filas naronesas no inicio dun ataque e logo dunha falta máis que dubidosa seguida dunha barullada dentro da área, o Parrulo anotou o 3-1.

Malia este revés, o Cidade mantivo a calma e propiciou unha nova oportunidade para recortar distancias grazas a Rubén, que se plantou só ante Regueira e obrigou ao porteiro ferrolá a saír a 12 metros para despexar o balón. E no que foi a tónica do encontro, logo dunha boa oportunidade dos naroneses chegaba a resposta dos locais en forma de gol. Era o 4-1 e corría o minuto 30.

A partir dese momento o partido perdeu orde. Un desorde que o Parrulo aproveitou para sentenciar o encontro. O Cidade tentouno co xogo de 5 para 4 pero sen a efectividade desexada e encaixando dous novos goles que deixarían o marcador no 6-1 definitivo.

O adestrador naronés amosou o seu pesadume ao remate do choque “xa que os erros cometidos nos impediron chegar con opcións ao final do encontro e perder tres puntos importantes”.

O Cidade de Narón se enfrontará o vindeiro sábado na Gándara ao Inversia Seguros A Estrada FS.

Ficha técnica:

O Parrulo Ferrol FS “B”: Regueira, Naveira, Miguel, Alonso e Mario. Tamén xogaron Diego, Caio, Renato, Muri, Turbi, Chesky e Yago.

Cidade de Narón: Buxía, Guille, Brais, Rubén e Pablo. Tamén xogaron Luis, Eric, Rober, Iván, Diego e Jacobo.

Goles: (0-1) min. 4, Rubén; (1-1) min. 5, Alonso; (2-1) min. 12, Muri; (3-1) min. 24, Miguel; (4-1) min. 30, Yago; (5-1) min. 34, Chesky; (6-1) min. 37, (Miguel).

Árbitros: José Enrique Rodríguez e Andrés Felipe Vanegas (C.T.A.F.S. Principado de Asturias).

Pavillón: PM A Malata (Ferrol).

O Cidade de Narón recupera sensacións e vence ao Ventorrillo na Gándara

Ventorrillo web

  • Os naroneses gañaron por un contundente 5-0 con goles de Jacobo, Iván, Brais, Diego e Rober

Narón, 27 de febreiro de 2022.- O Cidade de Narón superou ao Transricard Distrito Ventorrillo no encontro disputado onte na Gándara. Os naroneses gañaron por un contundente 5-0 logo de xogar un partido moi serio tanto en defensa como en ataque. Os tantos foron obra de Jacobo, Iván, Brais, Diego e Rober.

O choque comezou con moita intensidade, cun Ventorrillo moi metido no partido e que xeraba da noite para o día tres boas accións de córner e de banda próximas que o porteiro naronés Buxía solventou á perfección, mantendo ao seu equipo no partido. Pola contra, os primeiros cinco minutos do Cidade non foron bos: faltaba claridade e ritmo e as chegadas á portería contraria a penas se incomodaron ao gardameta visitante.

Así as cousas, mentres que ao Cidade lle costaba entrar en partido, o Ventorrillo se atopaba máis cómodo na cancha naronesa. Pero co paso dos minutos, o equipo amarelo comezou a asentarse na pista e a xerar accións de perigo a través do xogo directo co pivote. E nunha desas chegou o primeiro gol. Jacobo batía a Óscar dun potente tiro exterior e poñía o 1-0 no marcador da Gándara.

O Cidade tomou entón as rendas do encontro. Por contra, o Ventorrillo tentábao con accións individuais por banda e tiros exteriores pero sen inquietar a portería defendida por Buxía. Con vantaxe no luminoso da Gándara e un Narón moi intenso se chegaba ao descanso.

O segundo tempo comezou cun Cidade ben asentado en media cancha e un Ventorrillo que non era quen de ganduxar xogadas de perigo. O equipo de Javi Albes se facía cargo da dirección do xogo cun Iván inmenso no pivote. Tanto foi así que, no minuto vinte e tres, o 9 naronés recibía un balón de costas, se xiraba e batía ao porteiro coruñés pola escuadra.

Ese segundo gol deu confianza ao Cidade que, un minuto máis tarde, anotaba o terceiro tanto nunha boa acción de Brais que, logo de dobrar a Iván, recibía unha deixada deste e anotaba por baixo.

O Ventorrillo apostou nos últimos minutos polo porteiro-xogador tendo dúas boas ocasións que desbaratou novamente un acertadísimo Buxía baixo paos. Pero foi o Cidade quen, en dous roubos de balón, conseguiu anotar o 4 e o 5 tanto dos amarelos nos minutos 34 e 38 de partido. Os seus autores: Diego e Rober. Cinco goles que serviron aos de Narón para sumar tres valiosos puntos ao seu casilleiro.

O Cidade de Narón se enfrontará o vindeiro domingo a O Parrulo “B”.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Guille, Rober, Diego e Jacobo. Tamén xogaron Iván, Brais, Rubén e Pablo.

Transricard Distrito Ventorrillo: Óscar, Martín, Andrés, Matos e Kevin. Tamén xogaron Alex, Aitor, Marcos, Sugus, Merelas e Vituco.

Goles: (1-0) min. 7, Jacobo; (2-0) min. 23, Iván; (3-0) min. 24, Brais; (4-0) min. 34, Diego; (5-0) min. 38, Rober.

Árbitros: Borja Moreira e Borja Pérez (C.T.A.F.S. Galego).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

01_concello_naron.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpgFutgal.pngpadroado.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg09_autos_camilo.jpg18_logo_error_ferrol.jpgFundacin Terra de Trasancos.jpgLogo O Paso nuevo.jpgVILNAR logo 1.jpgauman.jpg