Cidade-Valladolid-web

O Cidade vence no seu feudo tras impoñerse ao UVA Valladolid por 5-3

Os goles do equipo naronés foron obra de Iván, que perforou a meta visitante ata en tres ocasiones, Buján e o xogador vallisoletano David R., que marcaría en propia porta.

Narón, 23 de marzo de 2019.- O Cidade de Narón cultivou esta tarde unha nova vitoria en casa tras impoñerse por 5-3 ao UVA Valladolid, sexto na táboa clasificatoria. O partido, que se disputou no Polideportivo da Gándara, estivo moi aberto os 40 minutos aínda que o maior acerto do Cidade para portería na segunda parte decantaría o resultado final a favor dos naroneses. Un encontro no que calquera dos dous equipos puido gañar, pero no que o equipo local soubo aproveitar a vantaxe que tivo sempre no marcador para facerse coa vitoria final, ante un rival moi ben traballado, moi intenso e con moita capacidade de desborde. Antes do comezo do partido gardaríase un minuto de silencio polo falecemento de Ramón Padín López, pai do presidente do Cidade de Narón, José Ramón Padín Freire.

A primeira parte empezou cun Cidade de Narón moi asentado na pista, que foi capaz de desenvolver unha circulación de balón moi fluída e xerar moitas situacións de esquina e de banda. Pola súa banda, o Valladolid non conseguía entrar en xogo. Con todo, a conexión entre Iván e Buján permitiría ao equipo naronés adiantarse ata en dúas ocasións no marcador e sacar maior rendemento ao xogo despregado pola escuadra amarela. Ademais varios fallos puntuais dun Cidade que non acababa de atoparse cómodo en defensa permitiron ao equipo vallisoletano entrar en xogo e manter o partido moi aberto e chegar ao descanso cun tres a dous favorable ó Cidade.

A segunda parte foi moito máis equilibrada cun Cidade de Narón que non permitía ao UVA Valladolid xerar transicións ofensivas e no que a defensa a media cancha ben plantada dos amarelos conseguía ter o partido controlado. Pero sen dúbida sería o 4-2, nunha contra moi ben levada por Buján que finaliza cun gol en propia meta do xogador visitante David R o que permitiría aos de casa conseguir unha renda e traballar defensivamente con maior seguridade xerando varias contras perigosas. Mentres, o Valladolid tamén o tentaría con dúas ocasións moi claras de Raulito en banda e dous tiros exteriores de Ofa que resolveu moi ben Alberto.

O partido complicaríase co 4-3, obra de Leal tras unha perda de Guille na saída de balón que creou un momento de incerteza entre os naroneses. Pero o bo traballo de Iván permitiu sumar o 5-3 definitivo. Tentaríao o Valladolid con porteiro-xogador xerando unha moi boa ocasión que non conseguiron materializar.

Ao finalizar o encontro, o técnico naronés, Javier Albes definía a vitoria conseguida esta tarde como “moi valiosa porque nos permite manter a terceira posición e continuar cunha boa dinámica de vitorias”. O próximo encontro enfrontará ao Cidade de Narón co cuarto clasificado, o Pizarras Tres Cuñados, “un partido moi importante para afianzarnos nesa terceira posición da clasificación”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Alberto, Buján, Diego, Brais e Guille. Tamén xogaron: Iván, Iago, Rubén, Mario e David.

UVA Valladolid: Parra, Raulito, Muñoz, David R. e David. Tamén xogaron Picolo, Leal, Ofa, Javi e Sancris.

Goles: (1-0) min. 3, Buján; (1-1) min. 6, Ofa; (2-1) min. 7, Iván; (2-2) min. 8, Ofa; (3-2) min. 18, Iván; (4-2) min. 27, David R. p. p; (4-3) min. 28, Leal; (5-3) min. 37, Iván.

Árbitros: Rubén Vieto e Adrián Piguero. Amoestaron a David polo Cidade de Narón e a Javi e Ofa polo UVA Valladolid.

Pavillón: Complexo Deportivo Municipal da Gándara.

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg