O partido ante o Ribeira FS tivo lugar ante medio cento de espectadores
O Cidade de Narón cae derrotado en Lugo fronte ao líder provisional do grupo
Narón, 08 de noviembre de 2020.- O Cidade de Narón caeu derrotado esta mañá en Lugo ante o Ribeira de Piquín FS, líder provisional da táboa, no encontro correspondente á terceira xornada do subgrupo 1B da Segunda División B do Fútbol Sala Nacional. E facíao tras encaixar catro goles. Un marcador que non fai xustiza ao visto na pista do Municipal de Lugo, onde a igualdade entre os dous equipos foi a tónica dominante en boa parte da contenda.
O partido arrincaba ás 12:30 horas cun Cidade de Narón que se desprazaba á Cidade das Murallas con dúas ausencias destacadas entre as súas filas: Iván, lesionado a pasada fin de semana no seu nocello esquerdo; e Rubén sancionado cun encontro tras a súa expulsión fronte ao Xove. A pesar diso, os pupilos de Javi Albes saltaban á cancha dispostos a dominar o encontro. Plantados en media cancha, mentres o Ribeira xogaba cunha presión máis alta, os xogadores naroneses ían gañando metros ata que nun saque de banda próximo á portería defendida por Niceto, produciuse unha pegada exterior que tocou nun xogador naronés desviando o tiro a portería. Corría o minuto 7 e poñía o 1-0 no marcador.
O partido continuaría moi igualado cun equipo local que xeraba dúas ocasións á contra, unha delas dun contra o porteiro, que Niceto resolveu de maneira brillante. Entre tanto, o Cidade decidía xogar con ataques máis directos ante un Ribeira que se foi cargando de faltas e que permitiron ao Cidade dispoñer de ata dúas ocasións para igualar o marcador a través de dous dobres penalties que, con todo, Buján non foi quen de converter.
A última oportunidade para o Cidade antes do descanso sairía das botas de Brais, hoxe reconvertido en pivot, nun tiro raso que desbaratou coa perna o porteiro local.
A segunda parte do encontro arrincaba da mesma maneira que a primeira: dous equipos moi igualados, con máis posesión de balón para o Ribeira ao comezo e segundo ía avanzando o partido, sería o Cidade o que se iría facendo coa bola edominaba o encontro.
O partido rompería tras unha xogada con balón en longo ao que saíu Niceto e que desviaría Iago, con tan mala fortuna que caía nos pés de Javi Regueiro que, tras controlar, goleaba a porta baleira.
Co 2-0 no marcador, Albes decidiu solicitar un tempo morto para tentar traballar con cinco para catro e ir a polo partido. Con todo, nun cambio de porteiro o
Ribeira sacou rápido e marcou o 3-0. O últimos tres minutos do encontro foron de claro dominio do conxunto naronés que xeraba ocasións claras ante un Illy moi acertado. O último tanto dos locais sería obra de Pablo nun balón en longo que cabeceou para anotar o 4-0 final do marcador.
Ao finalizar o encontro, o adestrador naronés recoñecía como “xusta” a vitoria do Ribeira aínda que lamentaba que “nos vaiamos cun marcador excesivamente avultado para a igualdade que se viu ao longo dos corenta minutos de xogo”.
A próxima xornada o Cidade de Narón medirase en casa ante o Sala Ourense, nun partido que se celebrará o sábado 14, a partir das 19 horas, no Polideportivo da Gándara.
Ficha técnica:
Ribeira del Piquín FS:Carlos, Pablo Villar, Pablo Díaz, Diego Lobeiras e Daniel Quintela. Tamén xogaron Fran Alvarez, David Quintela, Fran Montero, Javi Regueiro e Ignacio González .
Cidade de Narón: Niceto, Guille, Diego V., Iago O. e Brais. Tamén xogaron Buján, Iago Q. e Oli.
Goles: (1-0) min. 7, Fran Alvarez; (2-0) min. 32, Javi Regueiro; (3-0) min. 37, Fran Alvarez; (4-0) min. 38, Pablo Díaz.
Árbitros: Daniel Eduardo Muñoz García e Andrés Felipe Vanegas Betancur (C.T.A.F.S. Principado de Asturias). Amonestaron a Pablo D. Villar, no minuto 33 polo Ribeira; e a Iago Q., no minuto 9 polo Cidade.
Pavillón: Polideportivo Municipal de Lugo. Ante medio cento de espectadores.