O Cidade de Narón cae pola mínima nas Pontes
-Brais foi o autor do único gol anotado polos naroneses no encontro correspondente á oitava xornada da Segunda División B da Liga Nacional
Narón, 12 de decembro de 2020.- Partido moi intenso o disputado esta tarde no Pavillón Municipal das Pontes entre O Esteo FS e o Cidade de Narón. O encontro, correspondente á oitava xornada da Segunda División B da liga Nacional de Fútbol sala, tivo dúas partes ben diferentes: os primeiros 20 minutos de xogo de claro dominio local e unha segunda parte onde o equipo de Javier Albes dominou claramente o xogo. Ao final, 2-1 a favor de O Esteo FS nun encontro no que Brais foi o encargado de anotar o único gol dos naroneses esta tarde.
A primeira parte arrincaba cun Esteo máis acertado en ataque e que levaba o peso do xogo, aproveitando mellor os roubos e as superioridades, mentres que o Cidade entraba aos poucos no partido, tentando adaptarse á pista de goma do pavillón pontés.
O primeiro gol non chegou ata o minuto 17 tras un saque de banda onde o balón chegaba a Cokito en zona de pivot e que, tras realizar un bo movemento cara á dereita, enviaba o balón ao fondo da rede. Con 1-0 no marcador, o equipo local metíase en cinco faltas, o que lle obrigaba a atrasar o súa defensa. Esta circunstancia era aproveitada polos amarelos para xerar un maior número de ocasións que, con todo, non lograban ter unha finalización clara. Así se chegaría ao descanso.
Tras a continuación do encontro, o partido mudou a súa faciana, cun Cidade cunha maior posesión de balón e un equipo local que arrincaba cunha defensa de ¾ para tentar dificultar o avance do Cidade. Precisamente cando os pupilos de Javier Albes estaban a xerar unha maior profundidade, con máis xogo de pivot e maior finalización, chegaba o segundo gol dos locais tras un saque de falta esquinada que conseguían meter dentro da área e Jhony remataba batendo a Niceto.
Corría o minuto 24 cando o 2-0 subía ao marcador do municipal das Pontes. Un tanto que servía para espolear o xogo do Cidade, que comezou a imprimir maior intensidade ao seu xogo, xerando máis ocasións e meténdolle maior ritmo ao partido. Isto obrigou ao Esteo a atrasar a súa posición a media pista e foi aproveitado polos naroneses para poñer o 2-1 no marcador tras unha xogada de falta que Brais convertía en gol e coa que se acurtaban as distancias.
A partir dese momento, o Cidade decidiu presionar e a O Esteo non lle quedou outra que xogar á contra. Así foron transcorrendo os minutos ata que os ponteses alcanzaron a quinta falta. O Cidade decidiu entón ir a polo partido sacando porteiro xogador, pero sen conseguir os resultados esperados.
Ao finalizar o encontro, o técnico Javier Albes destacou “a intensidade de xogo que imprimiron os dous equipos nos 40 minutos de partido e onde Esteo sacou un maior rendemento ao marcador curto que se deu esta tarde”.
A próxima fin de semana o Cidade de Narón desprazarase ata Pontevedra para xogar contra o Leis o encontro aprazado correspondente á primeira xornada da liga.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Diego, Brais e Iván. Tamén xogaron Guille, Buján e Rubén.
O Esteo FS: Javichu, Jacobo, Héctor, Rubén e Troncho. Tamén xogaron Coquito, Aitor, Alberto e Jhony.
Goles: (1-0) min 17, Cokito; (2-0) min. 24, Jhony; (2-1) min. 28, Brais
Árbitros: Iván Feliz Otero e Jorge Otero Mira (C.T.A. Galego). Amonestaron a Troncho, no minuto 13 e a Javichu, no minuto 31, por O Esteo FS.
Pavillón: Pavillón Municipal das Pontes.