O Cidade de Narón despide o ano cunha importante vitoria ante o Leis

Brais Leis

- Os naroneses trouxéronse tres valiosos puntos de Pontevedra con goles de Iván e Diego na primeira parte e un tanto en propia porta dos pontevedreses a piques de cumprirse o tempo de xogo

Narón, 19 de decembro de 2020.- O Cidade de Narón sumou esta tarde tres puntos máis na súa conta tras impoñerse ao Leis de Pontevedra no encontro aprazado correspondente á primeira xornada da Segunda División B- Subgrupo 1 B- da liga Nacional de Fútbol sala. Os naroneses conseguiron remontar o encontro ata en dúas ocasións para impoñerse finalmente por 2 goles a 3, con tantos de Iván e Diego na primeira parte, e de Fabio en propia porta na segunda. O equipo que dirixe Javier Albes volverá á competición o próximo 9 de xaneiro contra O Parrulo B.

Guille 3 Leis

O encontro comezaba cun Cidade a media pista e un Leis que decidía levar a iniciativa. Co paso dos minutos íase igualando a posesión de balón e tamén as ocasións. Leis, cunha defensa moi intensa, foise cargando de faltas ata chegar ao ecuador da primeira parte con 5 faltas e perigo de dobre penalti. Con todo, cando mellor estaba a xogar o Cidade chegaba o primeiro gol dos pontevedreses, nun balón que Cley pegaba desde 10 metros e batía a Niceto.

O tanto do equipo local non fixo baixar os brazos aos pupilos de Javier Albes, que seguiron xerando ocasións ata que nun dobre penalti que Iván mandou ao traveseiro o Leis decidía atrasar a súa defensa. Cun Cidade que levaba o peso do encontro chegaría o empate, obra do “9” naronés, quen tras un roubo de balón en media pista e tras encarar ao porteiro, batíao coa esquerda para poñer o 1-1 no marcador.

A partir de entón, o Cidade asentou o seu xogo, mentres que o Leis mostrábase máis conservador polas faltas acumuladas. O segundo gol do Cidade sería obra de Diego ao converter un dobre penalti. Con 1-2 no luminoso do Municipal de Pontevedra chegaríase ao descanso.

A segunda parte arrincaba cos pontevedreses moito máis enchufados e desenvolvendo un bo xogo de pivot grazas ao traballo de Cley. Sería precisamente nunha desas xogadas nas que chegaría o empate do Leis, tras un tiro á escuadra do pivot local.

A partir dese momento, o partido entraba nunha fase de maior especulación. Os naroneses xeraban máis ocasións á contra e o Leis xogaba máis intenso na presión á saída do balón. Ata que ambos os equipos se cargaron con cinco faltas.

Con este escenario, era o equipo de Pontevedra o que dispoñía da primeira ocasión para desfacer a igualdade do marcador, cun dobre penalti que non materializaba. E a falta de pouco máis dun minuto para finalizar o encontro chegaría o desempate tras un bo roubo de Guille en media pista. O xogador do Cidade plantábase só diante do porteiro e a pesar de marrar a xogada, o rebote favorecía de novo aos naroneses que, a través de Buján, volvían meter o balón ao área pontevedresa e, nunha xogada desafortunada, Fabio anotaba en propia porta.

Gol Leis

Tentouno o Leis con porteiro xogador no último minuto de xogo pero o Cidade defendeuse á perfección arrincando tres puntos dunha cancha sempre difícil como é a do Leis de Pontevedra.

Tras o encontro, o técnico naronés destacou o “bo partido desenvolvido polo Cidade, cun xogo moi serio e competido”. “Traémonos tres puntos de Pontevedra – engadía Javier Albes - que nos sitúan na zona media alta da clasificación antes de iniciar o parón do Nadal”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Diego, Brais e Guille. Tamén xogaron Buján, Iván e Rubén.

Leis Pontevedra: Simón, Cley, Nico, Sugar e Álvaro. Tamén xogaron Lolo, Raúl, Gabriel, Fabio, Quique, Toño e Saúl.

Goles: (1-0) min 10, Cley; (1-1) min. 14, Iván; (1-2) min. 15, Diego; (2-2) min. 22, Cley; (2-3) PP min. 38, Fabio.

Árbitros: Pablo Coello Martínez e Andrés Pinilla Boullosa (C.T.A.F.S. Galicia).

Amonestaron a Raúl, no minuto 28 e ao técnico Mikel Diestro, no minuto 30, polo Leis de Pontevedra.

Pavillón: Pavillón Municipal de Pontevedra.

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg