O Cidade de Narón volve con tres valiosos puntos de Xove

 Club Cidade de Narn 2020-2021

-Os pupilos de Javi Albes venceron por 3-6 ao equipo lucense, con goles de Buján (3), Iván (2) e Iago Otero (1)

 

Narón, 24 de xaneiro de 2021.- O Cidade de Narón recuperou a senda da vitoria tras superar por 3-6 ao S.D. Xove F.S. no encontro correspondente á décimo primeira xornada da Segunda División B da liga Nacional de Fútbol sala. O partido, disputado no Pavillón Municipal da localidade lucense, ofreceu numerosas ocasións de gol para os dous equipos, con moita alternancia de balón ao longo dos corenta minutos de xogo. Tres goles de Buján, dous de Iván e un de Iago Otero permitiron ao Cidade alzarse cunha merecida vitoria e traerse tres valiosos puntos para Narón.

O partido arrincaba cos dous equipos con defensas a media pista, pero mentres que o Xove tentaba presionar algo máis, ao Cidade custáballe iniciar as xogadas. Con todo, co paso dos minutos, os naroneses fóronse asentando e dispuxeron de varias ocasións claras de gol por medio de Diego, Brais e Buján. A resposta do Xove non se fixo esperar. Sergio Cora lanzaba o primeiro aviso estrelando un balón ao traveseiro tras un saque de esquina. E instantes despois chegaría o primeiro tanto dos locais tras un mal despexe dos naroneses que era aproveitado por Fran para poñer o 1-0 no marcador.

A partir dese momento comezaron as rotacións nos dous equipos e a alternancia na posesión do balón. Ata que nunha gran acción individual de Buján chegaba o empate ao marcador. Co 1-1 no luminoso do municipal de Xove, o Cidade colleu máis aire e nun balón ao pivot, Iván gañoulle a partida ao seu defensor para anotar o segundo tanto. O 1-3 chegaría pouco despois, tras un saque de falta que Iago Otero convertería cun tiro ao segundo pau.

Pero aínda habería tempo para máis antes do descanso do encontro. Cando o Cidade parecía ter controlado o partido, unha acción individual de Sergio Cora en banda, que lograba desfacerse do seu marcador, regatear ao porteiro e recortar dentro da área, poñía o 2-3.

A segunda metade iniciábase coa mesma tónica da primeira parte en canto aos dous equipos con defensas en media pista. O Xove tentouno nos primeiros minutos con accións individuais de Manu Jiménez e Sergio Cora, pero o Cidade, máis asentado no xogo, conseguía anotar por medio de Buján despois dunha acción en banda que o xogador naronés finalizou cun gran gol por arriba. Despois chegaría o tanto de Iván, tras un saque de esquina que Brais orientou ao segundo pau para que o 9 amarelo enviase ao fondo da rede.

Cos dous equipos cargados de faltas, o partido tomou un novo rumbo. O Xove recuperou máis balóns no seu peche, o que lle permitiu gañar superioridades e ter moitas máis finalizacións que o Cidade defendía ben. Ata que nunha falta lateral Sergio Cora conseguiu anotar, poñendo o 3-5. Tentouno o Xove nos últimos minutos do partido sacando porteiro-xogador pero un roubo de Buján a media pista permitiría aos de Javi Albes subir o sexto e definitivo tanto ao marcador.

Ao termo do partido, o técnico naronés recoñecía que “foi un encontro moi aberto, con moitísimas ocasións para os dous equipos que o Cidade soubo aproveitar mellor para poñerse por diante, administrar a vantaxe final e conseguir tres puntos merecidos”.

O próximo partido para os naroneses terá lugar o vindeiro sábado, 30 de xaneiro, a partir das 19 horas, no polideportivo da Gándara. Será contra o primeiro clasificado: o Ribeira FS.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Brais, Diego e Guille. Tamén xogaron Buján, Iago Q., Iván e Oli.

S.D. Xove F.S.: Javi Fajardo, Bruno, Manu Jimenez, Cora e Francisco García. Tamén xogaron Alejandro García, Bruno Blanco e Heurickson Gomes.

Goles: (1-0) Francisco; (1-1) Buján; (1-2) Iván; (1-3) Iago O; (2-3) Sergio Cora; (2-4) Buján; (2-5) Iván; (3-5) Sergio Cora; (3-6) Buján.

Árbitros: José Luis Hevia Campa e José Enrique Rodríguez Rendal (C.T.A.F.S. Asturias). Amonestaron con tarxeta amarela a Iago Q., no minuto 5 polo Cidade de Narón; a Gomes, no minuto 36, e a Manu Jiménez, no minuto 38, polo Xove.

Pavillón: Pavillón Municipal de Xove.

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg