Partido aprazado correspondente á Xornada 13
O Cidade de Narón soubo sufrir y leva os tres puntos en Ourense
- Os pupilos de Javi Albes fixéronse co triunfo grazas a un gol anotado por Guille no último minuto
Narón, 7 de marzo de 2021.- O Cidade de Narón xogou esta mañá o partido aprazado contra o Sala Ourense 2014 correspondente á décimo terceira xornada do calendario. Un encontro que se celebraba nun Municipal dos Remedios moi esvaradío no que resultaba complicado arrincar co balón. A pesar diso, os naroneses souberon xogar as súas bazas nun choque con moita intensidade e ritmo de xogo pola necesidade de ambos os equipos de puntuar. Un gol in extremis de Guille a falta de 15 segundos deu aos de Albes unha vitoria que os mantén no cuarto posto da clasificación.
O encontro arrincaba cun equipo local encargado de levar o peso do xogo mentres que o Cidade especulaba máis en media cancha debido ao condicionante do desgaste físico sufrido no día de onte tras o partido contra o Esteo. Así, mentres os de Narón mantiñan unha boa defensa a media cancha e recorrían a un xogo máis directo pero sen renunciar ao ataque, o que lles xerou varias ocasións claras de gol, os locais mostrábanse moito máis incisivos, con posesión de balón e triangulando ben para xogarse uns contra uns en banda a través de Alli, Edgar e Bermejo, e xerando moito perigo co pivot. Esta foi a tónica do primeiros vinte minutos, con oportunidades de ambos os equipos para anotar e boas actuacións dos porteiros que impediron que a primeira parte acabase cun gol.
Na segunda non mudou moito a dinámica de xogo. O Cidade continuaba cómodo con defensa a media pista, defendía ben os duelos individuais e buscaba saídas directas con pivot para incorporarse ao ataque. Isto levoulle a dispoñer de varias ocasións claras de gol ademais dun tiro ao pau. Pola súa banda, o Sala Ourense tamén dispoñía de boas oportunidades que tampouco conseguía finalizar con acerto.
E chegaron os cambios. A medida que transcorrían os minutos o Cidade decidía alternar o seu xogo con ataques de 5 para 4 co obxectivo de ter maior posesión de balón e desgastarse o menos posible para chegar vivo ao final do partido. Mentres, os do Sala reforzaron a súa procura de accións individuais en banda a través de Bermejo e de Arturo.
Ata que na recta final do encontro, o Sala Ourense decidiu apostar por porteiro-xogador. Unha estratexia que o Cidade defendeu moi ben e que lle reportou ata tres ocasiones para romper a igualdade do marcador. Ata que a falta de 15 segundos para que soase a bucina, un balón dividido facendo sala Ourense 5 para 4 saíu rebotado aos pés de Guille, que subiu pola banda e marcou a porta baleira o tanto da vitoria para os naroneses.
Ao rematar o partido Javi Albes destacaba o “bo encontro xogado polos dous equipos pero onde o Cidade xogou moi ben as súas bazas e conseguiu facerse cos tres puntos”.
Ficha técnica:
Sala Ourense 2014: Dani, Martín Otero, Alli, Arturo e Bermejo. Tamén xogaron Raúl Rivero, Martín Serantes, Gus, Igor, Hugo e Fernando.
Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Iago Quintas, Guille e Buján. Tamén xogaron Iván, Brais, Oli e Rubén.
Goles: (0-1) min. 39, Guille.
Árbitros: Manuel Dans Rey e Borja Moreira García (C.T.A.F.S. Gallego). Amonestaron con tarxeta amarela a Raúl, no minuto 12; a Arturo, no minuto 22; e a Martín Serantes, no minuto 39, polo Sala Ourense 2014. E a Iago Q, no minuto 31; a Buján, no minuto 33; e a Iago O, no minuto 36, polo Cidade de Narón.
Pavillón: Pavillón Municipal dos Remedios. A porta pechada.
(Fotos Sala Ourense)