O Cidade suma +3 na Gándara

 

DSC 0900

  • O equipo naronés xogou o seu partido máis completo dende que arrancou a liga dobregando a un Coruxo invicto ata hoxe
  • Diego Vázquez, con tres tantos; Jacobo, con dous; e Iván, con un, foron os encargados de anotar os goles da xornada
  • Narón, 10 de outubro de 2021.- O Cidade de Narón sumou esta xornada os tres primeiros puntos da temporada ante un IES Coruxo que chegaba á Gándara coa condición de invicto, logo de colleitar dúas vitorias e un empate. Os naroneses, que xogaron un partido moi completo tanto en defensa como en ataque, foron sempre por diante no marcador grazas aos tantos anotados por Diego Vázquez (3), Jacobo (2) e Iván. Ao final, 6-2 no luminoso naronés, un resultado que permite ao Cidade estrear o seu casilleiro de vitorias.

    Os primeiros vinte minutos de xogo resultaron moi activos, cun Cidade de Narón que aproveitou as súas primeiras ocasións para poñer distancia no marcador. Así, Jacobo era o encargado de anotar o primeiro tanto logo dunha xogada individual que arrancaba en medio campo e que remataba batendo ao porteiro visitante. Corría o minuto 9 e lonxe de baixar a garda, os amarelos mantiñan a presión e lograban anotar en menos dun minuto o segundo gol. Un tanto que saía das botas de Iván.

    Malia o resultado de 2-0 a favor dos locais, o Coruxo seguiu traballando para remontar o encontro, mentres que un Cidade moi concentrado no seu xogo apenas concedeu espazos aos de Lucas Fernández. E froito dese traballo chegaba o terceiro tanto naronés. E o encargado non era outro que Diego Vázquez, que no minuto 15 facía o 3-0 para os locais.

    O partido continuou con alternancia na posesión de balón, cun Narón que non cometía erros e dispoñía de numerosas oportunidades para incrementar a vantaxe e un Coruxo que contaba con varias ocasións de estratexia en transicións ofensivas. E, precisamente, nunha desas chegaba o primeiro tanto visitante, logo dunha falta ao borde do área que Alberto convertía dun forte disparo. Con ese resultado de 3-1 se chegaba ao descanso.

    A segunda parte non podía arrancar mellor para o Cidade cun gol tempraneiro aos 10 segundos de soar o asubío inicial logo dunha gran xogada que rematou Diego ao segundo pao. Era o cuarto tanto para o Cidade e o segundo na conta particular do 10 naronés.

    O Cidade decidía baixar entón a defensa a media pista e xestionar o encontro con tranquilidade e sen precipitacións. Mentres, o Coruxo buscaba ataques longos e situacións de un para un, xogando co pivot, unha estratexia que lles brindou algunha que outra ocasión. Sen embargo, foi o Cidade o que aumentou a brecha no marcador cun novo gol de Jacobo.

    A partir dese momento, o partido se volveu un ir e vir de ambos equipos ata que un dos poucos erros que cometeron os de Javi Albes propiciou o 5-2.

    E cando a penas quedaban cinco minutos para o remate do encontro, o adestrador visitante decidiu arriscar sacando porteiro-xogador. Un risco que propiciaba no minuto 38 o último e derradeiro gol dos naroneses logo dunha perda de balón do Coruxo que Diego Vázquez convertía dende a súa cancha. Con 6-2 no marcador se pechaba o partido e deixaba dous minutos finais cun bo traballo defensivo do Cidade e un Coruxo que o tentou ate o último segundo.

    Ao remate do partido, Javi Albes destacou a concentración e motivación do todos os seus xogadores “o que permitiu mostrar un gran nivel defensivo e deixarlle poucas ocasións ao Coruxo para anotar”.

    Ficha técnica:

    Cidade de Narón: Nice, Rober, Diego V, Brais e Rubén. Tamén xogaron Luis, Oly, Iván, Pablo e Jacobo.

    IES Coruxo FS: Antonio, Bruno, Pablo, Iago e Quique. Tamén xogaron Cristian, Rodrigo, Camilo, Alberto, Jorge, Alexis e Alejandro.

    Goles: (1-0) min. 9, Jacobo; (2-0) min 9, Iván; (3-0) min. 15, Diego V.; (3-1) min. 16, Alberto; (4-1) min. 21, Diego V.; (5-1) min. 31, Jacobo; (5-2) min. 33, Rodrigo; (6-2), min. 38, Diego V.

    Árbitros: José Enrique Rodríguez Rendal e Andrés Felipe Vanegas Betancur (C.T.A.F.S. Principado de Asturias).

    Pavillón: CMD A Gándara.

 

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg