Derrota amarga do Cidade contra o Unión Arroyo

DSC 0137

 

  • Os naroneses caeron no polideportivo Antonio Garnacho por 6-3 malia a comezar o encontro dominando o xogo e adiantándose no marcador
  • Rubén, con dous tantos e Brais cun gol, foron os encargados de anotar para o Cidade

Narón, 17 de outubro de 2021.- O Cidade de Narón caeu derrotado esta xornada no seu desprazamento a terras castelán-leonesas ante o Unión Arroyo. Un partido que os naroneses comezaban por diante no marcador pero que non foron quen de rematar. Tres puntos que se quedan en Arroyo de la Encomienda logo de que o resultado final no luminoso do Antonio Garnacho-La Flecha reflectise 6-3 a favor dos locais. Os encargados de anotar os tantos amarelos nesta ocasión foron Rubén, en dúas ocasión, e Brais.

 

Así as cousas, o Cidade comezaba o choque cunha estratexia ben definida, buscando as costas da defensa local e presionando en primeira liña. O Arroyo se atopaba cun Cidade en media pista que concedía poucas oportunidades para atacar con perigo. De feito, cando a penas se levaban dous minutos de xogo, Rubén adiantaba ao Cidade no marcador cun control de costas que finalizaba á perfección.

 

Os naroneses se sentían cómodos en pista pero nunha boa xogada dos de Unión Arroyo, que conseguen salvar a presión naronesa, chegaba o empate ao marcador. A partir dese momento o partido entrou nunha fase de control por parte dos locais, que disfrutaban de maior posesión de balón pero que a penas inquietaban a portería defendida por Niceto. De feito, neses intres o Cidade dispoñía de varias boas ocasións para adiantarse. Unha das máis claras chegaba logo dunha xogada combinativa entre Diego e Brais que Rober finalmente erraba ao segundo pao. Tamén o man a man de Diego contra o gardamallas local. O Arroyo tamén tería as súas, con varios disparos ao segundo pao que tampouco converteron.

 

Nun momento no que o partido estaba tan aberto, con ocasións para os dous equipos, un despexe en longo do porteiro local que collía por sorpresa a Niceto adiantaba ao Arroyo no marcador. Era o 2-1 para os locais e aínda sen tempo para repoñerse, o Cidade encaixaría o terceiro tanto, logo dun gran tiro exterior de Josué. Así se chegaba ao descanso.

 

O segundo tempo comezaba coa mesma dinámica: o Cidade agardando a media cancha e un Arroyo con maior posesión de balón pero sen profundidade. Pero nunha saída de balón con presión do equipo da casa, os naroneses perdían o balón e Diego Sanz anotaba o 4-1 logo dun gran tiro exterior á escuadra.

 

Sen tempo que perder e lonxe de baixar os brazos, os de Javi Albes subían liñas e metían intensidade ao xogo ate que chegaba o tanto naronés nas botas do capi do equipo: Brais era o encargado de anotar o 4-2 no minuto 22 e de meter novamente ao Cidade no partido. Pero os erros volveron a condenar aos naroneses unha vez máis e cando parecía que o 4-3 para o Narón estaba máis preto no marcador, chegaría o quinto tanto dos valisoletanos, logo de aproveitar un balón morto na área naronesa.

 

Cinco minutos despois do tanto local e cun Cidade metido no partido, chegaba o último e definitivo gol para os amarelos: o seu autor volvía a ser Rubén e servía para manter a tensión do choque, xa que o Narón volvía a dispoñer de máis posesións con ataques directos. Pero a sorte estaba de costas para os xogadores naroneses xa que cando máis preto estaban de anotar, chegaba o sexto tanto local logo dun erro defensivo no que Cristóbal marcaba a pracer.

 

Con 6-3 no luminoso do Antonio Garnacho, Albes decidía sacar porteiro-xogador xerando varias ocasións ao segundo pao que non se conseguiron materializar. Por iso, o adestrador naronés lamentaba ao remate do partido “as oportunidades erradas, cun Cidade que cedeu a posibilidade de sumar na casa do Arroyo logo de numerosos erros defensivos”.

 

Ficha técnica:

 

Unión Arroyo: Alvaro, Diego, Virgilio, Mario e Josué. Tamén xogaron Jaime, Daniel, David, Adrián, Javier e Cristóbal.

 

Cidade de Narón: Nice, Rober, Diego V, Brais e Rubén. Tamén xogaron Luis, Oly, Pablo e Jacobo.

 


Goles: (0-1) min. 2, Rubén; (1-1) min 3, Cristóbal; (2-1) min. 17, Mario Puertas; (3-1) min. 17, Josué; (4-1) min.22, Diego Sanz.; (4-2) min. 22, Brais; (5-2) min. 25, Adrián; (5-3), min. 30, Rubén; (6-3) min. 31, Cristóbal.

 

Árbitros: Freddy Alexander Molina Muños e Ricardo Prieto González (C.T.A.F.S. Castelán-Leonés).

 

Pavillón: PM Antonio Garnacho-La Flecha.


01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg