O Cidade de Narón non pode cun Guardo moi intenso e acertado no tiro

Guardo 1

-Os naroneses xogaron unha moi boa primeira parte pero varios desaxustes en defensa e a expulsión de Iván no minuto 33 condicionaron o resultado final de 7-4 a favor dos locais

 

-A próxima fin de semana, os de Javi Albes xogarán contra o Segosala no Pavillón fenés da Xunqueira

 

Narón, 28 de marzo de 2021.- O Cidade de Narón comezou esta fin de semana a súa andaina pola liguiña de ascenso á Segunda División do Fútbol sala Nacional na localidade palentina de Guardo, ante o primeiro clasificado do Subgrupo 1A, o Deporcyl. Un encontro intenso que finalizaba cun marcador de 7 tantos a 4 a favor dos locais, pero que puido ter un resultado ben diferente se os naroneses mantivesen o bo xogo do primeiros vinte minutos e non houbese tanta permisividade do dúo arbitral.

Guardo 2

O partido comezaba cun Cidade ben plantado en media pista e un Guardo que tentaba impoñer o seu xogo con accións individuais en banda que eran ben defendidas polo Cidade e polo seu porteiro Fer. O primeiro tanto saía das botas de Buján, que no minuto 7, nunha contra ben levada, batía ao gardameta local. Este primeiro gol dos de Javi Albes serviu para que os do Cidade se acomodasen na pista con ataques directos para eliminar o risco de perdas ante a presión alta do Guardo.

O empate chegou ao marcador do Municipal de Guardo dous minutos despois, tras un tiro exterior de Bedmar. Unha acción que deu novos bríos ao partido. Con todo, unha desafortunada acción de Fer marcando en propia porta tras un saque de esquina propiciou que os locais se puxesen por primeira vez por diante no marcador. Corría o minuto 10 e un minuto despois era Rubén o encargado de devolver o empate ao luminoso de Guardo.

E a falta de oito minutos para rematar a primeira parte, Juan conseguía anotar o 3-2 para os locais de tiro afastado. Tras esta xogada foise consumindo o tempo con ocasións para os dous equipos e con excelentes accións dos dous porteiros.

A segunda parte arrincaba como a primeira, cun Cidade ben plantado en media pista con accións a balón parado, xerando situacións de gol e xogando ás costas da presión alta de Gardo. Con todo, un rexeite en longo a favor do equipo local permitiu a Alberto poñer o 4-2 no marcador e romper un pouco o partido.

Os de Javi Albes adiantaron liñas para buscar unha presión un pouco máis alta e abrir o encontro, pero varios desaxustes en defensa que aproveitaron Juan primeiro e Alberto despois e a expulsión de Iván no minuto 33 acabaron por romper definitivamente o encontro. Xa en inferioridade, os amarelos encaixarían o sétimo tanto dos palentinos.

Así pois e con 7-2 no marcador, o Cidade decidiu arriscalo todo sacando porteiro-xogador. Unha elección que non só serviu para frear un pouco o ritmo do partido, senón que conseguiu xerar un par de ocasións, a primeira nas botas de Iago e a segunda tras unha boa combinación entre Guille e Buján. Seguiuno tentando o equipo naronés a pesar do adverso do marcador e dous roubos de balón ben definidos por Buján e Rubén no minuto 38 puxeron o 7-3 e 7-4 final.

Guardo 3

Ao termo do encontro, o técnico naronés felicitaba ao Deporcyl polos tres puntos e lamentaba os erros cometidos polo seu equipo en momentos puntuais do partido e “unha permisividade arbitral que permitiu ao Gardo acabar sen expulsións e xogar en inferioridade”.

A próxima fin de semana, o Cidade de Narón xogará contra o Segosala. Un partido que se celebrará o sábado 3 de abril, a partir das 18 horas, no Pavillón Municipal da Xunqueira (Fene) debido ao peche das instalacións naronesas con motivo da Semana Santa.

Ficha técnica:

Deporcyl Guardo: Alejandro, David, Alberto, Juan y Robledo. Tamén xogaron Brian, Rubén, Bedmar, Chochy, Mike e Abraham.

Cidade de Narón: Fer, Iago Otero, Brais, Guille e Rubén. Tamén xogaron Luis, Buján, Iván, Diego Vázquez, Iago Quintas e Oli.

Goles: (0-1) min. 7, Buján; (1-1) min. 9, Bedmar; (2-1) min. 10, Fer (PP); (2-2) min. 11, Rubén; (3-2) min. 12, Juan; (4-2) min. 23, Alberto; (5-2) min. 29, Juan; (6-2) min. 30, Robledo; (7-2) min. 35, Robledo; (7-3) min. 38, Rubén; (7-4) min. 38, Buján.

Árbitros: Casimiro Miguel Lucas e Juan Haedo Gago (C.T.A.F.S. Castellano-Leonés). Polo Cidade amonestaron con tarxeta amarela a Iago O., no minuto 30; e a Gumer, no minuto 33. E con tarxeta vermella, a Iván, no minuto 33. E no Deporcyl Guardo, a Robledo, no minuto 24; e a Alberto no minuto 30, con tarxeta amarela; e a Edu, con tarxeta vermella, no minuto 33.

Pavillón: Pavillón Municipal de Guardo.

 

O Cidade gaña o seu último partido en casa fronte ao Universidade de Valladolid


Cidade-Uva 2 WEb

    • Os naroneses venceron por 5-2 un encontro que serviu para render unha emotiva homenaxe a Cora Seoane, secretario do club falecido esta semana
    • Iván, Sergio Buján e o xuvenil Pablo Cotelo foron os encargados de anotar os tantos da xornada
    • O club naronés pechará a tempada como visitante fronte ao Unión Arroyo

 Narón, 16 de maio de 2021.- O Cidade de Narón venceu onte ao C.D. Universidade de Valladolid no encontro correspondente á sétima xornada da liguiña de ascenso á Segunda División do Fútbol sala Nacional. O partido, disputado no Polideportivo Municipal da Xunqueira, finalizou cun contundente 5-2. Unha vitoria que os xogadores naroneses quixeron brindar a Cora Seoane, secretario da entidade falecido o pasado martes. Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio na súa memoria e os integrantes do equipo naronés saltaron á pista portando unhas camisetas co seu nome.

 Tras a emotividade destes primeiros compases, o partido arrincaba cun Cidade moi enchufado e un UVA que saía coa intención de impedir aos de Javi Albes a suma de tres puntos cos que recortar distancias na táboa clasificatoria. De feito, mentres que os amarelos gozaban dunha maior posesión de balón e de máis confianza no seu xogo, aos pupilos de Enrique Molina custáballes ganduxar en ataque.

 O primeiro tanto dos locais chegaba no minuto 8, tras unha acción onde Iván recibía de pivot e, tras virarse, anotaba un gran tanto pola escuadra. O encontro poñíase de fronte para os de Javi Albes que continuaban gozando de maior dominio do xogo e xerando numerosas oportunidades en ataque. E nunha desas, chegaba o segundo gol do equipo de casa, tras un roubo de Buján que se plantaba só ante o porteiro visitante e definía moi ben ao segundo pau. Corría o minuto 9 de partido.

 O Cidade atopábase cómodo nese momento e empezaron as rotacións en ambos os equipos. Uns cambios que favoreceron que a escuadra valisoletana se despabilase e empezase a atopar o seu lugar na cancha. E no minuto 11, tras unha perda de Diego en primeira liña, Javi anotaba o primeiro tanto para os pucelanos recortando distancias no marcador.

 O Valladolid víase forte neste lance do encontro e tras unha gran saída de presión dos visitantes, xogaban o balón en longo e de primeiras tocaban ao segundo pau para que Raúl anotase o 2-2 no minuto 13 de partido.

 Os seguintes minutos foron de claro dominio visitante. Con todo, o Universidade de Valladolid topouse cun Fer Combarro inmenso baixo paus que desbarataba os seus ataques unha e outra vez, ben sacando un balón raso que ía envelenado ao pau curto, ou colocando unha man arriba despois un tiro exterior. E, quizais a ocasión máis clara da que dispuxo o UVA para poñerse por diante no marcador: un tiro de socato que Fer atallou ben ao chan. E con empate a dous tantos se chegaba ao descanso.  

Cidade-Uva 1-WEb

 

 A segunda parte empezou con maior igualdade no xogo, onde os dous equipos presionaban a saída de balón do rival e ambos gozaban de alternancia na posesión. Ata que chegou o terceiro tanto local. A igualdade no marcador desfacíase despois dunha gran saída de presión de Buján que por banda sorteaba ao seu marcador, superaba ao seguinte xogador que lle saía ao paso e, tras combinar con Diego, leste volvíalle o balón atrás para que o 5 naronés marcase a porta baleira.

O terceiro tanto que subía ao luminoso da Xunqueira outorgaba aos locais unha maior confianza no seu xogo, mentres que o UVA tentaba recortar novamente a distancia buscando ataques directos que lle permitisen dispoñer de maior posesión de balón. E vendo que esta estratexia non daba os froitos esperados, o técnico valisoletano decidiu apostar polo porteiro-xogador.

Cidade defendíase ben ante este novo escenario e o Universidade de Valladolid non atopaba fisuras no muro amarelo. Nesta situación de 5 para 4, un gran saque en longo de Nice, que substituíu a Fer Combarro na segunda parte, púxolle un balón ao xuvenil Pablo Cotelo que, tras un gran control, definía moi ben coa perna dereita e anotaba o cuarto tanto dos locais e o primeiro na súa marcadora na Segunda División B.

O último e definitivo gol do encontro volveu ser obra de Cotelo, que definía esta vez coa perna esquerda tras un roubo de balón de Buján.

Importante vitoria colleitada polo Cidade de Narón por 5-2 nesta xornada e despois dun gran traballo físico dos xogadores locais na segunda parte, onde UVA tentouno ata o final. O técnico local eloxiaba ao termo do partido o traballo realizado por todo o equipo para conseguir “tres puntos que fan xustiza ao traballo do Cidade nesta segunda fase do campionato, despois de 4 empates consecutivos e a falta dunha xornada para rematar o campionato”.

O Cidade de Narón pechará a tempada a última fin de semana de maio en casa do Unión Arroyo.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Iván, Diego Vázquez, Brais e Rubén. Tamén xogaron Diego Rey, Luís, Buján, Pablo Cotelo, Iago Q., Oly e Nice.

C.D. Universidade de Valladolid: David, Víctor, Javi, David Muñoz e David Rodríguez. Tamén xogaron Miguel, Iván, Raúl, Sergio García, Isaac, Sergio Callejo, Rubén e Álvaro.

Goles: (1-0) min. 8, Iván; (2-0) min.9, Buján; (2-1) min. 11, Javi; (2-2) min. 13, Raúl; (3-2) min. 33, Buján; (4-2) min. 39, Pablo Cotelo; (5-2) min. 39, Pablo Cotelo.

Árbitros: Álvaro Cueto Rodríguez e Gael García Schmid ( C. T.A. F.S. Principado de Asturias). Amoestaron ao xogador Raúl e ao técnico Enrique Molina, no minuto 34, polo C.D. Universidade de Valladolid.

Pavillón: Pavillón Municipal A Xunqueira (Fene).

Un Cidade infestado de baixas cae ante o Unión Arroyo

Union Arroyo 19 20 web

  • Os naroneses viaxaron en cadro tras as lesións de Buján, Iván e Nice na última semana
  • Diego Rey anotou o tanto da honra para os amarelos nos últimos compases dun encontro que finalizou cun marcador demasiado avultado para o xogo que se viu na cancha valisoletana

 

Narón, 30 de maio de 2021.- O Cidade de Narón afrontou na tarde de onte o último partido da tempada fronte ao C.D. Unión Arroyo. Un desprazamento que os naroneses realizaron en cadro tras as lesións de Sergio Buján, Iván e Nice nesta última semana de entrenos e que viñeron a sumar á de Iago Otero, que rompía no partido disputado contra o Deporcyl Guardo na quinta xornada da liguiña polo play off para o ascenso. O partido finalizaba cun avultado marcador de 9 -1 a favor dos locais. Un resultado que non fixo xustiza ao xogo que se puido ver no municipal Antonio Garnacho-La Flecha da localidade castelán-leonesa de Arroyo de la Encomienda.

O partido arrincaba cun Cidade que alternaba a defensa en media pista coa presión sobre o Unión Arroyo, un equipo local ao que lle pesou, nos primeiros compases de xogo, a responsabilidade de ter que gañar para poder meterse no play off. Con todo, co paso dos minutos, os pupilos de José Luis Sancristán foron subindo liñas e gañando en ataque ata que anotaron o primeiro tanto. Corría o minuto 7 e o encargado de poñer o 1-0 no marcador era Virgi, que recibía un bo balón ao pivot, superaba a primeira liña defensiva e finalizaba cun bo tiro ao segundo pau.

Non se amedrentou o Cidade a pesar de encaixar este primeiro tanto e momentos despois Iago Quintas dispuxo dunha boa oportunidade para poñer o empate no marcador que, lamentablemente, non soubo aproveitar. Como tampouco aproveitaría a súa Diego Rey a continuación, tras dispoñer dun 2 para 1 que, en lugar de finalizar, decidía xogar con Guille que non chegaba por pouco. Pola súa banda, Unión Arroyo gozaba de dúas boas ocasións que Fer Combarro desbaratou sacando dúas boas mans.

E nese toma e daca chegou o 2-0 para os locais, tras unha perda do Cidade en banda que Cristo finalizou á perfección tras cruzar o balón ante a saída do porteiro naronés.

A pesar diso, o equipo de Javi Albes seguiuno tentando e dispuxo dalgunha que outra ocasión clara que non conseguiu converter. E así se chegaba ao descanso, con 2-0 no luminoso e un Cidade que estaba a traballar ben a pesar de non obter os resultados desexados.

O inicio da segunda metade cambiou completamente o guion do encontro, xa que dúas perdas case consecutivas dos naroneses na zona de creación permitiron ao Unión Arroyo anotar dous tantos nos minutos 21 e 22 por medio de Cristo e Álvaro.

O 4-0 obrigou a Javi Albes a cambiar a formulación do encontro. Apostou o técnico naronés polo porteiro-xogador e conseguiu acougar un pouco o ritmo do partido e xerar algo de calma entre os seus xogadores, que empezaron a ganduxar novas xogadas con perigo.

E cando parecía que o Cidade recuperaba o seu sitio na cancha, chegaban dous novos tantos dos locais. O primeiro deles foi froito da agresividade de Unión Arroyo na defensa de 5 para 4, xa que un pase de Iago Quintas rebotaba nun xogador visitante e coábase directo en portería. E o segundo chegaba tras unha perda nun 2 para 1 que anotaba David Manrique a porta baleira.

A partir de entón, e con 6-0 no marcador, o Cidade decidiu alternar o porteiro-xogador e a defensa de presión para frear a sangría pero dous novos erros na estratexia de superioridade e un dobre penalti tras alcanzar a sexta falta condenaron ao Cidade a encaixar a derrota máis avultada da tempada. O gol da honra para os locais chegou case sobre a bucina e foi obra de Diego Rey.

Tras o encontro, o técnico naronés felicitou ao Unión Arroyo pola vitoria e polo pase aos play off polo ascenso á vez que destacou o traballo realizado polos seus xogadores nun partido “a priori” complicado polas baixas por lesión que presentou a escuadra naronesa e que lle impediron competir en igualdade de condicións.

Ficha técnica:

C.D. Unión Arroyo: Edgar, Dani, Álvaro, Virgi e Cristo. Tamén xogaron Bombe, David, Jaime, David Manrique, Adri, Diego, Javi e Jorge.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Diego Vázquez, Brais, Guille e Oly. Tamén xogaron Diego Rey, Luis, Iago Q. e Rubén.

Goles: (1-0) min. 7, Virgi; (2-0) min.11, Cristo; (3-0) min. 21, Cristo; (4-0) min. 22, Álvaro; (5-0) min. 10, Javi; (6-0) min. 25, David Manrique; (7-0) min. 29, Cristo; (8-0), min. 36, Virgi; (9-0) min. 37, Javi; (9-1) min. 39, Diego Rey.

Árbitros: Sergio Moreno de Santos e Rubén Miguel Velasco ( C.T.A. F.S. Castellano-Leonés).

Pavillón: Pavillón Municipal Antonio Garnacho-La Flecha (Arroyo de la Encomienda).

 

O Cidade de Narón, á fase de ascenso

Guille Brais Parrulo 8

- A pesar de caer derrotados no último encontro da primeira fase ante O Parrulo FS “B”, os de Javi Albes conseguiron clasificarse para a liguiña de ascenso á Segunda División

- Os naroneses coñecerán nos próximos días o calendario da segunda fase do campionato, que os levará a terras castelán-leonesas

 

Narón, 14 de marzo de 2021.- O Cidade de Narón disputou onte o último encontro da primeira fase do campionato ante O Parrulo FS “ B”. Un partido moi importante para as aspiracións de ambos os equipos ao estar en xogo a clasificación para a liguiña de ascenso. O choque finalizaba con vitoria da escuadra local por 3 tantos a 0 e cos dous equipos clasificados para a segunda fase, tras a vitoria nas Pontes do Esteo sobre A Estrada FS, o outro club que se xogaba con ferroláns e naroneses a terceira e cuarta praza polo ascenso.

Niceto Parrulo 4

Cos condicionantes da clasificación para a fase de promoción, o pavillón da Malata acollía nesta última xornada do calendario un partido moi intenso e igualado, no que houbo menos finalizacións que noutros derbys, pero que mantivo a tensión e a emoción ata o asubío final.

Arrincaban os primeiros 20 minutos de xogo cun Cidade ben plantado en media pista, mentres que O Parrulo facíao con defensa en ¾. Unha primeira parte na que ambos os equipos gozaron de boas oportunidades para adiantarse no marcador, como a que dispuxo Rubén tras plantarse ao bordo da área e que desbaratou Ángel con acerto. Con todo, nin ferroláns nin naroneses foron quen de romper coa igualdade e marchábanse ao descanso con empate a cero.

A segunda parte iniciábase coa mesma tónica ata que Naveira anotaba o primeiro tanto dos locais tras un saque de esquina que pasaba por baixo das pernas do home libre e entraba polo segundo pau. Un tanto que non sentaba nada ben aos amarelos, xa que un minuto máis tarde e tras unha perda de balón de Iago ao bordo da área, era aproveitada por Raúl para poñer o 2-0 no luminoso.

O partido poñíase entón moi costa arriba para os de Javi Albes, que tentaban recompoñerse e asentar de novo o seu xogo, cando recibían un novo xerro de auga fría en forma de gol. Corría o minuto 26 e era novamente Raúl o encargado de anotar.

Con 3-0 no marcador, e a falta de 13 minutos para o final, os de Narón solicitaron un tempo morto para reorganizarse. Saltaron a pista alternando o xogo de 5 co xogo posicional. Unha formulación que a punto estivo de dar os seus froitos xa que permitiu a Cidade gozar de varias ocasións claras de gol que se estrelaron na madeira e dunha nova oportunidade para Buján tras filtrar un balón no medio dos xogadores de O Parrulo que finalmente errou. E é que hoxe non era o día dos de Narón cara a porta.

Iago Parrulo 9

Pero os naroneses tiveron que facer fronte a outro revés máis ademais da pouca fortuna de fronte ao gol: a expulsión de Niceto no minuto 29 tras parar un balón coas mans fóra da área. Unha expulsión que obrigou aos do Cidade a xogar en inferioridade durante dous minutos da que souberon saír indemnes.

Ao termo do encontro Javi Albes mostraba a súa satisfacción tras lograr “un dos obxectivos iniciais a tempada: meterse no grupo de ascenso”. Nos próximos días, o Cidade de Narón coñecerá o calendario para xogar a segunda fase do campionato. Un liguiña polo ascenso que os levará a terras leonesas, segovianas e a Valladolid.

Ficha técnica:

O Parrulo FS “B”: Ángel, Naveira, Borja, Raúl e Costi. Tamén xogaron Noel, Diego López, Muri, Miguel Caeiro, Alberto e Chesky.

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Brais, Guille e Buján. Tamén xogaron Iván, Diego Vázquez, Oli e Fernando Combarro.

Goles: (1-0) min. 22, Naveira; (2-0) min. 23, Raúl; (3-0) min. 26, Raúl.

Árbitros: Pablo Coello Martínez e Miguel Sierra Márquez (C.T.A.F.S. Gallego). Polo Cidade amoestaron con tarxeta amarela a Rubén, no minuto 15; a Buján, no minuto 26; e a Iván, no minuto 39. E con tarxeta vermella, a Nice, no minuto 29. E no Parrulo FS “B”, amoestaron tamén con tarxeta amarela a Alberto, no minuto 30.

Pavillón: Pavillón Municipal da Malata.

Partido aprazado correspondente á Xornada 13

Cidade Ourense2

O Cidade de Narón soubo sufrir y leva os tres puntos en Ourense

 

- Os pupilos de Javi Albes fixéronse co triunfo grazas a un gol anotado por Guille no último minuto

 

Narón, 7 de marzo de 2021.- O Cidade de Narón xogou esta mañá o partido aprazado contra o Sala Ourense 2014 correspondente á décimo terceira xornada do calendario. Un encontro que se celebraba nun Municipal dos Remedios moi esvaradío no que resultaba complicado arrincar co balón. A pesar diso, os naroneses souberon xogar as súas bazas nun choque con moita intensidade e ritmo de xogo pola necesidade de ambos os equipos de puntuar. Un gol in extremis de Guille a falta de 15 segundos deu aos de Albes unha vitoria que os mantén no cuarto posto da clasificación.

O encontro arrincaba cun equipo local encargado de levar o peso do xogo mentres que o Cidade especulaba máis en media cancha debido ao condicionante do desgaste físico sufrido no día de onte tras o partido contra o Esteo. Así, mentres os de Narón mantiñan unha boa defensa a media cancha e recorrían a un xogo máis directo pero sen renunciar ao ataque, o que lles xerou varias ocasións claras de gol, os locais mostrábanse moito máis incisivos, con posesión de balón e triangulando ben para xogarse uns contra uns en banda a través de Alli, Edgar e Bermejo, e xerando moito perigo co pivot. Esta foi a tónica do primeiros vinte minutos, con oportunidades de ambos os equipos para anotar e boas actuacións dos porteiros que impediron que a primeira parte acabase cun gol.

Na segunda non mudou moito a dinámica de xogo. O Cidade continuaba cómodo con defensa a media pista, defendía ben os duelos individuais e buscaba saídas directas con pivot para incorporarse ao ataque. Isto levoulle a dispoñer de varias ocasións claras de gol ademais dun tiro ao pau. Pola súa banda, o Sala Ourense tamén dispoñía de boas oportunidades que tampouco conseguía finalizar con acerto.

E chegaron os cambios. A medida que transcorrían os minutos o Cidade decidía alternar o seu xogo con ataques de 5 para 4 co obxectivo de ter maior posesión de balón e desgastarse o menos posible para chegar vivo ao final do partido. Mentres, os do Sala reforzaron a súa procura de accións individuais en banda a través de Bermejo e de Arturo.

Cidade Ourense1

Ata que na recta final do encontro, o Sala Ourense decidiu apostar por porteiro-xogador. Unha estratexia que o Cidade defendeu moi ben e que lle reportou ata tres ocasiones para romper a igualdade do marcador. Ata que a falta de 15 segundos para que soase a bucina, un balón dividido facendo sala Ourense 5 para 4 saíu rebotado aos pés de Guille, que subiu pola banda e marcou a porta baleira o tanto da vitoria para os naroneses.

Ao rematar o partido Javi Albes destacaba o “bo encontro xogado polos dous equipos pero onde o Cidade xogou moi ben as súas bazas e conseguiu facerse cos tres puntos”.

Ficha técnica:

Sala Ourense 2014: Dani, Martín Otero, Alli, Arturo e Bermejo. Tamén xogaron Raúl Rivero, Martín Serantes, Gus, Igor, Hugo e Fernando.

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Iago Quintas, Guille e Buján. Tamén xogaron Iván, Brais, Oli e Rubén.

Goles: (0-1) min. 39, Guille.

Árbitros: Manuel Dans Rey e Borja Moreira García (C.T.A.F.S. Gallego). Amonestaron con tarxeta amarela a Raúl, no minuto 12; a Arturo, no minuto 22; e a Martín Serantes, no minuto 39, polo Sala Ourense 2014. E a Iago Q, no minuto 31; a Buján, no minuto 33; e a Iago O, no minuto 36, polo Cidade de Narón.

Pavillón: Pavillón Municipal dos Remedios. A porta pechada.

 

(Fotos Sala Ourense)

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg