Primeiro destino:Mieres

O Cidade de Narón volve ás canchas

Post J1 web

  • O equipo naronés agarda sumar os tres primeiros puntos da campaña ante o Rácing Mieres A, recén ascendido á Segunda División B  
  • Narón, 18 de setembro de 2021.- O Cidade de Narón viaxará na xornada de hoxe a terras asturianas para disputar o primeiro partido da tempada 21-22. O Polideportivo Mieres Sur acollerá o encontro entre o Rácing Mieres A e o equipo que dirixe Javi Albes. Un partido que comezará ás cinco da tarde e para o que o adestrador naronés desprazará a12 xogadores. Causan baixa para este choque Guille, que resultaba mancado nun pé durante o encontro amistoso de pretempada ante o Xove FS, e Luis por decisión técnica.

    Así as cousas, os naronese viaxan co firme propósito de sumar os tres primeiros puntos da tempada ante un equipo asturiano inédito nesta categoría. Para iso, Albes poderá contar co mesmo bloque do ano pasado agás Iago Quintas e Sergio Buján, que abandonaban a disciplina amarela. Pola contra, o equipo naronés conta con tres reforzos importantes para facer fronte á actual tempada: os xogadores Rober e Jacobo, que volven á casa; e o ex -xuvenil Pablo Cotelo, que afronta o seu estreo co primeiro equipo logo de pasar por todas as categorías inferiores do Cidade.

    Coincidindo co arranque ligueiro, o Cidade de Narón quere lembrar a todos os abonados que poden renovar os seus carnets nas oficinas do club, os martes e xoves, de 19 a 21 horas, así como os días de partido en casa.

 

 

Arrancamos!

Brais Leis

 

  • O primeiro equipo do Cidade de Narón inicia este luns a pretempada nas instalacións do Pavillón Campo da Serra
  • Javi Albes disporá de 13 xogadores para esta campaña, logo das baixas de Iago Quintas e Sergio Buján e as incorporacións do xuvenil Pablo Cotelo, Bertito e Rober, que volve a casa
  • O Cidade de Narón arrancará este luns a pretempada no Pavillón Municipal Campo da Serra. Ás oito do serán está convocado o plantel do equipo naronés que baixo a batuta de Javier Albes volverá a loitar polo liderado do Grupo I da Segunda División B do Fútbol Sala Nacional.

    O técnico naronés contará para esta campaña con 13 xogadores, un equipo que mantén a estructura do ano pasado pero ao que hai que sumar a incorporación do xuvenil Pablo Cotelo, a volta á competición de Bertito e o regreso á casa de Rober, logo da súa estadía en terras castelán-leonesas. Ao tempo, Jaime Díaz incoporase ao cadro técnico. Causan baixa na escuadra amarela Iago Quintas e Sergio Buján, aos que o club lles desexa moita sorte nos seus novos destinos. Non entanto arranca a liga, o adestrador naronés non descarta novas incorporacións.

    O Cidade de Narón iniciará a competición fóra da casa o vindeiro 18 de setembro, contra o recén ascendido Mieres.

 

Un Cidade infestado de baixas cae ante o Unión Arroyo

Union Arroyo 19 20 web

  • Os naroneses viaxaron en cadro tras as lesións de Buján, Iván e Nice na última semana
  • Diego Rey anotou o tanto da honra para os amarelos nos últimos compases dun encontro que finalizou cun marcador demasiado avultado para o xogo que se viu na cancha valisoletana

 

Narón, 30 de maio de 2021.- O Cidade de Narón afrontou na tarde de onte o último partido da tempada fronte ao C.D. Unión Arroyo. Un desprazamento que os naroneses realizaron en cadro tras as lesións de Sergio Buján, Iván e Nice nesta última semana de entrenos e que viñeron a sumar á de Iago Otero, que rompía no partido disputado contra o Deporcyl Guardo na quinta xornada da liguiña polo play off para o ascenso. O partido finalizaba cun avultado marcador de 9 -1 a favor dos locais. Un resultado que non fixo xustiza ao xogo que se puido ver no municipal Antonio Garnacho-La Flecha da localidade castelán-leonesa de Arroyo de la Encomienda.

O partido arrincaba cun Cidade que alternaba a defensa en media pista coa presión sobre o Unión Arroyo, un equipo local ao que lle pesou, nos primeiros compases de xogo, a responsabilidade de ter que gañar para poder meterse no play off. Con todo, co paso dos minutos, os pupilos de José Luis Sancristán foron subindo liñas e gañando en ataque ata que anotaron o primeiro tanto. Corría o minuto 7 e o encargado de poñer o 1-0 no marcador era Virgi, que recibía un bo balón ao pivot, superaba a primeira liña defensiva e finalizaba cun bo tiro ao segundo pau.

Non se amedrentou o Cidade a pesar de encaixar este primeiro tanto e momentos despois Iago Quintas dispuxo dunha boa oportunidade para poñer o empate no marcador que, lamentablemente, non soubo aproveitar. Como tampouco aproveitaría a súa Diego Rey a continuación, tras dispoñer dun 2 para 1 que, en lugar de finalizar, decidía xogar con Guille que non chegaba por pouco. Pola súa banda, Unión Arroyo gozaba de dúas boas ocasións que Fer Combarro desbaratou sacando dúas boas mans.

E nese toma e daca chegou o 2-0 para os locais, tras unha perda do Cidade en banda que Cristo finalizou á perfección tras cruzar o balón ante a saída do porteiro naronés.

A pesar diso, o equipo de Javi Albes seguiuno tentando e dispuxo dalgunha que outra ocasión clara que non conseguiu converter. E así se chegaba ao descanso, con 2-0 no luminoso e un Cidade que estaba a traballar ben a pesar de non obter os resultados desexados.

O inicio da segunda metade cambiou completamente o guion do encontro, xa que dúas perdas case consecutivas dos naroneses na zona de creación permitiron ao Unión Arroyo anotar dous tantos nos minutos 21 e 22 por medio de Cristo e Álvaro.

O 4-0 obrigou a Javi Albes a cambiar a formulación do encontro. Apostou o técnico naronés polo porteiro-xogador e conseguiu acougar un pouco o ritmo do partido e xerar algo de calma entre os seus xogadores, que empezaron a ganduxar novas xogadas con perigo.

E cando parecía que o Cidade recuperaba o seu sitio na cancha, chegaban dous novos tantos dos locais. O primeiro deles foi froito da agresividade de Unión Arroyo na defensa de 5 para 4, xa que un pase de Iago Quintas rebotaba nun xogador visitante e coábase directo en portería. E o segundo chegaba tras unha perda nun 2 para 1 que anotaba David Manrique a porta baleira.

A partir de entón, e con 6-0 no marcador, o Cidade decidiu alternar o porteiro-xogador e a defensa de presión para frear a sangría pero dous novos erros na estratexia de superioridade e un dobre penalti tras alcanzar a sexta falta condenaron ao Cidade a encaixar a derrota máis avultada da tempada. O gol da honra para os locais chegou case sobre a bucina e foi obra de Diego Rey.

Tras o encontro, o técnico naronés felicitou ao Unión Arroyo pola vitoria e polo pase aos play off polo ascenso á vez que destacou o traballo realizado polos seus xogadores nun partido “a priori” complicado polas baixas por lesión que presentou a escuadra naronesa e que lle impediron competir en igualdade de condicións.

Ficha técnica:

C.D. Unión Arroyo: Edgar, Dani, Álvaro, Virgi e Cristo. Tamén xogaron Bombe, David, Jaime, David Manrique, Adri, Diego, Javi e Jorge.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Diego Vázquez, Brais, Guille e Oly. Tamén xogaron Diego Rey, Luis, Iago Q. e Rubén.

Goles: (1-0) min. 7, Virgi; (2-0) min.11, Cristo; (3-0) min. 21, Cristo; (4-0) min. 22, Álvaro; (5-0) min. 10, Javi; (6-0) min. 25, David Manrique; (7-0) min. 29, Cristo; (8-0), min. 36, Virgi; (9-0) min. 37, Javi; (9-1) min. 39, Diego Rey.

Árbitros: Sergio Moreno de Santos e Rubén Miguel Velasco ( C.T.A. F.S. Castellano-Leonés).

Pavillón: Pavillón Municipal Antonio Garnacho-La Flecha (Arroyo de la Encomienda).

 

 

O Cidade gaña o seu último partido en casa fronte ao Universidade de Valladolid


Cidade-Uva 2 WEb

    • Os naroneses venceron por 5-2 un encontro que serviu para render unha emotiva homenaxe a Cora Seoane, secretario do club falecido esta semana
    • Iván, Sergio Buján e o xuvenil Pablo Cotelo foron os encargados de anotar os tantos da xornada
    • O club naronés pechará a tempada como visitante fronte ao Unión Arroyo

 Narón, 16 de maio de 2021.- O Cidade de Narón venceu onte ao C.D. Universidade de Valladolid no encontro correspondente á sétima xornada da liguiña de ascenso á Segunda División do Fútbol sala Nacional. O partido, disputado no Polideportivo Municipal da Xunqueira, finalizou cun contundente 5-2. Unha vitoria que os xogadores naroneses quixeron brindar a Cora Seoane, secretario da entidade falecido o pasado martes. Nos prolegómenos do encontro gardouse un minuto de silencio na súa memoria e os integrantes do equipo naronés saltaron á pista portando unhas camisetas co seu nome.

 Tras a emotividade destes primeiros compases, o partido arrincaba cun Cidade moi enchufado e un UVA que saía coa intención de impedir aos de Javi Albes a suma de tres puntos cos que recortar distancias na táboa clasificatoria. De feito, mentres que os amarelos gozaban dunha maior posesión de balón e de máis confianza no seu xogo, aos pupilos de Enrique Molina custáballes ganduxar en ataque.

 O primeiro tanto dos locais chegaba no minuto 8, tras unha acción onde Iván recibía de pivot e, tras virarse, anotaba un gran tanto pola escuadra. O encontro poñíase de fronte para os de Javi Albes que continuaban gozando de maior dominio do xogo e xerando numerosas oportunidades en ataque. E nunha desas, chegaba o segundo gol do equipo de casa, tras un roubo de Buján que se plantaba só ante o porteiro visitante e definía moi ben ao segundo pau. Corría o minuto 9 de partido.

 O Cidade atopábase cómodo nese momento e empezaron as rotacións en ambos os equipos. Uns cambios que favoreceron que a escuadra valisoletana se despabilase e empezase a atopar o seu lugar na cancha. E no minuto 11, tras unha perda de Diego en primeira liña, Javi anotaba o primeiro tanto para os pucelanos recortando distancias no marcador.

 O Valladolid víase forte neste lance do encontro e tras unha gran saída de presión dos visitantes, xogaban o balón en longo e de primeiras tocaban ao segundo pau para que Raúl anotase o 2-2 no minuto 13 de partido.

 Os seguintes minutos foron de claro dominio visitante. Con todo, o Universidade de Valladolid topouse cun Fer Combarro inmenso baixo paus que desbarataba os seus ataques unha e outra vez, ben sacando un balón raso que ía envelenado ao pau curto, ou colocando unha man arriba despois un tiro exterior. E, quizais a ocasión máis clara da que dispuxo o UVA para poñerse por diante no marcador: un tiro de socato que Fer atallou ben ao chan. E con empate a dous tantos se chegaba ao descanso.  

Cidade-Uva 1-WEb

 

 A segunda parte empezou con maior igualdade no xogo, onde os dous equipos presionaban a saída de balón do rival e ambos gozaban de alternancia na posesión. Ata que chegou o terceiro tanto local. A igualdade no marcador desfacíase despois dunha gran saída de presión de Buján que por banda sorteaba ao seu marcador, superaba ao seguinte xogador que lle saía ao paso e, tras combinar con Diego, leste volvíalle o balón atrás para que o 5 naronés marcase a porta baleira.

O terceiro tanto que subía ao luminoso da Xunqueira outorgaba aos locais unha maior confianza no seu xogo, mentres que o UVA tentaba recortar novamente a distancia buscando ataques directos que lle permitisen dispoñer de maior posesión de balón. E vendo que esta estratexia non daba os froitos esperados, o técnico valisoletano decidiu apostar polo porteiro-xogador.

Cidade defendíase ben ante este novo escenario e o Universidade de Valladolid non atopaba fisuras no muro amarelo. Nesta situación de 5 para 4, un gran saque en longo de Nice, que substituíu a Fer Combarro na segunda parte, púxolle un balón ao xuvenil Pablo Cotelo que, tras un gran control, definía moi ben coa perna dereita e anotaba o cuarto tanto dos locais e o primeiro na súa marcadora na Segunda División B.

O último e definitivo gol do encontro volveu ser obra de Cotelo, que definía esta vez coa perna esquerda tras un roubo de balón de Buján.

Importante vitoria colleitada polo Cidade de Narón por 5-2 nesta xornada e despois dun gran traballo físico dos xogadores locais na segunda parte, onde UVA tentouno ata o final. O técnico local eloxiaba ao termo do partido o traballo realizado por todo o equipo para conseguir “tres puntos que fan xustiza ao traballo do Cidade nesta segunda fase do campionato, despois de 4 empates consecutivos e a falta dunha xornada para rematar o campionato”.

O Cidade de Narón pechará a tempada a última fin de semana de maio en casa do Unión Arroyo.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Iván, Diego Vázquez, Brais e Rubén. Tamén xogaron Diego Rey, Luís, Buján, Pablo Cotelo, Iago Q., Oly e Nice.

C.D. Universidade de Valladolid: David, Víctor, Javi, David Muñoz e David Rodríguez. Tamén xogaron Miguel, Iván, Raúl, Sergio García, Isaac, Sergio Callejo, Rubén e Álvaro.

Goles: (1-0) min. 8, Iván; (2-0) min.9, Buján; (2-1) min. 11, Javi; (2-2) min. 13, Raúl; (3-2) min. 33, Buján; (4-2) min. 39, Pablo Cotelo; (5-2) min. 39, Pablo Cotelo.

Árbitros: Álvaro Cueto Rodríguez e Gael García Schmid ( C. T.A. F.S. Principado de Asturias). Amoestaron ao xogador Raúl e ao técnico Enrique Molina, no minuto 34, polo C.D. Universidade de Valladolid.

Pavillón: Pavillón Municipal A Xunqueira (Fene).

O Cidade de Narón non pode cun Guardo moi intenso e acertado no tiro

Guardo 1

-Os naroneses xogaron unha moi boa primeira parte pero varios desaxustes en defensa e a expulsión de Iván no minuto 33 condicionaron o resultado final de 7-4 a favor dos locais

 

-A próxima fin de semana, os de Javi Albes xogarán contra o Segosala no Pavillón fenés da Xunqueira

 

Narón, 28 de marzo de 2021.- O Cidade de Narón comezou esta fin de semana a súa andaina pola liguiña de ascenso á Segunda División do Fútbol sala Nacional na localidade palentina de Guardo, ante o primeiro clasificado do Subgrupo 1A, o Deporcyl. Un encontro intenso que finalizaba cun marcador de 7 tantos a 4 a favor dos locais, pero que puido ter un resultado ben diferente se os naroneses mantivesen o bo xogo do primeiros vinte minutos e non houbese tanta permisividade do dúo arbitral.

Guardo 2

O partido comezaba cun Cidade ben plantado en media pista e un Guardo que tentaba impoñer o seu xogo con accións individuais en banda que eran ben defendidas polo Cidade e polo seu porteiro Fer. O primeiro tanto saía das botas de Buján, que no minuto 7, nunha contra ben levada, batía ao gardameta local. Este primeiro gol dos de Javi Albes serviu para que os do Cidade se acomodasen na pista con ataques directos para eliminar o risco de perdas ante a presión alta do Guardo.

O empate chegou ao marcador do Municipal de Guardo dous minutos despois, tras un tiro exterior de Bedmar. Unha acción que deu novos bríos ao partido. Con todo, unha desafortunada acción de Fer marcando en propia porta tras un saque de esquina propiciou que os locais se puxesen por primeira vez por diante no marcador. Corría o minuto 10 e un minuto despois era Rubén o encargado de devolver o empate ao luminoso de Guardo.

E a falta de oito minutos para rematar a primeira parte, Juan conseguía anotar o 3-2 para os locais de tiro afastado. Tras esta xogada foise consumindo o tempo con ocasións para os dous equipos e con excelentes accións dos dous porteiros.

A segunda parte arrincaba como a primeira, cun Cidade ben plantado en media pista con accións a balón parado, xerando situacións de gol e xogando ás costas da presión alta de Gardo. Con todo, un rexeite en longo a favor do equipo local permitiu a Alberto poñer o 4-2 no marcador e romper un pouco o partido.

Os de Javi Albes adiantaron liñas para buscar unha presión un pouco máis alta e abrir o encontro, pero varios desaxustes en defensa que aproveitaron Juan primeiro e Alberto despois e a expulsión de Iván no minuto 33 acabaron por romper definitivamente o encontro. Xa en inferioridade, os amarelos encaixarían o sétimo tanto dos palentinos.

Así pois e con 7-2 no marcador, o Cidade decidiu arriscalo todo sacando porteiro-xogador. Unha elección que non só serviu para frear un pouco o ritmo do partido, senón que conseguiu xerar un par de ocasións, a primeira nas botas de Iago e a segunda tras unha boa combinación entre Guille e Buján. Seguiuno tentando o equipo naronés a pesar do adverso do marcador e dous roubos de balón ben definidos por Buján e Rubén no minuto 38 puxeron o 7-3 e 7-4 final.

Guardo 3

Ao termo do encontro, o técnico naronés felicitaba ao Deporcyl polos tres puntos e lamentaba os erros cometidos polo seu equipo en momentos puntuais do partido e “unha permisividade arbitral que permitiu ao Gardo acabar sen expulsións e xogar en inferioridade”.

A próxima fin de semana, o Cidade de Narón xogará contra o Segosala. Un partido que se celebrará o sábado 3 de abril, a partir das 18 horas, no Pavillón Municipal da Xunqueira (Fene) debido ao peche das instalacións naronesas con motivo da Semana Santa.

Ficha técnica:

Deporcyl Guardo: Alejandro, David, Alberto, Juan y Robledo. Tamén xogaron Brian, Rubén, Bedmar, Chochy, Mike e Abraham.

Cidade de Narón: Fer, Iago Otero, Brais, Guille e Rubén. Tamén xogaron Luis, Buján, Iván, Diego Vázquez, Iago Quintas e Oli.

Goles: (0-1) min. 7, Buján; (1-1) min. 9, Bedmar; (2-1) min. 10, Fer (PP); (2-2) min. 11, Rubén; (3-2) min. 12, Juan; (4-2) min. 23, Alberto; (5-2) min. 29, Juan; (6-2) min. 30, Robledo; (7-2) min. 35, Robledo; (7-3) min. 38, Rubén; (7-4) min. 38, Buján.

Árbitros: Casimiro Miguel Lucas e Juan Haedo Gago (C.T.A.F.S. Castellano-Leonés). Polo Cidade amonestaron con tarxeta amarela a Iago O., no minuto 30; e a Gumer, no minuto 33. E con tarxeta vermella, a Iván, no minuto 33. E no Deporcyl Guardo, a Robledo, no minuto 24; e a Alberto no minuto 30, con tarxeta amarela; e a Edu, con tarxeta vermella, no minuto 33.

Pavillón: Pavillón Municipal de Guardo.

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg