O Cidade de Narón cae ante O Parrulo B 

Gol-cidade-parrulo

-Diego foi o encargado de anotar os tres tantos do equipo local no encontro desta tarde, que rematou cun marcador de 3-5  

 

Narón, 9 de xaneiro de 2021.- O polideportivo da Gándara acolleu esta tarde o último encontro da primeira volta do Cidade de Narón esta tempada 20-21. Facíao ante O Parrulo Ferrol FS “ B” e por primeira vez con público nas bancadas do complexo naronés, baleiras ata a data por causa da pandemia. O partido que disputaron ferroláns e naroneses remataría cun marcador de 3 goles a 5 a favor dos visitantes, nun encontro que tivo unha primeira parte máis igualada, onde ao Cidade custoulle meterse no partido, e unha segunda parte marcada polos dez primeiros minutos de xogo, nos que os locais sufrirían un baixón que os ferroláns aproveitaron para abrir unha brecha no marcador. Ao final, vitoria para os pupilos de Iván López e hat- trick para o xogador local Diego Vázquez, que foi o autor dos tres tantos do Cidade de Narón esta tarde.

diego-c-p

Así pois, a primeira parte arrincaba cun Cidade esperando a media cancha e un Parrulo xogando de catro e buscando accións individuais en banda. Isto provocaba que os de Javi Albes tivesen menos posesión de balón e lles custase máis saír da presión que exercían os ferroláns. Con todo, dous roubos en media cancha propiciarían as dúas primeiras oportunidades claras dos locais: un tiro ao pau de Buján e unha acción de Brais que non lograba culminar con éxito e que impedían aos naroneses poñerse por diante no marcador.

Brais2-c-p

Minutos despois chegaría o primeiro tanto de O Parrulo, obra de Alberto, quen batería a Niceto tras unha xogada en media cancha. Corría o minuto 8 de xogo e a reacción dos amarelos non se facía esperar, xa que un minuto máis tarde Buján sería o encargado de meter un balón ao segundo pau que finalizaba Diego Vázquez á perfección. O segundo tanto anotado polos visitantes chegaría tras unha perda de balón nunha saída do Cidade, nunha máis que dubidosa falta ao capitán naronés, que favorecía unha superioridade ante o porteiro local e finalizaba en tanto de Raúl.

Co 1-2 no luminoso da Gándara, o partido entrou nunha fase máis tranquila de xogo, cun Cidade que xogaba máis con pivot e consiguía ter moita máis profundidade. E así se chegaba ao descanso.

A segunda parte se iniciaba cun Cidade que gañaba profundidade no ataque, que conectaba máis co pivot e que conseguía xerar perigo en varias accións en córner e en banda. Pero a medida que foron pasando os minutos, O Parrulo se foi atopando máis cómodo na cancha á vez que ía xerando máis espazos. Tanto foi así que tras dúas accións de superioridade nas que se plantou diante da portería de Niceto conseguía unha renda de dous goles no marcador. O tempo morto solicitado por Javi Albes freou o ritmo frenético do partido pero non impediu que nunha xogada illada O Parrulo anotase o quinto tanto do encontro.

A partir dese momento, os naroneses sacaron porteiro-xogador, cambiando o ritmo do partido e anotando dous goles máis, obra do goleador da xornada, Diego Vázquez. Brais tería posteriormente unha ocasión clarísima baixo paus que non materializou. E, a falta de dous minutos chegaría a xogada polémica do encontro cun penalti claro por man dentro da área, que os árbitros, con todo, non sinalaron. O último minuto e medio do partido foi de claro dominio dos naroneses que acusaron o bajón dos dez primeiros minutos da segunda parte e non conseguiron remontar a contenda.

Ao termo do encontro, o técnico local felicitaba a O Parrulo Ferrol FS “ B” pola súa vitoria. “Fixeron máis méritos para porta que o Cidade - manifestaba Javi Albes - que a mediados da segunda parte atopouse cun marcador adverso e perdeu un pouco a intensidade coa que viña xogando”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Rubén, Guille e Buján. Tamén xogaron Iván, Diego, Brais e Oli.

O Parrulo Ferrol FS “B”: Regueira, Diego López, Noel, Borja e Alex Naveira. Tamén xogaron Raúl, Domingos, Muriel, Yago, Alberto e Marcos.

Goles: (0-1) min 8, Alberto; (1-1) min. 9, Diego; (1-2) min. 12, Raúl; (1-3) min. 25, Raúl; (1-4) min. 28,Yago; (1-5) min. 30, Noel; (2-5) min. 33, Diego; (3-5) min. 37, Diego.

Árbitros: Manuel Dans Rey e Borja Moreira Bermúdez (C.T.A.F.S. Galicia). Amonestaron con tarxeta amarela a Buján, no minuto 4; a Guille, no minuto 31; a Iván, no minuto 32; a Iago Q, no minuto 28; a Brais, no minuto 39 e ao delegado Oscar López, no minuto 15, polo Cidade de Narón; a Raúl, no minuto 27; a Padín, no minuto 29; a Domingos, no minuto 30; a Alberto, no minuto 35 e a Diego Díaz, no minuto 13 e Iván López, no minuto 28, ambos do corpo técnico, polo Parrulo Ferrol FS “B”.

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara. Ante un centenar de afeccionados.

O PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A FINAL DA "XXIX COPA GALICIA MASCULINA DE FÚTBOL SALA"
Presentacin Copa
O evento, que se retransmitirá en directo pola canle da TVG-2, presentouse esta mañá no Concello naronés
Narón, 4 de xaneiro de 2021. O pavillón polideportivo municipal da Gándara acollerá este sábado, día 9 -ás 17.00 horas- a final da “XXIX Copa Galicia masculina de fútbol sala”. Así o anunciou o alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, que presentou o evento acompañado polo concelleiro de Deportes, José Oreona, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; a presidenta do Club Cidade de Narón, Almudena Fariña, e o presidente do Club Narón O Freixo, Rafael Pazos, colaboradores neste evento. O Club Deportivo Burela Pescados Rubén e o Noia Portus Apostoli Fútbol Sala disputarán a final nun evento que se retransmitirá en directo pola TVG-2 e que terá un aforo limitado.
Presentacin Copa Galicia
Sáchez Fojo recalcou que para o Concello de Narón “é un orgullo poder celebrar esta final na Gándara” e agradeceu o esforzo do Cidade de Narón e do Narón o Freixo para poder desenvolver esta convocatoria na cidade.
O presidente da RFGF agradeceu tamén o labor dos dous equipos locais implicados neste evento e destacou que este ano disputarán a copa “dous equipos de referencia e cunha gran traxectoria”, recordando ao respecto que o Burela Pescados Rubén acadou a Copa da Raíña Feminina en Málaga hai tan só uns días e o traballo que leva realizando nos últimos anos o Noia Portus Apostoli. Louzán agradeceu que “todo fosen facilidades, non só agora, senón sempre, para que dende o Concello unha vez máis e nestes momentos tan complicados puidésemos organizar este evento” e amosou a súa confianza en que resulte “todo un éxito” e en poder continuar programando máis eventos co Consistorio naronés.
Copa Praza Galicia
En canto ao aforo está previsto para unhas duascentas persoas, mantendo as separacións oportunas marcadas pola actual situación sanitaria, con controis de temperatura no acceso e recollida de datos persoais no momento de acceder ao recinto.
Na convocatoria, que rematou cunha entrega dun agasallo institucional, estiveron tamén presentes o vicepresidente e o delegado en Ferrolterra da RFGF, Pablo Prieto e Abraham Yáñez, respectivamente, unha xogadora e dous xogadores vestidos coa equipación dos dous partidos que disputarán a final do sábado e da Comisión de árbitros de fútbol sala.
As entradas poden reservarse previamente dende hoxe a través do correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. , facilitando a maiores do número das que se desexan, un nome, apelidos, número de DNI e teléfono de contacto e tamén se poderán adquirir na billeteira do Pavillón polideportivo da Gándara o propio día do partido, no caso de que non se completase previamente o aforo. O prezo é de 5 euros para os menores de 14 anos e de 10 euros para os adultos.

O Cidade de Narón despide o ano cunha importante vitoria ante o Leis

Brais Leis

- Os naroneses trouxéronse tres valiosos puntos de Pontevedra con goles de Iván e Diego na primeira parte e un tanto en propia porta dos pontevedreses a piques de cumprirse o tempo de xogo

Narón, 19 de decembro de 2020.- O Cidade de Narón sumou esta tarde tres puntos máis na súa conta tras impoñerse ao Leis de Pontevedra no encontro aprazado correspondente á primeira xornada da Segunda División B- Subgrupo 1 B- da liga Nacional de Fútbol sala. Os naroneses conseguiron remontar o encontro ata en dúas ocasións para impoñerse finalmente por 2 goles a 3, con tantos de Iván e Diego na primeira parte, e de Fabio en propia porta na segunda. O equipo que dirixe Javier Albes volverá á competición o próximo 9 de xaneiro contra O Parrulo B.

Guille 3 Leis

O encontro comezaba cun Cidade a media pista e un Leis que decidía levar a iniciativa. Co paso dos minutos íase igualando a posesión de balón e tamén as ocasións. Leis, cunha defensa moi intensa, foise cargando de faltas ata chegar ao ecuador da primeira parte con 5 faltas e perigo de dobre penalti. Con todo, cando mellor estaba a xogar o Cidade chegaba o primeiro gol dos pontevedreses, nun balón que Cley pegaba desde 10 metros e batía a Niceto.

O tanto do equipo local non fixo baixar os brazos aos pupilos de Javier Albes, que seguiron xerando ocasións ata que nun dobre penalti que Iván mandou ao traveseiro o Leis decidía atrasar a súa defensa. Cun Cidade que levaba o peso do encontro chegaría o empate, obra do “9” naronés, quen tras un roubo de balón en media pista e tras encarar ao porteiro, batíao coa esquerda para poñer o 1-1 no marcador.

A partir de entón, o Cidade asentou o seu xogo, mentres que o Leis mostrábase máis conservador polas faltas acumuladas. O segundo gol do Cidade sería obra de Diego ao converter un dobre penalti. Con 1-2 no luminoso do Municipal de Pontevedra chegaríase ao descanso.

A segunda parte arrincaba cos pontevedreses moito máis enchufados e desenvolvendo un bo xogo de pivot grazas ao traballo de Cley. Sería precisamente nunha desas xogadas nas que chegaría o empate do Leis, tras un tiro á escuadra do pivot local.

A partir dese momento, o partido entraba nunha fase de maior especulación. Os naroneses xeraban máis ocasións á contra e o Leis xogaba máis intenso na presión á saída do balón. Ata que ambos os equipos se cargaron con cinco faltas.

Con este escenario, era o equipo de Pontevedra o que dispoñía da primeira ocasión para desfacer a igualdade do marcador, cun dobre penalti que non materializaba. E a falta de pouco máis dun minuto para finalizar o encontro chegaría o desempate tras un bo roubo de Guille en media pista. O xogador do Cidade plantábase só diante do porteiro e a pesar de marrar a xogada, o rebote favorecía de novo aos naroneses que, a través de Buján, volvían meter o balón ao área pontevedresa e, nunha xogada desafortunada, Fabio anotaba en propia porta.

Gol Leis

Tentouno o Leis con porteiro xogador no último minuto de xogo pero o Cidade defendeuse á perfección arrincando tres puntos dunha cancha sempre difícil como é a do Leis de Pontevedra.

Tras o encontro, o técnico naronés destacou o “bo partido desenvolvido polo Cidade, cun xogo moi serio e competido”. “Traémonos tres puntos de Pontevedra – engadía Javier Albes - que nos sitúan na zona media alta da clasificación antes de iniciar o parón do Nadal”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Diego, Brais e Guille. Tamén xogaron Buján, Iván e Rubén.

Leis Pontevedra: Simón, Cley, Nico, Sugar e Álvaro. Tamén xogaron Lolo, Raúl, Gabriel, Fabio, Quique, Toño e Saúl.

Goles: (1-0) min 10, Cley; (1-1) min. 14, Iván; (1-2) min. 15, Diego; (2-2) min. 22, Cley; (2-3) PP min. 38, Fabio.

Árbitros: Pablo Coello Martínez e Andrés Pinilla Boullosa (C.T.A.F.S. Galicia).

Amonestaron a Raúl, no minuto 28 e ao técnico Mikel Diestro, no minuto 30, polo Leis de Pontevedra.

Pavillón: Pavillón Municipal de Pontevedra.

O Cidade de Narón cae pola mínima nas Pontes

-Brais foi o autor do único gol anotado polos naroneses no encontro correspondente á oitava xornada da Segunda División B da Liga Nacional

Brais Esteo

Narón, 12 de decembro de 2020.- Partido moi intenso o disputado esta tarde no Pavillón Municipal das Pontes entre O Esteo FS e o Cidade de Narón. O encontro, correspondente á oitava xornada da Segunda División B da liga Nacional de Fútbol sala, tivo dúas partes ben diferentes: os primeiros 20 minutos de xogo de claro dominio local e unha segunda parte onde o equipo de Javier Albes dominou claramente o xogo. Ao final, 2-1 a favor de O Esteo FS nun encontro no que Brais foi o encargado de anotar o único gol dos naroneses esta tarde.

 

A primeira parte arrincaba cun Esteo máis acertado en ataque e que levaba o peso do xogo, aproveitando mellor os roubos e as superioridades, mentres que o Cidade entraba aos poucos no partido, tentando adaptarse á pista de goma do pavillón pontés.

O primeiro gol non chegou ata o minuto 17 tras un saque de banda onde o balón chegaba a Cokito en zona de pivot e que, tras realizar un bo movemento cara á dereita, enviaba o balón ao fondo da rede. Con 1-0 no marcador, o equipo local metíase en cinco faltas, o que lle obrigaba a atrasar o súa defensa. Esta circunstancia era aproveitada polos amarelos para xerar un maior número de ocasións que, con todo, non lograban ter unha finalización clara. Así se chegaría ao descanso.

Diego Esteo

Tras a continuación do encontro, o partido mudou a súa faciana, cun Cidade cunha maior posesión de balón e un equipo local que arrincaba cunha defensa de ¾ para tentar dificultar o avance do Cidade. Precisamente cando os pupilos de Javier Albes estaban a xerar unha maior profundidade, con máis xogo de pivot e maior finalización, chegaba o segundo gol dos locais tras un saque de falta esquinada que conseguían meter dentro da área e Jhony remataba batendo a Niceto.

Corría o minuto 24 cando o 2-0 subía ao marcador do municipal das Pontes. Un tanto que servía para espolear o xogo do Cidade, que comezou a imprimir maior intensidade ao seu xogo, xerando máis ocasións e meténdolle maior ritmo ao partido. Isto obrigou ao Esteo a atrasar a súa posición a media pista e foi aproveitado polos naroneses para poñer o 2-1 no marcador tras unha xogada de falta que Brais convertía en gol e coa que se acurtaban as distancias.

Guille ESteo

A partir dese momento, o Cidade decidiu presionar e a O Esteo non lle quedou outra que xogar á contra. Así foron transcorrendo os minutos ata que os ponteses alcanzaron a quinta falta. O Cidade decidiu entón ir a polo partido sacando porteiro xogador, pero sen conseguir os resultados esperados.

Ao finalizar o encontro, o técnico Javier Albes destacou “a intensidade de xogo que imprimiron os dous equipos nos 40 minutos de partido e onde Esteo sacou un maior rendemento ao marcador curto que se deu esta tarde”.

 

A próxima fin de semana o Cidade de Narón desprazarase ata Pontevedra para xogar contra o Leis o encontro aprazado correspondente á primeira xornada da liga.

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Diego, Brais e Iván. Tamén xogaron Guille, Buján e Rubén.

O Esteo FS: Javichu, Jacobo, Héctor, Rubén e Troncho. Tamén xogaron Coquito, Aitor, Alberto e Jhony.

 

Goles: (1-0) min 17, Cokito; (2-0) min. 24, Jhony; (2-1) min. 28, Brais

 

Árbitros: Iván Feliz Otero e Jorge Otero Mira (C.T.A. Galego). Amonestaron a Troncho, no minuto 13 e a Javichu, no minuto 31, por O Esteo FS.

 

Pavillón: Pavillón Municipal das Pontes.

O Cidade de Narón suma tres valiosos puntos ante o Ventorrillo
DSC 0410-min
 Oli en dúas ocasións, xunto con Diego, Iago Otero e Brais foron os encargados de anotar os goles dun encontro que rematou cun marcador de 5 tantos a 3
 
Narón, 5 de decembro de 2020.- Importante vitoria a colleitada na tarde de onte polo Cidade de Narón ante o Distrito Ventorrillo. O equipo que dirixe Javier Albes impúxose ao equipo coruñés por 5 tantos a 3 nun partido moi disputado que non se decidiu ata os últimos minutos. Os encargados de anotar na tarde de onte foron Oli en dúas ocasións, Diego Vázquez, Iago Otero e Brais.
 
 
O partido comezaba con intensidade e co primeiro revés para os de casa no primeiro minuto de xogo, xa que unha perda a media cancha do Cidade propiciou unha contra do Ventorrillo cun tres para un que acabou cun penalti de Niceto sobre Vituco que el mesmo transformou para poñer o 0-1 no marcador. Con todo, este gol temperán, lonxe de desequilibrar o xogo do conxunto naronés, serviu para que o Cidade se mantivese con calma e firme no seu xogo, mentres que o Ventorrillo carecía de profundidade e de pouca posesión de balón. Con este escenario, a escuadra naronesa xerou un bo número de ocasións de gol, a máis clara delas, un tiro ao pau de Iago Quintas. Iso, ata que Oli, nunha xogada colectiva a pase de Iván, conseguía o empate no marcador no minuto 9 de partido.
DSC 0469-min
A partir deste intre, o Cidade fíxose claro dominador do xogo con varias ocasións para poñerse por diante no marcador. Pola súa banda, o Ventorrillo decidía cambiar un pouco a dinámica de xogo, aproveitando a saída a cancha de Buxia para incidir no xogo de pivot. Isto permitiulles poder gozar dunha maior posesión de balón e obrigar ao Cidade a empregarse algo máis en defensa. Con empate a un no marcador chegábase ao descanso do partido.
No segundo tempo, o Ventorrillo decidiu poñer en práctica a defensa de tres cuartos, o que provocou unha maior xeración de espazos na pista e que Diego aproveitase esta circunstancia no minuto 22 para poñer o 2 a 1 no luminoso da Gándara.
 
A partir deste intre, o partido entrou nunha dinámica de maior igualdade, cun contrario que se estiraba máis e creaba máis problemas na saída de balón ao Cidade. E dentro desta situación chegaba o empate a dous, obra de Vituco no minuto 27.
Coa igualdade no marcador, o Ventorrillo empezou a xerar máis ocasións, apertando con máis perigo, ata que unha gran xogada individual de Vituco poñía por diante no marcador ao equipo coruñés. Isto sucedía no ecuador da segunda parte, cun Cidade que, lonxe de descompoñerse, mantiña a calma, alternando xogadas co pivot e o xogo de catro. A cinco minutos do final chegou o empate, cun balón que se xogou ao espazo e Oli empuxou coa esquerda ao fondo da rede.
DSC 0315 2-min
E un minuto despois chegaría o 4 a 3, tras unha gran xogada colectiva do conxunto naronés que Iago Otero rematou ao segundo pau. O último gol do encontro produciuse a falta de dous minutos e medio para a súa finalización, tras unha xogada individual de Brais que, tras irse por banda, finalizaba coa punteira.
Ao termo do partido, o técnico naronés recoñecía o esforzo dos seus xogadores para remontar o encontro e levar os tres puntos “grazas ao bo traballo colectivo desenvolvido”.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Diego, Brais e Iván. Tamén xogaron Guille, Iago Q, Rubén e Oli.
Distrito Ventorrillo: Oscar, Alex, Vituco, Guillán e Andrés. Tamén xogaron Berto, Buxía, Kevin e Toca.
Goles: (0-1) min 1, Vituco; (1-1) min. 9, Oli; (2-1) min. 22, Diego; (2-2) min. 27, Vituco; (2-3) min. 29, Vituco; (3-3) min. 34, Oli; (4-3) min. 35, Iago Otero; (5-3) min. 37, Brais.
 
Árbitros: Roberto Amor Vizoso e Mario Salinas García (C.T.A.F.S. Galicia). Amonestaron a Niceto, no minuto 1 e a Rubén, no minuto 34, polo Cidade de Narón; a Jandro, no minuto 22; a Vituco, no minuto 33; e a Guillán, no minuto 38, polo Distrito Ventorrillo.
 
Pavillón: Polideportivo Municipal de A Gándara. A porta pechada.
01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg