Reparto de puntos no derby entre o Cidade de Narón e O Esteo FS

Cidade Esteo1

- Aos naroneses escapáronselles dous puntos importantes ante o líder provisional do grupo, con goles de Iván, Buján e Iago Otero

 

Narón, 6 de marzo de 2021.- O Cidade de Narón deixou escapar esta xornada a posibilidade de sumar tres novos puntos ao seu casilleiro particular ao empatar ante o líder provisional do Subgrupo 1 B, O Esteo FS. O partido, disputado no Complexo Deportivo da Gándara ante un centenar de espectadores, finalizaba con igualdade a tres no marcador pese a que os méritos para facerse coa victoria correron a cargo dos xogadores locais. Os tantos dos naroneses foron obra de Iván, Buján e Iago Otero.

A penúltima xornada desta primeira fase tiña para os naroneses un condicionante especial: o desprazamento que os de Javi Albes terán que realizar mañá para xogar ante o Sala Ourense 2014 o partido aprazado correspondente á décimo terceira xornada do calendario. Así pois, o primeiros vinte minutos de encontro caracterizáronse por un Esteo que non arriscaba o máis mínimo e un Cidade que dispoñía de numerosas ocasións para inaugurar o marcador pero que se reservaba cunha defensa a media pista que rompía en contadas ocasións para subir a presión.

A igualdade mantívose ata o minuto 5, no que Troncho, nunha acción individual que xoga co pivot, consegue anotar o 0-1 para os visitantes. O Cidade seguía sen atoparse cómodo co xogo que despregaban os ponteses, cun ritmo pousado e defensa en media pista. Ata que os naroneses empezaron a enlazar xogadas e a xerar ocasións máis claras, como o roubo en primeira liña de Iago, que se marchou ao traveseiro e un tiro afastado de Iván. Ata que tras un saque de estratexia de córner, Iván, dun forte disparo exterior batía a Javichu e poñía o 1-1 no marcador. Corría o minuto 11 e con este resultado chegábase ao descanso.

 

Na segunda parte o Cidade seguiu alternando a defensa en media pista coa presión, expoñéndose un pouco máis, mentres que os de As Pontes xogaban un partido máis á contra, buscando situacións para gañar as costas aos xogadores do Cidade. Pero unha falta pegada á banda lanzada por Buján no minuto 24, desfacía o empate do luminoso da Gándara poñendo por diante aos locais.

Pese ao tanto dos de Narón, O Esteo decidiu continuar co mesmo ritmo de xogo e nunha acción a media pista, dous minutos despois do tanto dos locais, un disparo exterior de Jacobo que non conseguiu atallar Niceto poñía o empate a dous.

O Cidade atopábase cómodo defendendo en media pista na segunda parte e os ponteses tentábano en accións individuais en banda e en xogadas de estratexia. Ata que Iago Otero nunha acción individual facía o 3-2 poñendo ao equipo local por diante. Minutos despois serían Buján e Rubén os que dispoñerían de senllas ocasións para aumentar a distancia no marcador, que non conseguiron materializar.

E a falta de seis minutos para o final do encontro, O Esteo apostou por sacar porteiro-xogador. As primeiras accións dos visitantes xeraron bastante perigo desde tiro exterior e obrigaron a Javi Albes a pedir un tempo morto para reordenar a defensa de 5 para 4. Os froitos desa reorganización chegarían instantes despois das botas do 9 naronés, que con todo marraría a porta baleira. Tamén Buján dispoñería dunha ocasión para sentenciar o encontro, sen acerto. Pola súa banda, Jonhy contou cunha oportunidade clara que desbaratou Niceto. E cando faltaban apenas 30 segundos para o termo do encontro, Héctor conseguía saltar a presión do 5 para 4 do Cidade e tras amagar cun pase ao segundo pau, batía a Niceto polo pau curto. Un xerro de auga fría para os xogadores de Javi Albes que vían como se lles escapaban finalmente os tres puntos.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Brais, Iván e Guille. Tamén xogaron Iago Q., Buján, Oli y Rubén.

O Esteo FS: Javichu, Jacobo, Héctor, Bruno e Johny. Tamén xogaron Aitor, Alberto, Cokito e Troncho.

Goles: (0-1) min. 5, Troncho; (1-1) min. 11, Iván; (2-1) min. 24, Buján; (2-2) min. 26, Jacobo; (3-2) min. 34, Iago Otero; (3-3) min. 39, Héctor

Árbitros: Gael García Schmid e Jose Enrique Rodríguez Rendal (C.T.A.F.S. Príncipado de Asturias). Amonestaron con tarxeta amarela a Brais, no minuto 7, polo Cidade de Narón; e a Héctor, no minuto 28 e Javichu, no minuto 34, por O Esteo FS.

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara. Ante un centenar de aficionados.) min. 34, Iago Otero; (3-3) min. 39, Héctor.

Brais foi o encargado de anotar o tanto dos naroneses na Estrada

Descanso Estrada

O Cidade de Narón suma un punto que sabe a pouco

- Os xogadores de Javi Albes realizaron unha excelente primeira parte pero non foron quen de sentenciar un encontro marcado polo mal estado da cancha de xogo

Narón, 13 de febreiro de 2021.- O Cidade de Narón arrincou esta tarde un empate na sempre complicada cancha da Estrada Futsal. Un punto que sabe a pouco tras o bo partido que realizaron os de Javi Albes na súa volta á competición tras o parón das últimas dúas semanas. Brais foi o autor do único gol dos naroneses nun partido complicado de xogar polo esvaradía que estaba a pista de xogo.

Calentamiento Estrada

Os naroneses enfrontábanse esta xornada a un rival intenso na súa casa e que chegaba coa moral moi alta tras impoñerse a semana pasada ao líder provisional da táboa, o Ribeira FS. Así, a primeira parte arrincaba cos pontevedreses con defensa en media pista, buscando accións de contra que non tardarían en chegar pero que non conseguían inquietar ao porteiro naronés. Pola súa banda, o Cidade de Narón, moi asentado en pista e con moita posesión de balón, gozaba de múltiples opcións de finalización que tampouco conseguían materializar. Así se chegaría o descanso, con empate a cero no marcador.

A segunda parte foi moito máis aberta, xa que o Cidade cedía a posesión do balón e A Estrada traballaba en presión, xerando máis xogadas co pivot. A pesar diso, os naroneses apenas cederon terreo e o gol dos locais chegaría tras un erro en media cancha que Jorge Bello finalizaba á perfección. Corría o primeiro minuto de xogo pero a resposta dos naroneses non se faría esperar. Lonxe de condicionar o xogo dos pupilos de Javi Albes, estes seguiron traballando ata que no minuto 24 Brais anotaba o tanto do empate nunha excelente acción individual que, tras atacar o balón e ocupar o medio da pista en 10 metros, finalizaba cun impresionante tiro á escuadra.

O Cidade continuou dominando o xogo ata a recta final do partido, onde as alternativas sucedéronse para uns e outros por mor das numerosas perdas de balón e das grandes

actuacións que realizaron os porteiros de ambos os equipos. Con todo, as dúas últimas ocasións para desfacer o empate sairían das botas dos naroneses: primeiro, a cargo de Iván, que sacaba o porteiro pontevedrés Míguez cos pés; e xa faltando uns segundos, de Iago, que se plantaba diante do porteiro moi esquinado e non conseguía batelo.

O técnico local Javi Albes manifestaba ao termo do encontro a súa satisfacción tras o “bo partido” realizado polos seus pupilos esta xornada e lamentaba “que non conseguísemos traernos os tres puntos despois de realizar unha das mellores primeiras partes da tempada”.

A próxima semana o Cidade de Narón xogará o encontro aprazado o pasado 30 de xaneiro correspondente á xornada 12 e que o enfrontará ao Ribeira FS. Será o vindeiro sábado, 20 de febreiro, a partir das 12 horas, no Polideportivo da Gándara.

Ficha técnica:

A Estrada Futsal: Yago Balsa, Pablo Lozano, Martín, Jorge y Pablo Martínez. Tamén xogaron Alexandre, Marcos, Míguez, Juan Caínzos, Manu González e Julio Rodríguez.

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Brais, Diego e Guille. Tamén xogaron Buján, Iago Q., Iván e Rubén.

Goles: (1-0) min. 21, Jorge; (1-1) min. 24, Brais.

Árbitros: Borja Darriba Villamor e Francisco Javier Roldán Pérez (C.T.A.F.S. Gallego). Amonestaron con tarxeta amarela a Pablo Lozano, no minuto 11; a Julio Rodríguez, no minuto 18; a Marcos, no minuto 25 e a Francisco Varela, no minuto 38, por A Estrada Futsal. Tamén a Guille, no minuto 9; a Nice, no minuto 18; a Diego, no minuto 37; e a Iván, no minuto 39, polo Cidade de Narón.

Pavillón: Pavillón Municipal Coto Ferreiro. A porta pechada.

O Cidade de Narón volve con tres valiosos puntos de Xove

 Club Cidade de Narn 2020-2021

-Os pupilos de Javi Albes venceron por 3-6 ao equipo lucense, con goles de Buján (3), Iván (2) e Iago Otero (1)

 

Narón, 24 de xaneiro de 2021.- O Cidade de Narón recuperou a senda da vitoria tras superar por 3-6 ao S.D. Xove F.S. no encontro correspondente á décimo primeira xornada da Segunda División B da liga Nacional de Fútbol sala. O partido, disputado no Pavillón Municipal da localidade lucense, ofreceu numerosas ocasións de gol para os dous equipos, con moita alternancia de balón ao longo dos corenta minutos de xogo. Tres goles de Buján, dous de Iván e un de Iago Otero permitiron ao Cidade alzarse cunha merecida vitoria e traerse tres valiosos puntos para Narón.

O partido arrincaba cos dous equipos con defensas a media pista, pero mentres que o Xove tentaba presionar algo máis, ao Cidade custáballe iniciar as xogadas. Con todo, co paso dos minutos, os naroneses fóronse asentando e dispuxeron de varias ocasións claras de gol por medio de Diego, Brais e Buján. A resposta do Xove non se fixo esperar. Sergio Cora lanzaba o primeiro aviso estrelando un balón ao traveseiro tras un saque de esquina. E instantes despois chegaría o primeiro tanto dos locais tras un mal despexe dos naroneses que era aproveitado por Fran para poñer o 1-0 no marcador.

A partir dese momento comezaron as rotacións nos dous equipos e a alternancia na posesión do balón. Ata que nunha gran acción individual de Buján chegaba o empate ao marcador. Co 1-1 no luminoso do municipal de Xove, o Cidade colleu máis aire e nun balón ao pivot, Iván gañoulle a partida ao seu defensor para anotar o segundo tanto. O 1-3 chegaría pouco despois, tras un saque de falta que Iago Otero convertería cun tiro ao segundo pau.

Pero aínda habería tempo para máis antes do descanso do encontro. Cando o Cidade parecía ter controlado o partido, unha acción individual de Sergio Cora en banda, que lograba desfacerse do seu marcador, regatear ao porteiro e recortar dentro da área, poñía o 2-3.

A segunda metade iniciábase coa mesma tónica da primeira parte en canto aos dous equipos con defensas en media pista. O Xove tentouno nos primeiros minutos con accións individuais de Manu Jiménez e Sergio Cora, pero o Cidade, máis asentado no xogo, conseguía anotar por medio de Buján despois dunha acción en banda que o xogador naronés finalizou cun gran gol por arriba. Despois chegaría o tanto de Iván, tras un saque de esquina que Brais orientou ao segundo pau para que o 9 amarelo enviase ao fondo da rede.

Cos dous equipos cargados de faltas, o partido tomou un novo rumbo. O Xove recuperou máis balóns no seu peche, o que lle permitiu gañar superioridades e ter moitas máis finalizacións que o Cidade defendía ben. Ata que nunha falta lateral Sergio Cora conseguiu anotar, poñendo o 3-5. Tentouno o Xove nos últimos minutos do partido sacando porteiro-xogador pero un roubo de Buján a media pista permitiría aos de Javi Albes subir o sexto e definitivo tanto ao marcador.

Ao termo do partido, o técnico naronés recoñecía que “foi un encontro moi aberto, con moitísimas ocasións para os dous equipos que o Cidade soubo aproveitar mellor para poñerse por diante, administrar a vantaxe final e conseguir tres puntos merecidos”.

O próximo partido para os naroneses terá lugar o vindeiro sábado, 30 de xaneiro, a partir das 19 horas, no polideportivo da Gándara. Será contra o primeiro clasificado: o Ribeira FS.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Brais, Diego e Guille. Tamén xogaron Buján, Iago Q., Iván e Oli.

S.D. Xove F.S.: Javi Fajardo, Bruno, Manu Jimenez, Cora e Francisco García. Tamén xogaron Alejandro García, Bruno Blanco e Heurickson Gomes.

Goles: (1-0) Francisco; (1-1) Buján; (1-2) Iván; (1-3) Iago O; (2-3) Sergio Cora; (2-4) Buján; (2-5) Iván; (3-5) Sergio Cora; (3-6) Buján.

Árbitros: José Luis Hevia Campa e José Enrique Rodríguez Rendal (C.T.A.F.S. Asturias). Amonestaron con tarxeta amarela a Iago Q., no minuto 5 polo Cidade de Narón; a Gomes, no minuto 36, e a Manu Jiménez, no minuto 38, polo Xove.

Pavillón: Pavillón Municipal de Xove.

O Cidade de Narón vaise sen carga no seu encontro ante o Leis de Pontevedra

Guille Deputacion

- Os naroneses, que perderon por 1-2 no encontro disputado onte na Gándara, desprazaranse a próxima fin de semana a terras lucenses para enfrontarse ao Xove

 

Narón, 17 de xaneiro de 2021.- O pavillón polideportivo da Gándara acolleu onte o primeiro partido da segunda volta da Segunda División B da Liga Nacional de Fútbol sala, que enfrontaba ao Cidade de Narón contra o Leis de Pontevedra. O encontro, que arrincou con 20 minutos de atraso, mantivo a emoción ata o último segundo, cun Cidade que o tentou con porteiro xogador pero que non tivo a sorte de fronte. Ao final, 1-2 no luminoso da Gándara con gol de Iago Otero no minuto 28 de partido.

A primeira parte arrincaba cun Leis presionando arriba que dificultaba a saída de balón dos pupilos de Javi Albes. Ao Cidade custáballe gañar profundidade pero os de Pontevedra tampouco gozaban de ocasións claras. Ata que nunha saída de balón, os naroneses perderon o control da pelota que aproveitou Cley para bater a Niceto. Corría o minuto 15 e poñía o 0-1 no marcador.

Ortegal Leis

Lonxe de baixar os brazos, os amarelos seguiron traballando, conseguindo máis accións con Iván no pivot, gañando máis profundidade en ataque e xerando máis ocasións. Os últimos minutos da primeira parte estiveron condicionados polas faltas, xa que tanto o Cidade como o Leis sumaron a quinta. Pero mentres que o Cidade decidía xogar a media pista, o Leis subía a defensa con ataques curtos que non xeraban perigo algún.

A segunda parte empezou cun Cidade que decidiu levar a iniciativa do xogo, a través dunha maior posesión de balón e algo máis de profundidade en ataque. Pola súa banda os de Pontevedra xestionaban a vantaxe no marcador traballando con presión. Nesta fase do encontro sucedéronse varias ocasións para mover o marcador sen acerto por parte de ningún dos dous equipos, ata que chegou o empate dos locais no minuto 28, nunha xogada con saque de Niceto a Buján, que Iago non perdoou.

Auman Leis

Con 1-1 no marcador, os de Javi Albes continuaron levando o peso do xogo, mentres que os do equipo do Lérez tentaban aproveitar as ocasións de superioridade ao contraataque. Chegou entón a oportunidade para que os do Leis se adiantasen novamente no marcador tras un rigoroso penalti sinalado polo equipo arbitral que, con todo, estes enviaron ao pau. O Cidade dispoñería despois de varias ocasións para empatar o partido tras varios roubos de balón de Iván e Brais que desafortunadamente non acabaron dentro da portería rival. Pero no minuto 31, nunha xogada de saque de porteiro que conecta con Kley, chegaría o segundo gol do equipo pontevedrés.

A partir dese momento, o partido entrou nun pasarrúas con sucesión de oportunidades para os dous equipos. O Leis alcanzaba as cinco faltas e o Cidade marraba dúas ocasións claras de gol, nas botas de Iago primeiro e Rubén despois. O adestrador naronés decidía botar toda a carne no asador e sacaba 5 para 4. Unha superioridade que permitiu xerar outras dúas novas oportunidades para a escuadra amarela que non se conseguiron materializar.

Tras o encontro, o adestrador do Cidade de Narón destacaba “a igualdade no xogo do encontro desta tarde”. A próxima semana, o Cidade de Narón desprazarase ata terras lucenses para enfrontarse ao Xove FS. Un encontro que terá lugar o domingo 24 de xaneiro, a partir das 11:45 horas.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Rubén, Brais e Buján. Tamén xogaron Guille, Iago Q., Iván, Diego, Combarro e Oli.

Leis Pontevedra: Alvaro, Quique, Nico, Sugar e Saúl. Tamén xogaron Simón, Raúl, Fabio, Toño, Valverde e Cley.

Goles: (0-1) min 15, Cley; (1-1) min. 28, Iago O; (1-2) min. 31, Cley.

Árbitros: Eduardo Corral Martínez e Daniel López López (C.T.A.F.S. Galicia). Amonestaron con tarxeta amarela a Niceto, no minuto 25; a Iago O. e Diego, no minuto 36; a Iván, no minuto 38; a Guille, no minuto 39; e ao delegado Óscar López, no minuto 36, polo Cidade de Narón; a Cley, no minuto 26, polo Leis Pontevedra.

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara. Ante medio cento de afeccionados.

O Cidade de Narón cae ante O Parrulo B 

Gol-cidade-parrulo

-Diego foi o encargado de anotar os tres tantos do equipo local no encontro desta tarde, que rematou cun marcador de 3-5  

 

Narón, 9 de xaneiro de 2021.- O polideportivo da Gándara acolleu esta tarde o último encontro da primeira volta do Cidade de Narón esta tempada 20-21. Facíao ante O Parrulo Ferrol FS “ B” e por primeira vez con público nas bancadas do complexo naronés, baleiras ata a data por causa da pandemia. O partido que disputaron ferroláns e naroneses remataría cun marcador de 3 goles a 5 a favor dos visitantes, nun encontro que tivo unha primeira parte máis igualada, onde ao Cidade custoulle meterse no partido, e unha segunda parte marcada polos dez primeiros minutos de xogo, nos que os locais sufrirían un baixón que os ferroláns aproveitaron para abrir unha brecha no marcador. Ao final, vitoria para os pupilos de Iván López e hat- trick para o xogador local Diego Vázquez, que foi o autor dos tres tantos do Cidade de Narón esta tarde.

diego-c-p

Así pois, a primeira parte arrincaba cun Cidade esperando a media cancha e un Parrulo xogando de catro e buscando accións individuais en banda. Isto provocaba que os de Javi Albes tivesen menos posesión de balón e lles custase máis saír da presión que exercían os ferroláns. Con todo, dous roubos en media cancha propiciarían as dúas primeiras oportunidades claras dos locais: un tiro ao pau de Buján e unha acción de Brais que non lograba culminar con éxito e que impedían aos naroneses poñerse por diante no marcador.

Brais2-c-p

Minutos despois chegaría o primeiro tanto de O Parrulo, obra de Alberto, quen batería a Niceto tras unha xogada en media cancha. Corría o minuto 8 de xogo e a reacción dos amarelos non se facía esperar, xa que un minuto máis tarde Buján sería o encargado de meter un balón ao segundo pau que finalizaba Diego Vázquez á perfección. O segundo tanto anotado polos visitantes chegaría tras unha perda de balón nunha saída do Cidade, nunha máis que dubidosa falta ao capitán naronés, que favorecía unha superioridade ante o porteiro local e finalizaba en tanto de Raúl.

Co 1-2 no luminoso da Gándara, o partido entrou nunha fase máis tranquila de xogo, cun Cidade que xogaba máis con pivot e consiguía ter moita máis profundidade. E así se chegaba ao descanso.

A segunda parte se iniciaba cun Cidade que gañaba profundidade no ataque, que conectaba máis co pivot e que conseguía xerar perigo en varias accións en córner e en banda. Pero a medida que foron pasando os minutos, O Parrulo se foi atopando máis cómodo na cancha á vez que ía xerando máis espazos. Tanto foi así que tras dúas accións de superioridade nas que se plantou diante da portería de Niceto conseguía unha renda de dous goles no marcador. O tempo morto solicitado por Javi Albes freou o ritmo frenético do partido pero non impediu que nunha xogada illada O Parrulo anotase o quinto tanto do encontro.

A partir dese momento, os naroneses sacaron porteiro-xogador, cambiando o ritmo do partido e anotando dous goles máis, obra do goleador da xornada, Diego Vázquez. Brais tería posteriormente unha ocasión clarísima baixo paus que non materializou. E, a falta de dous minutos chegaría a xogada polémica do encontro cun penalti claro por man dentro da área, que os árbitros, con todo, non sinalaron. O último minuto e medio do partido foi de claro dominio dos naroneses que acusaron o bajón dos dez primeiros minutos da segunda parte e non conseguiron remontar a contenda.

Ao termo do encontro, o técnico local felicitaba a O Parrulo Ferrol FS “ B” pola súa vitoria. “Fixeron máis méritos para porta que o Cidade - manifestaba Javi Albes - que a mediados da segunda parte atopouse cun marcador adverso e perdeu un pouco a intensidade coa que viña xogando”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Niceto, Iago Otero, Rubén, Guille e Buján. Tamén xogaron Iván, Diego, Brais e Oli.

O Parrulo Ferrol FS “B”: Regueira, Diego López, Noel, Borja e Alex Naveira. Tamén xogaron Raúl, Domingos, Muriel, Yago, Alberto e Marcos.

Goles: (0-1) min 8, Alberto; (1-1) min. 9, Diego; (1-2) min. 12, Raúl; (1-3) min. 25, Raúl; (1-4) min. 28,Yago; (1-5) min. 30, Noel; (2-5) min. 33, Diego; (3-5) min. 37, Diego.

Árbitros: Manuel Dans Rey e Borja Moreira Bermúdez (C.T.A.F.S. Galicia). Amonestaron con tarxeta amarela a Buján, no minuto 4; a Guille, no minuto 31; a Iván, no minuto 32; a Iago Q, no minuto 28; a Brais, no minuto 39 e ao delegado Oscar López, no minuto 15, polo Cidade de Narón; a Raúl, no minuto 27; a Padín, no minuto 29; a Domingos, no minuto 30; a Alberto, no minuto 35 e a Diego Díaz, no minuto 13 e Iván López, no minuto 28, ambos do corpo técnico, polo Parrulo Ferrol FS “B”.

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara. Ante un centenar de afeccionados.

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg