Dura derrota do Cidade en terras palentinas malia ao bo xogo despregado

080122 Guardo web

 

  • Os naroneses, que se adiantaron no marcador ata en dúas ocasións, mereceron máis nun partido no que foron a pola vitoria dende o primeiro minuto de xogo
  • Guille, Jacobo e Rober anotaron os tres tantos do Narón

Narón, 9 de xaneiro de 2022.- Mereceu máis o Cidade de Narón neste primeiro encontro do ano contra o Deporcyl Guardo. Un partido que se disputaba no Pavillón Municipal El Soto da localidade palentina de Saldaña e que remataba cun marcador de 5 tantos a 3 a favor dos locais malia ao bo xogo despregado polos naroneses. O choque, moi igualado e intenso, contou cunha primeira parte atípica polos sete tantos anotados, e un segundo tempo máis controlado. Os encargados de anotar os goles do Narón foron Guille, Jacobo e Rober.

Os primeiros vinte minutos arrancaron moi ben para os naroneses cun gol temperán de Guille no minuto 1 de partido. Os locais non tardaron en contestar, e no minuto 4, Bedmar anotaba o primeiro gol do Guardo. Con empate a un no luminoso, os de Javi Albes continuaron traballando no seu xogo de ataque, e no minuto 9 ese traballo daba novamente os seu froitos xa que logo dun tiro exterior dos naroneses que pegaba na man dun xogador local, os árbitros sinalaban a pena máxima e Jacobo era o encargado de tirar e poñer o 1-2 no marcador.

O encontro continuou con moito ritmo e moita intensidade por parte dos dous equipos e un minuto despois do gol naronés, Jorge respondía empatando de novo o partido. Cun Guardo apertando en ¾ de cancha e un Cidade que agardaba en media pista, Brian poñía aos locais por primeira vez por diante no marcador no minuto 12, tras unha boa xogada individual en banda.

A partires dese momento o Cidade se asentou no encontro e Iván dispuxo dunha clarísima ocasión para igualar de novo a choque, que tirou ao pao. E no minuto 18, os locais anotaron o 4-2 grazas a unha boa xogada individual e un tiro exterior. Pero aínda quedaría tempo para que o Cidade recortase distancias co gol anotado por Rober no minuto 19 de partido. Un tanto co que se chegaba ao descanso e que deixaba unha segunda parte moi aberta.

No segundo tempo o Cidade se fixo co dominio do encontro e conseguiu xerar numerosas ocasións claras de gol, tanto en tiro exterior como de estratexia. Así, Jacobo contou con dous tiros de lonxe que sacou ben Gómez baixo paos; Rober gozou dunha ocasión clarísima dentro da área e Diego xutou un tiro lateral que a piques estivo de entrar. Mentres, o Guardo non era quen de ganduxar boas xogadas de ataque nin conseguir finalizacións claras grazas, en boa parte, ao bo traballo realizado polo porteiro naronés Fer Combarro, quen desbaratou as poucas oportunidades das que dispuxeron os locais.

Cun Deporcyl que non inquietaba a portería do Cidade e un Narón que decidiu ir a polo encontro sacando porteiro-xogador se chegou aos cinco últimos minutos de xogo. A primeira oportunidade dos naroneses foi rexeitada por un xogador local coa cabeza cando o balón ía directo a gol e a última e definitiva viría das botas de Guille desde o lateral. Pero, finalmente, foi o Guardo quen, logo dun rexeite a un tiro naronés, conseguiu o 5-3 a porta baleira.

Javi Albes destacou ao remate do partido o xogo desenvolvido polos seus xogadores para facerse cos tres puntos e lamentou que “logo do vivido na cancha non poidamos traer, polo menos, un empate”.

El Cidade de Narón xogará o vindeiro sábado na Gándara contra o Mieres.

Ficha técnica:

Deporcyl Guardo: Gómez, Beto, Rubén, Jorge e Bedmar. Tamén xogaron Brian, Iván e Raúl.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Brais e Jacobo. Tamén xogaron Eric, Rober, Iván e Rubén.


Goles: (0-1) min. 1, Guille; (1-1) min 4, Bedmar; (1-2) min. 9, Jacobo; (2-2) min. 10, Jorge; (3-2) min. 12, Brian; (4-2) min. 18, Jorge; (4-3) min. 19, Rober; (5-3) min. 39 (Bedmar).

Árbitros: Luis Ángel Gregorio e Fernando Viedma (C.T.A.F.S. Castelán-Leonés).

Pavillón: PM El Soto (Saldaña-Palencia).

O Cidade volve sen puntos da súa visita ao Ribeira

 web Ribeira

  • Os naroneses, que encadearon tres vitorias consecutivas nas últimas xornadas ligueiras, fixeron méritos dabondo para volver a sumar
  • Guille foi o encargado de anotar o tanto do partido

Narón, 12 de decembro de 2021.- O Cidade de Narón rompeu coa racha de vitorias das últimas tres xornadas de liga e volveu de balde da súa visita ao Ribeira de Piquín. E iso malia que os xogadores que adestra Javi Albes fixeron méritos dabondo para puntuar nunha cancha sempre difícil e ante un rival moi intenso. O marcador final foi de 3-1 para os locais. O encargado de anotar o tanto dos naroneses foi Guille.

O Cidade saíu á pista do municipal de Lugo moi enchufado e gozando nos primeiros compases de xogo das primeiras oportunidades claras diante da meta local. A primeira delas chegaba da man de Diego á saída dun córner; e momentos despois era Iván o que desaproveitaba a oportunidade de anotar logo de recibir un balón en longo e gañarlle ás costas á defensa lucense. Mentres, a primeira chegada de Ribeira viña logo dunha perda en media cancha do Narón que Monterroso, logo dun tiro e dun rebote, converteu en gol. Era o minuto 4 de partido.

Cidade non perdeu a concentración e continuou ben plantado en media cancha e xerando ocasións de estratexia con tiros de Jacobo e Iván. Pola súa banda, o Ribeira se atopaba cómodo co marcador a favor pero lle costaba saír co balón. Ata que a falta de 30 segundos para o descanso, os árbitros sinalaron unha falta ao borde do área naronesa que Iker converteu no segundo tanto local. Con 2-0 no marcador se marchaban os xogadores ao vestiario do municipal de Lugo.

A segunda parte comezou cun Cidade que saíu claramente a polo partido e que se valeu dunha xogada individual de Iván para anotar o primeiro e único tanto do equipo de Narón neste encontro. O gol, aos 15 segundos de comezar o segundo tempo, foi obra de Guille logo de aproveitar o rexeite do porteiro local a tiro do 9 naronés. Un tanto que serviu para que os amarelos colleran ás e subiran a presionar a saída de balón do Ribeira.

Foi neses intres cando o Cidade gozou das mellores ocasións para igualar o marcador: unha oportunidade de Diego que cruzou o balón en exceso ante a portería de Arenas, varias xogadas de estratexia que non callaron grazas á boa actuación do porteiro local e un Ribeira que, cunha intensidade defensiva alta, alcanzaba as cinco faltas. O equipo naronés tiña entón a oportunidade máis clara para empatar logo dunha gran paralela que Diego rematou só ante o porteiro e marrou.

O partido mudou tras unha perda na saída de balón do Cidade que propiciou que Ribeira, a través de Fran, anotase o 3-1 e lle complicase moito o partido a un Narón que, a partir dese instante buscou a figura de porteiro-xogador. A estratexia permitiu a Iván primeiro, a Brais de tiro exterior, e a Pablo finalmente, dispoñer de novas oportunidades para anotar, pero sen sorte.

Ao remate do partido, Javi Albes lamentou que “unha vez máis a falta de finalización nos impediu traernos algún punto para a casa malia ás oportunidades das que dispuxemos ao logo dos 40 minutos de xogo”.

O Cidade de Narón xogará o último partido do ano na Gándara o vindeiro sábado, a partir das sete do serán, fronte ao Esteo.

 

Ficha técnica:

Ribeira de Piquín FS: Arenas, Fran, Carlos Toimil, Javi e David. Tamén xogaron Adrián, Iker, Monterroso, Pablo e Jhordan.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Rober, Iván e Diego. Tamén xogaron Luis, Brais, Rubé, Pablo e Jacobo

Goles: (1-0) min. 4, Monterroso; (2-0) min 19, Iker; (2-1) min. 21, Guille; (3-1) min. 34, Fran.

Árbitros: Daniel Dacal Deza e Borja Pérez Muñiz (C.T.A.F.S. Galicia).

Pavillón: PM de Lugo (Lugo).

O Cidade fai a épica ante o Valladolid e vence por 5-3 logo dun impresionante segundo tempo

web UVA

  • Os naroneses se refixeron tras a expulsión de Niceto no minuto seis do primeiro tempo e remontaron un 0-3 para acabar gañando con claridade
  • Iván (2), Rubén, Brais e Jacobo foron os encargados de anotar os tantos do encontro

Narón, 5 de decembro de 2021.- O Cidade de Narón ofreceu esta xornada un encontro dos que fan afección no choque que o enfrontou ante o UVA Valladolid. Os xogadores que adestra Javi Albes demostraron que son quen de se medrar ante as adversidades e remontaron un partido que se poñía costa arriba nada máis arrancar coa expulsión de Niceto no minuto 6. Sen porteiro e ante a ausencia de Fer Combarro, aínda recuperándose da fractura da man esquerda que sufriu na sexta xornada, os naroneses sortearon tres goles en contra para rematar gañando por 5-3. Un marcador que mesmo poido ser máis avultado polos méritos e as oportunidades coas que contaron os xogadores amarelos, sobre todo no segundo tempo. Ao final, goles de Iván (2), Rubén, Jacobo e Brais; tantos que permiten sumar tres puntos máis ao casilleiro naronés.

O primeiro tempo comezou cun Cidade de Narón moi metido no encontro. Os de Albes saían ben da presión do Valladolid e xeraban moitas accións ofensivas, o que deixaba un UVA desbordado en tarefas defensivas. Ata que no minuto seis Niceto foi expulsado tras saír ao borde da área para repeler un balón co peito e petar este de rebote na man. Sen porteiro e con dous minutos por diante en inferioridade numérica, os naroneses refixeron a súa defensa e volveron a coller as rendas do encontro. E así foi, ate que no minuto 11 o xogador vallisoletano David desfacía a igualdade a ceros do marcador nunha contra ben levada.

Tres minutos máis tarde volveu o UVA a golpear. Nesta ocasión foi Armand o encargado de bater no minuto 14 a Diego, convertido esta xornada en porteiro xogador. Malia este revés, os de Narón non baixaron as mans e o seguiron intentado con xogadas de estratexia, segundos paos e accións de un para un. Pero todos eses intentos se atoparon co acerto do porteiro visitante.

Con 0-2 no marcador da Gándara se chegaba ao descanso.

O segundo tempo arrancou cun Cidade que volveu a saír a pola vitoria e un Valladolid que decidiu non arriscar co resultado a favor. De maneira que a posesión de balón era do Cidade, moito máis incisivo en ataque, dispoñendo de moitas finalizacións pero sen sorte para inaugurar o seu marcador. Ata que unha perda en media pista dos naroneses deu a oportunidades aos do UVA para anotar o terceiro tanto por medio de David novamente. Un gol que caeu coma un xarro de auga fría no equipo local ao ver como o seu bo xogo non se traducía en resultados.

O Cidade non perdeu a cara ao partido e retomou o seu xogo de ataque. E o bo traballo realizado polos xogadores naroneses comezou a dar os seus froitos. Rubén era o encargado de abrir a lata e iniciar a remontada, convertendo en gol un pase de Jacobo dentro da área. Precisamente sería o 25 naronés o encargado de anotar o segundo tanto de volea no minuto 29 e dous minutos máis tarde, Iván anotaba o tanto do empate a tres.

No ecuador do segundo tempo o Cidade colleu totalmente as rendas do encontro xerando moitas ocasións e alternando o xogo de presión con defensas en media cancha. Pola súa banda, o UVA Valladolid a penas se inquietou a portería naronesa nestes compases do partido. Ata que o Cidade conseguiu poñerse por diante no minuto 34 grazas a un tanto de Brais e manexou o partido ata os minutos finais, onde un roubo en porteiro-xogador de Iván ao equipo visitante se converteu no quinto e definitivo gol do Narón.

Javier Albes amosou ao remate do encontro a súa satisfacción polo esforzo de todo o equipo “para remontar un marcador adverso de 0-3 e acabar levándonos o partido por 5-3, logo dun grandísimo traballo no segundo tempo”.

O Cidade de Narón viaxará a vindeira semana a Lugo para medirse ao Ribeira FS.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Nice, Guille, Iván, Brais e Rubén. Tamén xogaron Eric, Rober, Diego, Pablo e Jacobo.

UVA Valladolid: Álvaro, Javi, Armand, Ignacio e Rubén. Tamén xogaron Víctor, Carlos, David, Mario, Pablo e Diego.


Goles: (0-1) min. 11, David; (0-2) min 14, Armand; (0-3) min. 23, David; (1-3) min. 25, Rubén; (2-3) min. 29, Jacobo; (3-3) min. 32, Iván; (4-3) min. 34, Brais; (5-3) min. 38, Iván.

Árbitros: Daniel Eduardo Muñoz García e José Enrique Rodríguez Rendal (C.T.A.F.S. Principado de Asturias).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

O Cidade suma tres valiosos puntos tras gañar en Pontevedra ao Leis por 4-5

Leis Pontevedra web

  • Os naroneses remontaron un marcador que ao descanso sinalaba 1-3 a favor dos locais grazas a unha férrea defensa e ao acerto cara á porta
  • Os goleadores da xornada foron Jacobo, que anotou dous tantos, Rober, Brais e Iván

Narón, 28 de novembro de 2021.- O Cidade de Narón volveu de Pontevedra con tres puntos de ouro logo de impoñerse ao Leis por 4-5 no encontro correspondente á décimo primeira xornada de Liga. Os de Javi Albes lograron remontar un marcador adverso ao descanso de 1-3 a favor dos locais, para rematar impoñéndose por 4-5 aos pontevedreses. Os encargados de anotar os goles naroneses foron Jacobo, que sumou dous tantos, Rober, Brais e Iván.

O partido arrancou cun claro dominio local. Os de Pontevedra dispuxeron nos primeiros compases de xogo de varias ocasións claras para abrir o marcador: a primeira delas salvada por Niceto logo dun tiro exterior e unha segunda acción na que a alianza entre Cley e Saúl daba como froito o primeiro tanto local. Corría o minuto un de partido e o Cidade decidiu estirarse un pouco para frear os ataques do Leis. E, malia non atoparse cómodo nunha pista demasiado esvaradiza, os naroneses empataron o encontro no minuto dous grazas a unha xogada de estratexia que Jacobo finalizou á perfección.

O partido entrou a partir dese momento nunha nova fase, onde os locais seguiron levando as rendas do choque e o Cidade tentou recorrer ao xogo de pivot pero sen atopar aínda a fluidez necesaria e sen inquietar a penas a portería do Leis, agás polas xogadas a balón parado coas que os de Narón gozaron de dúas boas ocasións para desfacer a igualdade. E cando o partido semellaba máis igualado, unha perda de balón preto da portería que defendía Niceto foi aproveitada por Mario para anotar o segundo tanto local.

O Cidade non atopaba o seu sitio na cancha e recorreu ao tiro exterior: ben a través de Jacobo, ben a través de Iván, que o intentaron en varias ocasións sen acerto. E nesas chegou o terceiro tanto local, logo dunha recuperación do Leis en media cancha que en contraataque anotou o 3-1 co que se chegou ao descanso.

O segundo tempo comezou cun Cidade máis intenso e subindo liñas para cortar o xogo do Leis co seu referente en ataque: o seu pivot Cley. E cando se cumprían catro minutos de xogo, Rober recortaba distancias tras un roubo en media pista e tras zafarse do rival.

O segundo tanto do 8 naronés deu alas aos amarelos que dous minutos despois, no 26, conseguiron empatar o partido grazas a un novo roubo de balón, neste caso obra de Eric, que cedeu o esférico a Brais para que este batese a portería pontevedresa.

A partir dese momento o choque entrou noutra fase, cun xogo moito máis trabado e sen ritmo polos numerosos paróns. O Cidade semellaba entón estar moito máis metido en partido, xerando varias ocasións á contra que non finalizou. Pero unha perda en media cancha dos de Narón se converteu no cuarto gol local, logo dun tiro desde os 12 metros de Cley que sorprendeu a Niceto.

Malia este revés, os xogadores amarelos non perderon a cara ao encontro e nunha acción de estratexia Iván puxo o empate a catro tantos no luminoso do pavillón Monte Carrasco Marcón.

O partido se abriu aínda máis, con varias ocasións para o Leis ao contraataque que non rematou, e tamén para o Cidade, quen por medio de Rober a piques estivo de desfacer a igualdade tras dispoñer dunha boa oportunidade dentro da área. E no minuto 37, a estratexia volveu a darlle aos naroneses a efectividade buscada, xa que Jacobo anotou ao segundo pao o gol que lle deu a vitoria ao seu equipo.

O adestrador naronés Javier Albes destacou ao remate o “bo encontro a nivel defensivo que realizaron os nosos xogadores, que se ben estiveron algo menos acertados en ataque, foron moi efectivos no xogo de estratexia para poder conseguir esta vitoria”. O vindeiro fin de semana o Cidade de Narón xogará na casa contra o UVA Valladolid.

Ficha técnica:

Leis Pontevedra FS: Álvaro, Nicolás, Jonathan, Cley y Saúl. Tamén xogaron Pablo, Simón, Raúl, Mario, Arturo e Alejandro.

Cidade de Narón: Nice, Iván, Diego, Rubén e Jacobo. Tamén xogaron Oly, Luis, Eric, Guille, Rober, Brais e Pablo.

Goles: (1-0) min. 1, Saúl; (1-1) min 2, Jacobo; (2-1) min. 9, Mario; (3-1) min. 11, Simón; (3-2) min. 24, Rober; (3-3) min. 26, Brais; (4-3) min. 31, Cley; (4-4) min. 33, Iván; (4-5) min. 37, Jacobo.

Árbitros: Olivier Cardero Rodríguez e Iván Feliz Otero(C.T.A.F.S. Galicia).

Pavillón: PM Monte Carrasco Marcón (Pontevedra).

O Cidade recupera a senda da vitoria tras gañar ao Albense por 4-2

web Albense

  • Os naroneses realizaron un encontro moi serio ao longo dos 40 minutos de xogo
  • Iván, en dúas ocasións, xunto con Brais e Rober foron os encargados de anotar os tantos do Narón

Narón, 21 de novembro de 2021.- O Cidade de Narón recuperou esta xornada o camiño da vitoria tras impoñerse por 4-2 na Gándara ao Piensos Durán Albense. Un triunfo merecido para os xogadores que adestra Javi Albes e importante, tanto a nivel de clasificación como no eido moral, logo de caer nas últimas xornadas nos últimos compases de xogo. Os goleadores da xornada foron Iván, que anotou ate en dúas ocasións, Brais e Rober.

O primeiro tempo arrancaba cun Cidade que saía cun xogo directo que daba os seus froitos xa na primeira xogada de ataque, na que Iván recibiu un balón e logo de xirarse anotou o primeiro tanto do partido. Corría o minuto un de xogo e o gol do 9 naronés daba unha certa tranquilidade aos xogadores amarelos, que recuperaban as boas sensacións.

Con ese marcador a favor, o equipo de Narón disfrutou de dez minutos de xogo moi fluído e no que xerou abondosas situacións de perigo na área dun Albense ao que lle costaba estirarse e que o intentaba con tiros exteriores.

Pero pasado o ecuador da primeira parte, o Cidade baixou un pouco o ritmo, o que aproveitou o equipo visitante para asumir máis riscos e abrir un pouco o seu xogo. Malia a isto, o Cidade seguiu a crear situacións de perigo en accións de córner e tiros exteriores que ben puideron servir para aumentar a renda dos naroneses. Ata que nunha transición ofensiva do Albense, Juan empatou o encontro aproveitando un rebote dentro da área naronesa. Con 1-1 no marcador se chegaba ao descanso na Gándara.

O segundo tempo seguiu unha tónica semellante ao primeiro, con boas ocasións para os dous equipos. Sen embargo, o Cidade asumiu o control do partido cunha maior posesión do balón e concedendo poucas transicións ofensivas a Albense, que se viu obrigado a atacar defensas en media pista.

E así chegaba no minuto 28 o segundo tanto naronés nas botas de Brais. Un gol que permitiu ao Cidade xestionar mellor este segundo tempo. Pola contra, o xogador máis incisivo do Albense, Morales, intentaba igualar o choque con accións de 1 para 1 e con tiros exteriores. Pero os de Javi Albes seguiron a folla de ruta marcada, xogando simple e correndo poucos riscos para poder conservar a vantaxe acadada.

O partido entrou na súa recta final con Cidade defendendo o 5 para 4 do Albense que, nunha boa acción combinativa conseguiu poñer o empate a 2 no marcador. Corría o minuto 37 e o seu autor foi Alvaro Morales. E nesas, o equipo naronés decidiu ir a por todas xogando en superioridade o que lle permitiu na primeira acción de 5 para 4 romper a igualdade a través dun tanto de Iván. O partido gañou en intensidade e nun roubo de balón de Rober en primeira liña, este marcou a porta baleira o cuarto e definitivo tanto dos locais.

Tras o encontro, o adestrador naronés recoñecía a importancia da vitoria “porque nos permitiu recuperar sensacións e o aspecto psicolóxico, logo dos últimos resultados negativos dos últimos partidos”.

O vindeiro fin de semana o Cidade de Narón se desprazará ata Pontevedra para xogar ante o Leis.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Nice, Iván, Diego, Brais e Rubén. Tamén xogaron Eric, Guille, Rober, Pablo e Jacobo.

Piensos Durán Albense: Durán, Álvaro, Juan, Javi Pinto e Jorge. Sergio Sánchez, Roberto, Carlos, Sergio Moreiro, Marcos e Carlos Tejedor.

Goles: (1-0) min. 1, Iván; (1-1) min 19, Juan; (2-1) min. 28, Brais; (2-2) min. 37, Álvaro; (3-2) min. 38, Iván; (4-2) min. 39, (Rober).

Árbitros: Francisco J. Roldán e Alfredo Castro (C.T.A.F.S. Galicia).

Pavillón: CMD A Gándara.

01_concello_naron.jpg02_padroado_deportes.jpg03_xunta_de_galicia.jpg04_fundacion_deporte_galego.jpg05_deputacion_coruna.jpg06_mafer.jpg07_fraguela.jpg
02_logo_marcial.jpg03_logo_TOBS.jpg04_logo_tintosec.jpg05_logo_cadenadial.jpg06_Logo_Telecom.jpg07_logo_Terafis.jpg08_viaxes_naron.jpg09_autos_camilo.jpg12_urbaser.jpg13_logo_calzadosmara.jpg15_logo_joyeria_fidalgo.jpg16_tienda_taberna_chis.jpg18_logo_error_ferrol.jpg19_logo_avansig.jpg22_Valio_marquesina.jpg29_Ramos_marquesina.jpg30_InmoCallao_marquesina.jpg31_Carlos_Veiga_marquesina.jpg